O Pórtico da Gloria e as bóvedas da Catedral de Santiago de Compostela disfrutarán dun lavado de cara grazas a un convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, a Fundación Barrié de la Maza e o cabildo catedralicio, polo que se levará a cabo unha fonda labor de restauración desta coñecida obra de arte románico.
O proxecto baséase en tres eixos fundamentais: a restauración do Pórtico da Gloria, a rehabilitación das pinturas de David Fernández nas bóvedas e arcos da Capela Maior e a ordenación dos Museos Catedralicios.
Xunto coa labor de restauración, realizaranse unha serie de actuacións en paralelo, como visitas por unha estada especial para poder observar o Pórtico dende outra perspectiva, así como a creación de becas para restauradores galegos.
Proxecto para o novo Ano Santo
A primeira fase de actuación centrarase nos estudos previos e na elaboración do Plan de Conservación Preventiva, a continuación aplicarase o Plan e redactarase o proxecto de intervención e, por último, restauraranse os elementos escultóricos e pictóricos do Pórtico.
A restauración do Pórtico da Gloria, “terá un prazo de execución de 32 meses aproximadamente” a partir de 2008, segundo explicou o vicepresidente da Fundación, José María Arias, mentres que o prazo das obras das bóvedas e o arco da Capela Maior “prevese que sexa de 15 meses, co que estará realizado ás portas do Ano Santo Compostelán en 2010”.
En canto á ordenación dos Museos Catedralicios, realizarase entre 2011 e 2012, no marco dun terceiro e futuro convenio.
26/07/2007