Acto ridiculista
Duascentas persoas mobilízanse en defensa da Sala Nasa de Compostela
27/03/2009 - Galiciaé
Con pasamontañas e sen el. Do xeito da que algúns políticos os pintan e do xeito da que son de verdade. Unhas duascentas persoas acudiron á convocatoria da Sala Nasa para fotografarse e denunciar os ataques que recibiron durante as últimas semanas polo PP compostelán, quen pedía que se pechase a Sala e se lle retirasen as subvencións.
Información relacionada
Dúas fotos asinadas
As dúas fotos irán asinadas polos participantes e na segunda ademais aparecerá tamén a profesión de cada unha e cada un, porque ''somos cidadáns que non temos nada ocultar'', afirmou co megáfono e embutido nun mono laranxa o actor Xesús Ron. Estas fotos serán enviadas, en forma de póster, ''a aquelas persoas que nos acusaron de apoloxía do terrorismo'', para que vexan que son xente común.
Co teatro como arma, pois todos os que pousaron tiveron por un momento ter que porse no papel de ''terroristas'', figuras do mundo cultural saíron en defensa da Sala Nasa. Por facer un pouco de historia, a Nave de Servizos Artísticos, naceu no ano 1992 a iniciativa do grupo Chévere, e desde entón o seu obxectivo é dinamizar a produción cultural local, contando cunha programación estable ao longo de ano e que dispoñibiliza recursos a artistas e asociacións.
Criminalización
O activista cultural Carlos Santiago afirma que coas acusacións que se estaban vertendo sobre a sala ''ponse en cuestión unha institución como a Sala Nasa, que foi levantada co esforzo dos cidadáns'' e lamentou a criminalización que está a sufrir o sector cultural.
E por que contestar cun acto ridiculista? Pois ''porque a situación xa é bastante ridícula e é necesaria unha contestación á altura'', dixo Santiago.
O acto rematou cunhas palabras do dramaturgo Augusto Boal, autor do libro 'Teatro do Oprimido e outras poéticas políticas', e que foi encargado de redactar a mensaxe internacional para este día, cuxos parágrafos soaron na Praza do Obradoiro. ''Actores somos todos nós, e cidadán non é aquel que vive en sociedade: é aquel que a transforma!''.
Non podes valorar os teus propios comentarios.
Só podes valorar o comentario unha vez.
¿Comentas?
Interésanos a túa opinión, pero 'con sentidiño'. Nada de insultos nin descalificacións.
Borraranse todos os comentarios que, con criterio subxetivo como en toda web, se consideren inadecuados.
E lembra, non lles deas de comer aos trolls...
Para calquera dúbida, consulta a guía de comentarios.
Fotos
Momento do acto na Praza do Obradoiro. Foto: Jessica Barcala. AGN





