Ollo Mol
Fernández Paz será a próxima vítima
27/10/2008 - Jaureguizar
O que mellor se lle dá a Agustín Fernández Paz non é escribir: é disimular. Non se pode explicar doutro xeito que os titulares salienten que o novelista vilalbés gañase o Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil "cunha obra escrita en galego". Fernández Paz escribe de sempre en galego. Claro, que moitas persoas mesmo se informaron da súa existencia lendo que lle deran un galardón por escribir para pícaros.
Hai que disimular moito, ou ser tan humilde como el, para ser un dos escritores que máis vende en galego (suma xa 275.000 exemplares), en español, en catalán e no que lle coloquen dediante, sen que se lle note nada.
O fenómeno non é exclusivo del: aí están Paco Martín e Xabier Docampo ou Fina Casalderrey, os outros tres gañadores galegos dos trinta anos que levan entregándose os premios nacionais de LIX. Todo o que logran é seren ignorados e case que ter que pedir perdón polo seu éxito e polas vendas dos seus libros baixo a acusación de ser lidos por rapaces.
O primeiro paso para solucionalo sería recoñecer (nos suplementos, nos espazos radiofónicos, na televisión) a existencia dunha literatura enfocada a novos. Logo viría o decatarse de que é a mellor literatura que se escribe en Galicia. Non é que o afirme eu, é que o afirman ano tras ano os seus libros, os premios estatais que os recoñecen e as traducións que lles fan. A esas achegas únense as de Xosé Miranda, Xosé Antonio Neira Cruz ou Marcos Calveiro.
Nas súas obras están os grandes temas (a vida e a morte, o amor e o odio, o poder e o sometemento) contados cun nivel de coñecemento técnico elevado, superior ao da maioría autores para adultos. Dáme mágoa, pero non coñezo a ninguén que queira aprender os elementos básicos dunha novela —trama, estrutura, personaxes e ritmo— e que lea libros de Agustín Fernández Paz para logralo. Sorpréndeme, porque os textos do vilalbés son modélicos na aplicación deses catro aspectos.
Aquí preferimos a prosa bonita, a prosa diccionarial, co maior número de palabras desaparecidas por páxina e mellor se están referidas ao rural, a nosa Arcadia en ‘outlet’, na que os nosos escritores evitan vivir.
No canto diso Fernández Paz inspírase no cinema e no cómic para narrar. Esa base agroma no seu xeito eficaz de contar as tramas de terror, á sombra de Lovecraft, ou de sentimentos, como en O único que queda é o amor, no que o escritor convídanos á trastenda para amosarnos a Wong Kar Wai, Auster ou Pamuk.
Ben, pois aí temos outro Premio Nacional, votado en Madrid por persoas que tiveron a calidade desta decena de contos por toda guía. Aí temos outro candidato a ser ignorado, como Martín, como Docampo, como Casalderrey. Claro, que escriben para cativos. A quen se lle ocorre!
No puedes valorar tus propios comentarios.
Ya has valorado este comentario
Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.










