Ollo mol
Os franceses tamén descubriron o mundo
25/11/2008 - Jaureguizar
Hai ben tempo que Francia deixou de ser o café central das letras internacionais. Agora, os grandes libros escríbense en inglés e véndense en Franfkfurt negociados polo axente norteamericano Andrew Wylie. Pero os franceses miran a mesa na que están sentados cos libros dos seus autoriños e seguen convencidos de que eles son o centro. De feito, Pascale Casanova fixo no 99 unha análise da globalización da literatura, 'A república mundial das letras' (Seuil; Anagrama, en español) e situou, embiguistamente, a capital en París.
Na primeira metade do século XX, os cafés de Saint Germain foron certamente o núcleo do universo, pero, cos anos, os libros foron marchando en procesión disciplinada tras os cartos para acabar na outra beira do Atlántico. E os galos, ao seu, que para iso abren moito a boca para pronunciaren o 'a' de 'grandeur'. Porén, todo o que conseguiron amosar por riba do seu valado fronteirizo nos últimos anos foi espectáculo máis ca literatura: Michael Houellebecq e os seus libros sobre clonación nos que cita ao cantante David Bisbal, Amélie Nothobm e os seus menús de vexetais podres, Frèdèric Beigbeder e as súas autocrónicas de como un executivo novo e toleirán acabou no paro, e Virgine Despentes, ex traballadora dun 'peep show', coa súa épica de dúas prostitutas que dan en seren asasinas en serie.
Forons os mesmiños franceses, sen aceptaren axuda de ninguén, claro, os que repararon en que debían mudar. Custoulles superar a norma consuetudinaria de que había que ser parisino para chegar a responsable dos grandes partidos políticos, dos xornais de maior tiraxe ou dos clubes que encabezan a liga de rugby. Agora, eles soíños, xa digo, van asumindo que deben recoñecer a autores que naceron fóra de Francia e que escriben en francés se queren volver ao centro dos debates literarios. Por ese motivo andan premiando a autores alófonos cos seus galardóns de maior sona e prestixio: o Premio Goncourt foi para un afgano polo seu primeiro libro en francés e o 'Renadout' para un guineano.
Este ano cadroulles, a maiores, que o secretario da Academia Sueca botou unha man co seu criterio de amante da literatura francesa e Le Clézio levou o 'Nobel'. Nós tamén deberiamos erguer a ollada, pero Galicia sempre foi un paisiño esquecido na República Mundial das Letras. Asumíndoo, temos que decatarnos de que a renovación virá cos alófonos, cos que nos poidan contar dende fóra con perspectiva abonda como para retratarnos con certeza. Algún intento houbo, e non penso nos europeos Ursula Heinze ou Frank Meyer, senón en africanos coma Víctor Omgbá. O escritor camerunés entregounos no 2001 'Calella sen saída', unha crónica da inmigración, en parte autobiográfica, de gran interese. O malo é que non volvín saber del e non teño noticia doutros innmigrantes que se animen.
No puedes valorar tus propios comentarios.
Ya has valorado este comentario
Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.










