Xurxo Souto, Alfonso Eiré e Santiago Jaureguizar fan memoria
Os 'culturetas' predín unha vitoria Irmandiña
26/12/2008 - Beti Vázquez
A Irmandiña naceu gañando. Unha vitoria por catro goles a un fronte a Castela no campo vigués de Coia foi a súa estrea. Corría o ano 1922 e dende aquela foi un non parar. Ata que lle puxeron a cambadela.
O combinado desapareceu dos campos coa chegada do franquismo. E coma todo o que aqueles anos ‘tocaron’, recuperala de novo custou suor… e algunha que outra patada.
Un pouco de historia
A selección galega non levantou cabeza ata que en 1977 o xornal A Nosa Terra abriu o debate. O primeiro partido despois da ditadura estivo a piques de celebrarse o 24 de xullo de 1980 en Compostela, pero colleu aos xogadores de vacacións.
"O partido era contra Euscadi", lembra Alfonso Eiré, director do xornal. A teoría era boa, pero na práctica o triunfo da filosofía do 23-F prohibiu a celebración de encontros contra calquera selección de fútbol. “Isto demostra o medo que había”.
Unha idea do colectivo Siareiros Galegos, o agrupamento de peñas do Celta, do Dépor e do Compostela (daquela en primeira división) recuperou a selección nos anos 90. E cal foi a idea? Un encontro entre siareiros e ‘culturetas’, profesionais do mundo da cultura implicados na reivindicación de devolver ao fútbol galego ao posto que merecía.
Cos intelectuais xogaron, entre outros, Xosé Manuel Pereiro, actual decano do Colexio de Xornalistas, o escritor Manuel Rivas, o artista Rómulo Sanjurjo ou o presentador de televisión Paco Lodeiro.
Pero tamén estaban o que foi líder dos Diplomáticos Xurxo Souto, o xornalista e escritor Santiago Jaureguizar e un terceiro que non podía faltar a esta cita: o propio Alfonso Eiré.
Emoción, reivindicación e... chuvia
“Foi un encontro emocionante, simbólico, un acto humilde de cidadáns que estabamos manifestando con grave risco das nosas canelas (risas), pois todos eramos bastante neófitos, unha demanda común da sociedade”.
Quen así fala é Xurxo Souto. Mergullado nun paseo pola memoria, viaxa a 1998, hai dez anos. Daquela celebrouse na Estrada o encontro entre siareiros e intelectuais. Xurxo matiza: “profesionais do mundo da cultura, porque, alomenos no meu caso, o de ‘intelectual’ é bastante... pomposo” (risas).
Aquel día chovía. “É o primeiro recordo que teño”, di Alfonso Eiré. E foi tamén o primeiro contratempo. O segundo: faltaban xogadores. “Tivemos que facer unha aliñación de circunstancias. Eu son porteiro e tiven que xogar adiante, ata que vimos que as cousas non ían moi ben (risas) e entón tiven que volver á portería”.
O xornalista carraspea un chisco, e disponse a desvelar o segredo da vitoria do conxunto rival. Pero primeiro, un dato para a nostalxia. “Acórdome con emoción de cando saímos ao campo, e de cando os gaiteiros tocaron o himno galego”. Agora si, o segredo da derrota. “Algúns, e non vou dicir os nomes, viñan de comer un cocido moi forte e en canto non lles foi baixando non daban corrido! (risas)”.
As lembranzas tamén lle chiscan un ollo a Jaureguizar. “Eu non ía xogar, só apoiar, pero deseguida me deron unha camiseta e acabei xogando cunhas botas... das de andar polo monte! (risas). Pero el non xogou cos seus. “Non. A min tocoume cos que eran bos! (risas) Os culturetas estaban todos fofos! Tiven sorte e gañamos. Eu non aportei nada, pero... eles xogaban moi ben! (ri)”.
Malleira siareira: 7- 2
E vaia se xogaban! Os siareiros encasquetáronlle sete goles, fronte aos dous trallazos dos intelectuais que nin sequera un porteiro profesional puido parar.
- Había moito libro e pouco fútbol no voso campo? Xurxo, as partidas bravas de futbolín non serviron de nada?
- X.S. (risas) Non me valeron de nada! Na primeira metade tratei de ser un muro de contención na defensa, e na segunda... arrastreime polo campo! (risas) No noso equipo había xogadores cunha idea moi reducida de xogar ao balompé, como é o meu caso.
Pero había auténticos mestres. Lembro a Paco Lodeiro no centro do campo, a Rómulo Sanjurjo que é un auténtico esquío na dianteira e sobre todo a acción proverbial para que a malleira non fose xa apocalíptica da araña de Chantada, o alcume do señor Eiré.
- A.E. (Orgulloso do seu alcume) Bueno, eu o que fixen sobre todo foi poñer orde atrás (risas). A min gústame mandar, mandar na defensa.
O problema era cando mandaba correr a Josito (Xosé Manuel Pereiro) ou a (Antón) Reixa e non daban máis de si! Enfadábanse comigo! (risas) O que había no noso campo eran demasiados quilos, demasiado cocido e falta de xogadores! (risas) Pero tiñamos no medio a Xurxo Souto, a Manuel Rivas e a Paco Lodeiro, que bregaron moito.
- S.J. Do outro lado había demasiada lectura e pouca zancada (risas). Pero conseguiuse o que se demandaba, aínda que tardamos. Galicia debería ter dende hai moito tempo unha selección.
