EE UU
12 mortos e 38 feridos nun tiroteo dentro dunha sala de cine en Colorado
20/07/2012 - Galiciaé LV / Axencias
As autoridades rebaixaron a 12 a cifra de mortes confirmadas polo tiroteo nun cine de Denver (estado de Colorado), con polo menos 38 feridos de diversa consideración, segundo cifras recompiladas pola cadea CNN.
Información relacionada
James Wilburn, quen estaba na segunda fila de butacas na Sala 9 do complexo Century, dixo ao diario The Denver Post que un home, vestido de negro e cunha máscara, entrou por unha porta de urxencia á fronte da sala.
Testemuñas indican que o atacante vestía de xeito similar ao antagonista de Batman na película que proxectaban, un terrorista chamado Bane, que ten o rostro cuberto por unha máscara e ameaza con detonar unha bomba nunha metrópoli. "Estaba vestido de negro, tiña unha escopeta na man e un rifle en bandoleira", dixo Wilburn, "e tiña un chaleco antibala e unha máscara antigas".
O individuo, segundo esta testemuña, deixou caer un tubo de contido lacrimóxeno, levantou a escopeta e empezou a disparar cara á audiencia. Unha vez que esgotou o cargador da escopeta, dixo Wilburn, o individuo con toda acouga deixouna caer ao chan, tomou o rifle e seguiu disparando. Wilburn dixo que escoitou uns 30 disparos mentres el e os seus amigos permanecían escondidos detrás das butacas.
INVESTIGACIÓN
A policía indicou que o sospeitoso é un home branco, de 24 anos de idade, que foi arrestado sen violencia e dixo ás autoridades que había explosivos no seu automóbil e no seu apartamento.
A policía describiu o rifle usado no ataque como unha arma automática "do tipo de AK-47".
Non atoparon explosivos no vehículo, con placas de licenza de Tennessee, pero evacuou aos residentes dun edificio de tres pisos de apartamentos, no norte de Aurora, onde se iniciou a procura de material perigoso.
O portavoz do departamento de Policía de Aurora, Frank Fania, dixo á televisión que o individuo, un home novo de pouco máis de 20 anos de idade, portaba un rifle, unha escopeta, unha pistola e chaleco antibala e que aínda se descoñecen os motivos da súa acción.
"As testemuñas dixeron que o home apareceu na parte frontal da sala, pero non está claro se saíu desde atrás da pantalla ou por unha das portas, e comezou a disparar", agregou Fania.
Outra testemuña declarou á cadea CNN de televisión que el escoitou entre dez e vinte disparos de armas de fogo e unha explosión, mentres que varios asistentes falaron dalgún artefacto que xerou fume dentro da sala. Tras os disparos soou a alarma de incendios e o público apresurouse cara ás saídas, o cal pode causar máis feridos.
Non podes valorar os teus propios comentarios.
Só podes valorar o comentario unha vez.
¿Comentas?
Borraranse os comentarios que conteñan insultos e/ou contidos inadecuados.
Para calquera dúbida, consulta a guía de comentarios.










