Hai tipos novos e belos que viaxan en avións privados, acuden aos seus hoteis de gran luxo tras cristais afumados de todoterreos negros e precisan de gardacostas anchos coma hipopótamos. O curioso é que os mozotes son poetas. O convencional é que son personaxes dun conto do libro Auga pesada de Martin Amis.
Ninguén se puxo rico escribindo versos, pero a poesía ás veces despréndese da súa natureza satelital e achégase ao planeta da narrativa. Eduardo Estévez habita nun satélite internético chamado Lúa Gris e a adoita visitar outro que denominou En construción. Nese segundo instalou unha base para ir xerando, ao longo de dous anos, un poemario.
Estévez gañou no mes de maio o Premio González Garcés de Poesía, que a Deputación da Coruña acompaña de 6.500 euros, co texto Construcións. O xurado entendeu por maioría que era o poemario dunha calidade máis elevada entre os 55 presentados.
Xavier Lama ficou de finalista con Cabalos do alén na cidade das fábulas. Na pasada semana, a Deputación sacou o galardón a Estévez atendendo unha denuncia de Lama no senso de que o gañador publicara xa unha parte da obra recoñecida na páxina En Construción.
O resultado positivo de todo este proceso é que nunca tanto se comentou a poesía nos polígonos galegos da internet, o negativo é que o libro premiado finalmente é o segundo mellor dos que concorreron. A decisión sensata, no caso de que o xurado recoñecese como válida a argumentación do finalista, sería deixar o galardón sen gañador. Está ben que os organizadores do ‘González Garcés’ corrixan a quen incurriu nun erro, se se entende que amosar en público a medra duns textos co que logo se concorre a un premio é un erro, mais non acho o motivo para llelo entregaren ao autor dun poemario que nada gañou.
As persoas que decidiron que a proposta de Eduardo Estévez era a dotada de maior calidade, analizaron ese traballo en comparanza co de Cabalos do alén na cidade das fábulas e con outros 53 textos que non coñecen máis ca eles e, loxicamente, os seus autores. A semana pasada deixaron fóra o principal referente para xuzgar, o texto de Estévez.
Un membro do xurado desvelou que descalificaran outro poemario que lles remitiran porque unha parte fora publicada nunha revista. Esa confesión dá a entender que, en honestidade, descoñecían a existencia de En Construción e o seu criterio non estivo toldado por un coñecemento previo.
Seguen transcorrendo as horas e os días na Lúa gris, e tamén no planeta azul, e os organizadores non nos explicaron que razón os levou a trasacordar no canto de defender que a súa decisión fora adoptada con honestidade e que Eduardo Estévez presentara o máis acertado dos poemarios.
29/09/2008