XUSTIZA
Otero Parga e Palmou Lorenzo, novos académicos da Xurisprudencia galega
25/04/2012 - Axencias / Galiciaé LV
A Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación nomeou a Xesús Palmou Lorenzo e María Milagros Otero Parga novos académicos de número da institución.
Fontes da institución informan de que, con este acordo, Palmou Lorenzo recibirá a medalla número 29 do organismo e a catedrática María Milagros Otero Parga o número 27.
Palmou Lorenzo, actual conselleiro do Consello de Contas de Galicia e membro da Comisión Superior de Dereito Civil de Galicia, é doutor en Dereito e exerceu a avogacía durante dezasete anos. Ademais de ocupar o cargo de conselleiro de Xustiza na Xunta de Manuel Fraga, como deputado autonómico polo PPdeG participou na elaboración das diferentes leis galegas de dereito civil e do recurso de casación.
Pola súa banda, María Milagros Otero Parga, catedrática de Filosofía do Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, ocupou ademais o decanato da facultade de Dereito desta institución no ano 2001, converténdose na primeira muller en chegar a ese cargo nos seus máis de 500 anos de historia. Así mesmo, é profesora visitante con carácter permanente na Universidade Autónoma de México e profesora extraordinaria do claustro da Universidade Santo Tomás de Chile.
Non podes valorar os teus propios comentarios.
Só podes valorar o comentario unha vez.
Borraranse os comentarios que conteñan insultos e/ou contidos inadecuados.
Para calquera dúbida, consulta a guía de comentarios.










