Ollo Mol

A Academia Sueca descoñece os móbiles suecos?


Etiquetas: Nobel, premios, literatura

13/10/2008 - Jaureguizar

Sempre que se falla o Premio Nobel de Literatura infórmannos sobre o que estaba facendo o escritor no momento de recibir a noticia. Le Clézio, como o resto dos galardonados estaba na casa. Aínda ignoro a razón de que centos de autores que se consideran con méritos para gañar un Nobel estean na casa ás once da mañá polo horario internacional e á unha da tarde polo de Estocolmo. Tampouco acabo de comprender por que a Academia Sueca chama sempre a teléfonos fixos e domésticos sendo unha institución dun país no que se fabrican moitos dos móbiles que usamos todos.

Iso si, os meritorios están todos apegadiños aos seus aparellos arámicos. Doris Lessing, unha muller sensata, fóra de compras.

Le Clézio estaba, casualmente, lendo A ditadura da tristeza de Stig Dagerman cando o chamaron para comunicarlle o galardón. Casualmente, era un texto dun escritor que lle gusta moito e que aproveitou para citar. Casualmente, as apostas polo seu nome para o Nobel en Labrokes subiran coma un ascensor no día anterior.

O que debería facer un francés á unha da tarde é estar tomando uns biscotes untados de foie e bebendo un viño da Borgoña mentres mira unha reposición dun Torneo das Cinco Nacións, pero Le Clézio estaba lendo, e non un manual de segadoras para xardín, senón un volume dun autor que debe de ter requetelido.

Seguro que John Updike, Philip Roth ou Don Delillo marcharon a esa mesma hora a un bar para baleiraren unha xarra de cervexa e informarse de quen xogará este ano a SuperBowl. Calquera dos tres sabían que o secretario permanente da Academia Sueca, Horace Engdahl, non os había de telefonar á casa porque xa dixera que o Nobel para un norteamericano ‘nin patrás’.

Sabedores de que Engdhal é devoto da literatura francesa, todos os afeccionados á lectura temíamos o peor. Nos últimos anos, a literatura gala non deu nada interesante, de quitadas as novelas de Patrick Modiano no plano literario e as barrabasadas de Michel Houellebecq no plano do espectáculo.

Pero Modiano é moito Modiano para ter un Nobel. Se ultimamente a Academia Sueca deixou morrer a Saul Bellow e a Norman Mailer sen recoñecelos, se Updike e Roth poden agardar sentados polo seu pasamento sen lograr a gloria sueca, non ían premiar ao mellor escritor francés vivo.

O único que lin de Le Clézio é o seu apelido,polo que non podo opinar sobre a súa obra, pero o xurado nobelístico, tan atento á imaxe que proxecta, votou por amosarse cosmopolita, ecoloxista e indixenista a través do autor escollido. Un escritor que defende o medio ambiente e as vellas culturas de México; que pode contestar en francés, inglés ou en español aos periodistas; que segue sendo atractivo: un candidato perfecto. A literatura? A ver se no 2009...

4'0 (4 votos)

Para valorar comentarios debes estar registrado.


Acceder Crear usuario

No puedes valorar tus propios comentarios.



Ya has valorado este comentario



¿Comentas?

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.


Acceder Crear usuario

Puedes comentar sin tener que crear un usuario, pero es recomendable si quieres acceder a todas las funcionalidades de los comentarios (votaciones, karma, foto personalizada)





captcha

Cambiar por outro


Un poco de HTML está bien
Puedes usar algunas etiquetas HTML <a></a>, <b></b>, <s></s>, <u></u>, <i></i>