Castiñeiras: ''Na Catedral dedicábase a roubar todo o mundo''


Etiquetas: cámara, donativos, Catedral, roubar, Xantia, coche, roubo, Códice Calixtino

08/07/2012 - Galiciaé LV / Axencias

O electricista Manuel Fernández Castiñeiras confesou antes de pasar a disposición xudicial que gardara o Códice Calixtino no maleteiro do seu vello Xantia unha tarde enteira, informou hoxe a Efe unha fonte próxima ao caso.

"Si, fun eu quen roubou o libro. Leveimo o 4 de xullo do ano pasado, sobre as 12 da mañá", contou aos investigadores o pasado 5 de xullo este exempregado da Catedral, que prestou os seus servizos como autónomo ata 2005 no templo compostelán.

Horas antes de ser interrogado polo xuíz instrutor, este técnico relatou que fora a misa e que accedeu a esta estancia do arquivo coas chaves que el tiña, ata chegar ao manuscrito do século XII envolvido nun pano vermello, informa a mesma fonte.

Despois, e tras tomarse un café e dar o seu habitual paseo, o electricista comeu coa súa muller e a última hora do día acudiu ao garaxe de Milladoiro (A Coruña) no que deixara aparcado o seu vello automóbil, de cor verde, para sacar esta obra e trasladala.

A comisión xudicial localizouno o pasado mércores nunha praza de aparcadoiro pechada, que facía as veces de trasteiro, propiedade de Castiñeiras e situada tamén en Milladoiro.

Este libro dun valor incalculable estaba envolto en papeis de xornais e bolsas, dentro dunha caixa de cartón.

Unha cámara gravou ao presunto autor material da desaparición deste documento saíndo da basílica compostelá ese 4 de xullo e ataviado cun abrigo. Nas imaxes captadas, sinalou a Efe esta fonte, apréciase "unha especie de vulto", que soamente empezou a tomar sentido cando as sospeitas se centraron en ''Manolo'', como se lle coñece.

Ao cuestionario do maxistrado galego José Antonio Vázquez Taín, o pasado día 6, o suposto autor da desaparición desta xoia histórica contestou con menos locuacidade, e máis evasivas: "Non sei", "se cadra", "depende", foron as súas respostas máis repetidas.

Fernández Castiñeiras relatou, segundo apuntou esta fonte, que as chaves llas proporcionaron "os que mandaban alí", que na Catedral "dedicábase a roubar todo o mundo" e que el se decatou disto "por rumores".

Tamén que se había un Ano Xacobeo, el sabía que "había menos control" sobre os donativos e ofrendas que entraban, "que eran moitas", engadiu esta fonte.

Así mesmo, esforzouse por facer ver que el era un "aldeán", un "pobre home".

No domicilio de Castiñeiras, os axentes interviñeron tres libros contables nos que este electricista marcaría con datas e cantidades cada un dos seus saqueos dun "xeito minucioso", informa esta fonte.

"Cada ano está nun libro", apostila, desde 2004 a 2006. "Segundo parece, é en 2004 cando empezou a coller cantidades importantes de diñeiro", comenta a fonte.

Ao final de cada libro, en vermello, aparece a "cifra redondeada" das ganancias obtidas nesa anualidade, puntualiza.

A Policía atopou "un millón cen mil euros longo", pero "hai como 400.000 euros máis, que constan nestas anotacións, e non foron localizados", subliña.

Fernández Castiñeiras, a súa muller Remedios Nieto, e o seu fillo, Jesús Fernández Nieto, están encarcerados na prisión coruñesa de Teixeiro. "Ningún deles se mostrou proclive a colaborar. A maior facilidade de palabra deuse na confesión", manifesta esta fonte".

5'0 (3 votos)

Para valorar comentarios debes estar rexistrado.


Acceder Crear usuario

Non podes valorar os teus propios comentarios.



Só podes valorar o comentario unha vez.



1 comentario

Borraranse os comentarios que conteñan insultos e/ou contidos inadecuados.
Para calquera dúbida, consulta a guía de comentarios.


#1 Por tourignan 09-07-2012 12:28

Normal

que noxo...todos roubaban...miuda.institucion sacra...chea de ladrons e ladroeiros...que se o levaban cru todo...o que hai que ver.


Acceder Crear usuario

Podes comentar sen ter que crear un usuario, pero é recomendable se queres acceder a todas as funcionalidades dos comentarios (votacións, karma, foto personalizada...)





captcha

Cambiar por outro


Un pouco de HTML está ben
Podes usar algunhas etiquetas HTML <a></a>, <b></b>, <s></s>, <u></u>, <i></i>