ONU
Suspendidas as actividades dos cascos azuis marroquís en Costa de Marfil por abusos sexuais
22/07/2007 - Xeración
Todas as actividades do continxente de 732 cascos azuis marroquís destacados en Costa de Marfil foron suspendidas despois de varias denuncias de abusos sexuais, violacións e actos de pedofilia por parte das tropas.
Esta medida chega días despois de que o Secretario Xeral da ONU decidira a semana pasada prorrogar ata xaneiro do 2008 a misión dos 9.000 cascos azuis que deben velar polo mantemento da paz en Costa de Marfil.
Esta suspensión foi anunciada pola ONU na súa páxina web onde se sinala que “se trata de poñer en práctica a política de tolerancia cero das Nacións Unidas no referente ós abusos sexuais”. O continxente de Marrocos é o segundo en canto a número de efectivos da Misión da ONU en Costa de Marfil (UNOCI).
Antecedentes vergonzosos
Nos últimos anos, varios escándalos relacionados con abusos sexuais por parte de tropas da ONU saíron á luz pública, obrigando ó ex-secretario xeral, Kofi Annan, a facer unha declaración de tolerancia cero. “Os abusos sexuais son completamente inmorais e contrarios ó espírito da Carta das Nacións Unidas, e polo tanto deben ser castigados”, sinalou en decembro do 2005.
Os primeiros abusos por parte de forzas da ONU descubríronse no 2004, despois dunha investigación que revelou a súa existencia na misión das Nacións Unidas na República Democrática do Congo.
Dende entón, case 300 membros das forzas de Paz foron declaradas sospeitosas de levar a cabo prácticas deste tipo, especialmente nos destacamentos do Congo, Camboxa e Haití.
Foto: Páxina Web da UNOCI
No puedes valorar tus propios comentarios.
Ya has valorado este comentario
Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.