(Os 'culturetas' daquel partido do 98 fan foto de familia. Enriba destas liñas, o primeiro pola dereita, Alfonso Eiré. Entre os que están de pé: o segundo pola dereita e abrazado a Manuel Rivas, Xurxo Souto. E o terceiro pola esquerda, a carón do porteiro, Xosé Manuel Pereiro, está Santiago Jaureguizar)
O potencial galego, no terreo de xogo
Unha selección que naceu cun único obxectivo: amosar o potencial do deporte feito en Galicia e por galegos.
“Agora collemos constancia da súa valía, do seu poder, da súa arte, e na medida na que os triunfos vaian medrando os directivos dos grandes equipos vencerán esa visión provinciana e empezarán a apostar por xogadores galegos”, confía Xurxo Souto.
E é que a Irmandiña ten unha aliñación de profesionais que brillan con luz propia, pero fóra da fronteira do país. A Jaureguizar o paradoxo non lle estraña. “Galicia aposta pouco por si mesma”, di, facendo un símil que lle toca de preto: “calquera escritor de cuarta fila ten máis éxito ca un de primeira fila galego, e co futbol pasa o mesmo. Sempre se pensa que o que vén de fóra é mellor que o que temos aquí”.
Deporte e política
Galicia aposta pouco por si mesma. Custou parir unha selección. E naceu ligada a unha opción política. “É coma identificar á Selección Española con outra”, resposta, tranquilo, Jaureguizar. O seu compañeiro, e sen embargo rival naquel encontro de hai dez anos, Xurxo Souto, vai máis aló.
“Hai un partido político, o BNG, que sente o nacionalismo e que sente con orgullo esta selección e está moi ben que o faga. O importante é que o resto de formacións superen complexos e que se atrevan a manifestar o orgullo de pertencer a un país cun discurso creativo no mundo da arte e tamén no mundo do deporte”.
Eiré prefire botar man dos datos, e dunha historia que coñece ben porque formou parte dela. “Cando quixemos facer a Selección Galega do 80 veu o golpe do 23-F e non se puido facer, por cuestións políticas. E no tempo de Fraga na Xunta tampouco se puido facer, tamén por cuestións políticas. Fíxose todo o posible para que Galicia non tivese selección de fútbol. Iso é así. Pero a Selección é de todos os galegos”.
A Irmandiña marcará tres goles
- Atrévense a mollárense e dar un resultado para o Galicia - Irán?
- S.J. (dubida) Irán é unha selección moi correosa… Confío en que gañemos por 3-0, por exemplo.
- X.S. Por suposto! Creo que imos gañar. Apunta un 3-0
- A.E. Primeiro teño que dicir que gañamos! (risas) Se non, non sería un bo siareiro da Selección. Gañaremos 3-1.
No puedes valorar tus propios comentarios.
Ya has valorado este comentario
Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.
#5 Por Dani 28-12-2008 17:28
O primeiro, o do nome, que en varios periodicos poñia Galiza e diciase bsatante Galiza, non se pode pedir que sexa a seleccion de todos xa que só os nacionalistas lle chaman asi.
E outra cousa inda mais importante é que esa xente da bandeira branca e azul celeste coa estrela vermella (en ningun caso se pode dicir que esa sexa a bandeira de Galicia) berren "Bote, bote, bote, Español el que no bote" (que aparte, manda carallo, polo menos podian dicilo en galego para non demostrar tan CLARISIMAMENTE o incoherentes que son) tampouco se pode pedir que sexa a seleccion de todos os galegos
#3 Por galaeicus 26-12-2008 14:45
Gustaríame facer un comentario, non polo artigo en si, senón por quen escrebe neste foro e aínda non se decata de que arestora, Galiza, ten tanto sentir e peso de Paós como Galicia e que por evolución idiomática, o acaído, sería Galiza; iso, á marxe de cuestións políticas.
Gustaríame facer un comentario, non polo artigo en si, senón por quen escrebe neste foro e aínda non se decata de que arestora, Galiza, ten tanto sentir e peso de Paós como Galicia e que por evolución idiomática, o acaído, sería Galiza; iso, á marxe de cuestións políticas.
O das bandeiras con "estrela vermella" pois, coido que a ninguén lle impiden levar a oficial. Se as persoas do BNG van e as levan, por algo será.
Porén, a ver se dunha p... vez neste País deixamos a p... miseria de exercermos do can do hortelán: "nin comer, nin deixar comer!".
E de paso, sería moi recomendable, ter un mínimo de respecto para quen non pense ou opine coma nós ou é que alguén de Vdes. posúe a verdade absoluta?
O das bandeiras con "estrela vermella" pois, coido que a ninguén lle impiden levar a oficial. Se as persoas do BNG van e as levan, por algo será.
Porén, a ver se dunha p... vez neste País deixamos a p... miseria de exercermos do can do hortelán: "nin comer, nin deixar comer!".
E de paso, sería moi recomendable, ter un mínimo de respecto para quen non pense ou opine coma nós ou é que alguén de Vdes. posúe a verdade absoluta?
Caramba, xa está ben de tanta ranciedade reaccionaria!
#1 Por Galicia 26-12-2008 12:50
O cartel promocional deste partido, di que a seleccion galega une. Mentres lle chamen Galiza e non Galicia non sera a seleccion de todos, e mentres nas gradas so se vexan bandeiras nacionalistas tampouco. Propaganda barata. Non mezclar politica e deporte por favor.












