A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo
''A Cidade da Cultura posiciona a Galicia e á súa cultura no contexto internacional''
21/01/2009 - Olaia Ucha/AGN
A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, recibiu este martes na Cidade da Cultura aos participantes do I Congreso Internacional 'Lugares de Cultura. Creatividade para o desenvolvemento'. Durante o acto, a conselleira subliñou que a Cidade da Cultura se concebiu cunha "visión estratéxica", para así conseguir o "posicionamento de Galicia e da súa cultura no contexto internacional".
Asimesmo, asegurou que este complexo é un "proxecto de desenvolvemento endóxeno da Galicia do século XXI" e que, coa celebración deste foro, "deixa de ser un obxecto sobre o que se debate para ser un obxecto activo no debate cultural internacional".
Asemade, amosou o seu desexo de que "este lugar de cultura alente o debate" e que "as ideas sobre a cultura trascendan ao conxunto da sociedade". Por outro lado, a conselleira afirmou que a cultura é un "factor de desenvolvemento económico e social", ademais de "facernos máis libres e mellores".
Implicación de axentes
Pola súa banda, o director xerente da Fundación Cidade da Cultura, Francisco Carracedo, asegurou que a Cidade da Cultura sempre se contemplou como unha "estratexia de implicación dos axentes culturais, sociais e económicos do país" e que xa conseguíu converterse nun "espazo cultural referente"
Nesta mesma liña, puntualizou que o obxectivo de acoller este evento é "convertirnos nun referente do debate mundial sobre a cultura" e que a Cidade da Cultura chegue a ser unha "infraestructura útil e ao servizo da sociedade".
280 inscritos
A capital galega acolle este congreso, que será inaugurado oficialmente o mércores pola mañá, ata o venres 24. No marco deste foro, abordarase o papel que xogan os equipamentos culturais como ferramenta de desenvolvemento dos territorios. O congreso trata de reflexionar sobre a idea de cultura e desenvolvemento.
En primeiro lugar, desde a reflexión teórica que propón o relatorio inaugural, en que se analiza a evolución das propostas sobre cultura e desenvolvemento ao longo dos últimos 25 anos, o estado actual da cuestión e as liñas que se abren para afrontar o futuro. En segundo lugar, tamén se abordará desde as experiencias e boas prácticas que se están a desenvolver no momento actual, que permiten ver de que maneira os equipamentos culturais xeran beneficios para a súa comunidade.
Dous días antes da súa apertura, o congreso superaba xa os 280 inscritos. Unha boa parte destes asistentes procede de representantes do ámbito cultural de Galicia, seguido polas comunidades autónomas limítrofes, o resto do Estado, Portugal, Eslovaquia, Arxentina e Gambia
No puedes valorar tus propios comentarios.
Ya has valorado este comentario
Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.










