Coa obra 'Cultivos transxénicos'

Carlos Negro obtén o I Premio de Poesía 'Victoriano Taibo'


Etiquetas: literatura, poesía

09/09/2008 - AGN

O escritor de Lalín Carlos Negro obtivo o primeiro Premio de Poesía 'Victoriano Taibo', convocado pola Entidade Local de Morgadáns de Gondomar e o Instituto de Estudos Miñoranos. O xurado tamén acordou facer unha mención especial dos orixinais presentados baixo o lema de 'Strategemata' e 'Imposturas'.

Co lema 'Cultivos transxénicos', Negro presentou un pranto pola agonía e morte da sociedade tradicional rural e un exame dorense dos síntomas tráxicos e grotescos desa agonía, cunha visión actual, perspicaz e reveladora. Serve de limiar un poema inicial artellado mediante a fórmula de preguntas e respostas, que remeda unha entrevista xornalística ao tempo que parodia o 'Catecismo do labrego' de Lamas Carvajal.

Un pranto cargado de ironía
O xurado valorou a "orixinalidade" coa que aborda o ton elexíaco, mediante o emprego da ironía e a parodia, con "densidade lírica" e "coidado formal". A decisión foi tomada por unanimidade logo de escoller nove obras finalistas de entre un total de 48 orixinais presentados, de "alta calidade literaria", segundo salienta o xurado, formado pola xornalista Araceli Gonda, a profesora e poeta Marta Dacosta e o profesor Gonzalo Navaza, así como o director do Instituto de Estudos Miñoranos, Carlos Méixome, e o presidente da Entidade Local de Morgadáns, Urbano Esmerode, ambos sen voto.

O premio consiste nunha dotación de 3.000 euros, nunha escultura conmemorativa realizada polo artista miñorán Fino Lorenzo e na edición da obra nunha colección de poesía do Instituto de Estudos Miñoranos que se denominará Colección Victoriano Taibo.

O galardón será entregado no marco dunha serie de actos que se celebrarán en Morgadáns a finais de outubro para homenaxear a figura de Victoriano Taibo e reivindicar o seu labor literario e cultural, como membro das Irmandades da Fala, do Instituto de Estudos Históricos do Minho e da Real Academia Galega e como colaborador do xornal O Tío Marcos da Portela.

O gañador
Carlos Negro (Lalín, 1970) exerce como profesor de Lingua e Literatura Galega no Colexio Eusebio Lorenzo Baleirón, no concello coruñés de Dodro. Licenciado en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela, desempeñou o cargo de secretario xeral da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Como escritor, desde mediados da década dos noventa ten participado en numerosos recitais e eventos poéticos celebrados en diversas localidades de Galicia e dedícase a impartir talleres sobre creación literaria, colabora cos actos literarios celebrados na Algarabía de Lalín, e é asiduo colaborador das Forxas Literarias celebradas na Solaina de Piloño (Vila de Cruces). Ademais ten publicados tres poemarios individuais: as laranxas de alí babá, Far-west e Héleris.

3'2 (5 votos)

Para valorar comentarios debes estar rexistrado.


Acceder Crear usuario

Non podes valorar os teus propios comentarios.



Só podes valorar o comentario unha vez.



¿Comentas?

Interésanos a túa opinión, pero 'con sentidiño'. Nada de insultos nin descalificacións.
Borraranse todos os comentarios que, con criterio subxetivo como en toda web, se consideren inadecuados.
E lembra, non lles deas de comer aos trolls...
Para calquera dúbida, consulta a guía de comentarios.


Acceder Crear usuario

Podes comentar sen ter que crear un usuario, pero é recomendable se queres acceder a todas as funcionalidades dos comentarios (votacións, karma, foto personalizada...)





captcha

Cambiar por outro


Un pouco de HTML está ben
Podes usar algunhas etiquetas HTML <a></a>, <b></b>, <s></s>, <u></u>, <i></i>