O Tribunal de Xustiza da Unión Europea condenou hoxe a España por infrinxir á directiva comunitaria relativa á conservación das aves silvestres, ó non ter designadas zonas de protección especial de aves (ZEPA) dabondo en Galicia e noutras seis comunidades autónomas (Andalucía, Canarias, Baleares, Castilla-La Mancha, Cataluña e Comunidade Valenciana).
Os xuíces comunitarios déronlle a razón á Comisión Europea no recurso presentado contra España o 4 de xuño de 2004, o que supoñía o último paso dun procedemento de infracción que xa comezou no ano 2000, cando a Comisión notificou por primeira vez ó Goberno de Madrid que había moi poucas ZEPA nestas sete comunidades autónomas.
No caso concreto de Galicia, o Executivo comunitario alegaba que "só un 10%" das áreas importantes de conservación estaban clasificadas como zonas de protección de aves, polo que había especies desprotexidas como o urogalo, o avetouro ou o falcón abelleiro. A sentenza recoñece que as autoridades de Galicia e Andalucía designaron novas ZEPA fóra do prazo estipulado, polo que non se tiveron en conta neste proceso. Foi o caso, por exemplo, dos humedais de Corrubedo.
Rede Natura
Dende a Consellería de Medio Ambiente confían en subsanar o problema este mesmo ano, coa ampliación dos espazos recollidos na Rede Natura. Segundo os datos da consellería, actualmente existen 14 ZEPA no territorio galego, que se estenden por 71.579 hectáreas. Con este proceso pasaríase a ter 16 ZEPA e un total de 104.473 hectáreas.
A sentenza non conleva multa económica do pago dos custes do proceso a cargo de España. Agora as sete comunidades autónomas disporán dun prazo de algo máis dun ano para executar o ditame dos xuíces. Se pasado este tempo non se cumpriron as condicións, a Comisión Europea podería reabrir o expediente e iniciar os trámites para denunciar de novo a España ante a xustiza comunitaria.
28/06/2007