Ollo Mol
Coidado cos spin off realizados en familia
29/12/2008 - Jaureguízar
Rodrigo sempre soubo que nunca escribiría literatura. Por iso se apelidou García e non García-Márquez. Rodrigo García escribe e dirixe a serie televisiva 'En terapia', que andan botando na Fox traducida para o español. Se algo lle sobran ao director son tres cousas: talento, valentía e o apelido de papá. A súa serie rachou co formato habitual de tres ou catro tramas entrefebradas e manexa cinco, unha por episodio. Cada capítulo corresponde a un ou dous pacientes que dialogan durante media hora cun siquiatra a respecto dos seus problemas, as súas dúbidas e o seu medo ao futuro. Rodrigo García tivo que ser moi ousado para plantexar a un produtor que ía propoñer un espectáculo teatralizante para competir con series de polícías guapísimos que usan os microscopios coma telescopios para explorar cadáveres ou de neurocirurxiáns de pasarela que son quen de armar frankensteins coma se fosen bonecos de Lego. Rodrigo García tivo sorte e deu coa cadea HBO, que se atreve con case que todo e case que acerta con todo. O espectáculo de Rodrigo García funciona porque o fillo de Gabo é quen de describir personaxes dunha solidez e unha coherencia como nunca deu feito o seu pai en ningunha das súas novelas. A serie está acadando éxito e nada me estrañaría que dela nacese un 'spin off', é dicir, que algún dos personaxes acadase serie de seu. Os 'spin off' triunfan ás veces, pero hai que levar coidado cos feitos na familia. Os descendentes de Víctor Hugo demandaron ao escritor François Ceresa por facer un 'spin off' con 'Os miserables' nas novelas 'Cosette ou o tempo das ilusións' e 'Marius ou o fuxitivo', e perderon no tribunal de apelación de París. Os xuíces entenderon que os herdeiros de Hugo carecían de dereito artístico sobre a obra do seu entrego e recorreron para argumentalo ao que escribiu o propio novelista en 1878: «O herdeiro de sangue é herdeiro de sangue. O escritor non ten herdeiro, o herdeiro é o espírito, o espírito humano, o dominio público». Non faltan escritores aos que o dominio público dá un desgusto. Ian McEwan informouse polo libro 'Derrota total', de David Sharpe, de que tiña un irmanastro de 59 anos. O verdadeiro nome de David Sharpe era Stuart McEwan e nacera dunha aventura que a nai gozara mentres o seu home estaba loitando contra os nazis. Ao saber que o home volvía a casa dende a batalla, a nai dos McEwan entregou a Stuart en adopción. A precaución deu en ser inútil porque o soldado que volvía acabou afogando nun naufraxio e a muller puido casar co pai do seu fillo inconfesable: David McEwan. Con el tería un segundo fillo, o escritor de novelas. Nin a unha nin o outro se preocuparon do primeiro cativo. Ian McEwan soubo del hai un ano e poida que aínda non se recuperase deste 'spin off'. A familia acaba metendo moitos, mesmo os escritores, 'en terapia'.
No puedes valorar tus propios comentarios.
Ya has valorado este comentario
Nos interesa tu opinión, pero con 'sentido'. Nada de insultos ni descalificaciones.
Se borrarán todos los comentarios que, con criterio subjetivo como en toda web, se consideren inadecuados.
Y recuerda, no des de comer a los trolls...
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.





