Raseiros
21/06/2012 - Xabi Arias
Menos mal que un non é futboleiro e vaise enterando, inexorablemente e sen pretendelo, dos resultados da Eurocopa. Sabido é que en cada cantina (que non cantinela) hai un fato de adestradores que se por eles fose porían e quitarían xogadores como os rapaces cando nos recreos cambiabamos cromos (aqueles entrañables sipi ou nopi), deixando aparte internet e redes sociais, ávidas de reformular ata o exceso o maxestático concepto da democracia participativa e a opinión libre por riba de todo.
Aínda que haxa ocasións nas que a opinión persoal pretenda erixirse en verdade absoluta e irrebatible. O raseiro mídese segundo veña a conto. Non hai nada máis certo que aquilo de “ir cos da feira e volver cos do mercado”.
Cando o sol quenta, todo é marabilloso. Ata hai que esquecer penais non pitados a Croacia; diso xa falaremos cando lle toque ao Madrid, pero agora nada de villaratos nin alusións á Unicef. Anda que non se lles ve o plumeiro a algúns coa clasificación de Portugal, non por casualidade, viveiro de xogadores do equipo merengue. Haberá que pedir que gañe... Alemaña. A ver se así Merkel lle pega un centro-chut aos mercados.










