Apple lanza unha nova xeración do seu popular ordenador de sobremesa, o iMac. Cun deseño moi similar ó anterior modelo, pero substituíndo o branco inmaculado dos últimos anos polo aluminio e cristal cunha franxa negra arredor da pantalla, como negro é o logotipo da mazá que aparece nas novas computadoras.
A principal característica no deseño destes novos aparatos é a extremada delgadeza, tanto do ordenador en si, coma do teclado. Ademais, a gama iMac perde o seu membro máis pequeno, o que tiña unha pantalla de 17 polgadas. En canto a rendemento, os novos ordenadores ofrecen máis capacidade nos discos duros e na memoria RAM.
Na mesma keynote na que o CEO de Apple, Steve Jobs presentou estes novos modelos, tamén se coñeceron outras novidades da compañía, por exemplo, a nova folla de cálculo 'Numbers' que completará a suite ofimática de Apple, ou a revisión do Mac Mini, que incorpora procesadores Core Duo de Intel.
Os iMac son un dos piares da estratexia comercial de Apple, que durante o último trimestre vendeu máis de 600.000 ordenadores de mesa, o 18% dos ingresos da compañía de Cupertino.
08/08/2007