Literatura en galego
Vigo homenaxea a Méndez Ferrín polo seu setenta aniversario
05/02/2009 - AGN
Este venres, o escritor ourensán Xosé Luís Méndez Ferrín recibirá unha homenaxe polo seu setenta aniversario, celebrado en setembro do pasado ano. A homenaxe consistirá nunha cea no Pazo Os Escudos, en Vigo, que comezará ás dez da noite e terá un prezo de 35 euros. A comisión organizadora da homenaxe prevé que asistan ao evento boa parte dos principais representantes da cultura galega.
Antes, ás oito da noite, o Centro Social Caixanova da cidade olívica acollerá a presentación do libro 'A semente da nación soñada. Homenaxe a X.L. Méndez Ferrín', coeditado por Sotelo Blanco e Xerais. O volume foi confeccionado por unha comisión xestora formada, entre outros, polo académico Francisco Fernández Rei e os editores Manuel Bragado e Olegario Sotelo Blanco.
Os textos xiran en torno á figura do homenaxado ou sobre as súas relacións persoais, ou análises filolóxicas dos seus escritos, entre outras cuestións. As únicas linguas admitidas nas colaboracións foron o galego e o portugués. Entre os colaboradores, Anxo Angueira, Herique Costas, García Crego, Antón Dobao, Rosa López, Miguel Anxo Seixas ou Xabier López.
Traxectoria
Méndez Ferrín é desde hai anos o candidato que Galicia presenta ao Premio Nobel de Literatura, co apoio da Asociación de Escritores en Lingua Galega e do PEN. O seu libro de poesía máis coñecido é 'Con pólvora e magnolias', que marcaría un fito na lírica galega.
No tocante á narrativa, ten publicado numerosas obras como 'Tagen Ara' ou 'Arraianos'; ademais de varios ensaios. Por outra banda, dirixe dende 1990 a publicación 'A Trabe de Ouro' e trátase dun autor con fortes vencellos políticos nacionalistas e de esquerdas.
Non podes valorar os teus propios comentarios.
Só podes valorar o comentario unha vez.
Borraranse os comentarios que conteñan insultos e/ou contidos inadecuados.
Para calquera dúbida, consulta a guía de comentarios.










