Contaminación
Desaparecen as abellas, por culpa dos pesticidas
18/07/2007 - Xeración
A Asociación Galega de Apicultura (AGA) culpa aos pesticidas da desaparición das abellas en Galicia, un problema que, segundo alertan, afecta a determinadas zonas da nosa comunidade dende 10 anos atrás.
Información relacionada
Historia dunha desaparición
As primeiras zonas afectadas en Galicia, segundo lembra AGA, foron zonas de horticultura, dez anos atrás. A morte destes insectos coincidiu coa aparición do mercado dunha nova xeración de pesticidas sistémicos neurotóxicos. En terreos hortícolas, "xa desapareceron a maior parte das abellas, entre o 50% e o 90%".
Hai catro ou cinco anos, comezou o problema en zonas gandeiras, coincidindo coa aparición e uso de sementes de millos tratadas con estes mesmos pesticidas. Nestas zonas, a Asociación Galega de Apicultores estima que desapareceu arredor da metade da poboación de abellas.
Nos últimos tempos, tamén se están a ver afectadas zonas de monte, preto de cultivos de trigo e centeo e de plantacións de eucalipto, tamén tratados con pesticidas neurotóxicos.
Plataforma Alerta
Para facer fronte a esta situación, AGA proponse crear unha plataforma que una a distintos colectivos na loita "en defensa das abellas, a saúde e o medio ambiente". A Asociación de Apicultura lembra que segundo a FAO, o 40% da alimentación depende das abellas, xa que o 80% das plantas precisan ser polinizadas para dar froitos, proceso no que as abellas cumpren un papel fundamental.
Propoñen a retirada do mercado destes pesticidas químicos e citan antecedendentes: "en Francia xa prohibiron o emprego destes fitosanitarios no tratamento de sementes de xirasol, colza e millo no ano 2004 e no inverno pasado notaron unha importante melloría".
Queren promover ademais unha "nova apicultura, que esixe un medio ambiente san". Insisten en que o uso de fitosanitarios na agricultura fai perigar a pervivencia das abella e que as técnicas de cultivo "deben evolucionar cara a prácticas máis respectuosas co medio ambiente".
No puedes valorar tus propios comentarios.
Ya has valorado este comentario
¿Comentas?
Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.










