Entrevista a Javier Otero, director de Radio Galicia Cadena SER

''A liberdade non chegou á radio ata dous anos despois da morte de Franco''


Etiquetas: franquismo, libertad de expresión

20/11/2008 - Anxa Correa. AGN

Javier Otero é o actual director de Radio Galicia, a primeira emisora de Galicia que cumpre 75 anos e que hoxe pertence á Cadena SER. ''Entrei xunto con outras dúas persoas no ano 75 para facer un programa de sobremesa, estiven alí ata o 95, do 95 ao 2004 e logo estiven traballando noutros medios, entre eles AGN. No 2004 volvín á SER'', explica.

A emisora celebra este xoves 20 de novembro unha festa ''de cumpreanos, pero sen tarta'' no CGAC, moi preto de onde estivo instalada a emisora nos seus primeiros 50 anos, no mosteiro de San Domingos de Bonaval. Alí recoñeceranse os méritos de institucións e persoas que apoiaron a emisora durante este tempo, como a Universidade de Santiago, a Cámara de Comercio, Xerardo Fernández Albor, Xerardo Estévez, Xosé Manuel Beiras, Isaac Díaz Pardo, Farruco ou Pepe Domingo Castaño.

Pregunta: Como lembra os inicios na emisora?

Resposta: Cando entrei na radio non había informativos, os informativos estaban aínda baixo a censura do xeneral Franco, viviamos coa prohibición de emitir noticias, coa obriga de conectar cos diarios falados da Radio Nacional e coa censura previa. Isto dá unha idea do dura que foi a Transición, a liberdade de información non chega á radio ata dous anos despois da morte de Franco.

No 77 chegan os informativos á SER, aínda que xa existían veladamente en dúas revistas de actualidade, como Matinal e Hora 25. Fernando Madriñán máis eu puxemos en marcha os informativos na SER, e no 77 poñemos o primeiro informativo galego na radio, que se transmite por todas as emisoras da SER en Galicia, e iso é o inicio da evolución da radio. Se ata entón era só nacional, internacional e local, aí entramos xa a cubrir a información autonómica.

P: Antes incluso de que existise a autonomía...

R: Claro. Recordo como un traballo brutal a cobertura informativa da negociación do Estatuto, coa UCD no Goberno e o enfrontamento entre a UCD de Madrid e a de Galicia, que capitaneaba Antonio Rosón, e a campaña que a parte máis reaccionaria de UCD desatou contra el a través de Interviú para acabar co proceso estatutario.

Os logros
P: Entrou xa na 'agonía' do Franquismo, percibíanse xa resquicios de liberdade?

R: Había, pero había todavía censura previa. Eu lembro Hora 25, morto Franco xa, no ano 76, ter que dar a información con moitísimo coidado, porque non tiñamos permiso para dar información, e podíase pechar a radio.

Ameazas chegaron moitísimas. No ano 33 en Santiago tiñamos un programa chamado La palabra, pero había un informativo ás 10 da noite, pero do ano 36 ao 77, está prohibida a información na radio. A radio que se escoita en Galicia é a SER, precisamente porque esta emisora é a primeira, e hoxe segue sendo líder en audiencia porque a xente leva toda a vida escoitando esa radio.

P: Nestes 75 anos de radio en Galicia, cales considera que foron os maiores logros?

R: Naqueles anos do Franquismo, conseguir un entretemento non alienante era un éxito. Lembro series de radio como Dos hombres buenos que me parecían marabillosas. Había unha radio moi imaxinativa, moi creativa, que tivo logros no seu momento. Despois, a radio a partir do ano 77 emprende unha carreira veloz pola información.

Hoxendía a radio xa non é como era, a radio é un compromiso coa actualidade total, ou é actualidade ou non é nada. E entre os éxitos cóntanse por exemplo dous Premios Ondas a Radio Galicia, desgrazadamente o primeiro foi co Casón e o segundo co Prestige.

P: A radio é actualidade, pero hoxe compite con outro medio igual de inmediato, como internet, cales son os retos da radio dentro dese panorama? Como se pode fortalecer?

R: A chegada do transistor foi xa unha revolución para a radio. A radio en internet é un cambio máis, vaise escoitar por máis sitios a radio, pero non vai haber ningunha transformación. Pode ser que haxa máis opcións de radio, porque xa non depende dunha concesión. Haberá que ver quen ofrece mellores contidos, e quen ten máis credibilidade, e para iso hai que cumprir como bo xornalista, ser independente, veraz, exacto e ecuánime.

0'0 (0 votos)

valorar_registrado


Acceder Crear usuario

valorar_propios



valorar_valorado



¿Comentas?

comentarios_interesa guía de comentarios.


Acceder Crear usuario

co_explica





captcha

Cambiar por outro


co_pouco_html
co_etiquetas_html

Fotos

Javier Otero, director de radio Galicia (Pepe Ferrín/AGN)
Javier Otero, director de radio Galicia (Pepe Ferrín/AGN)