Día das Letras

Lois Pereiro, a encarnación dunha xeración


Etiquetas: reportaje, Día das Letras, poesía, documental, literatura

15/05/2009 - Aarón López

'Contra a morte' rematou de gravarse hai unhas semanas. Trátase dun documental que, a través de testimonios, recolle a traxectoria vital dunha das figuras máis tráxicas da literatura galega: o poeta de orixe monfotina Lois Pereiro. Dous mozos, Iago Martínez e Álex Cancelo, colleron a iniciativa e comezaron a recoller imaxes dos escenarios da dura vida do poeta para recuperar a memoria dun dos grandes esquecidos da literatura galega.

Información relacionada

A figura de Lois Pereiro é en parte unha encarnación da xeración na que lle tocou vivir: desde Monforte transládase a estudar idiomas a Madrid, onde no 81 é vítima da colza. Volta a Galicia xa co corpo enxoito e cunha enfermidade que había de acompañalo o resto da súa existencia.

''Entre o lado do libro e o lado da vida, el estaba do lado da vida'', afirma Iago Martínez. Nunha entrevista no número 11 de Galicia Internacional, o propio Lois Pereiro afirmaba que ''todo forma parte dun ciclo: vivir-falar-falar da propia vida-escribir e calar. Isto último é o máis difícil''. Así é a obra de Lois Pereiro nace dentro del propio, para percorrer as entrañas do ser e amosarnos como é a súa vida e tamén a de toda unha xeración que se desenvolveu nos anos 80.

O compromiso político tamén está presente na obra de Lois. Aínda que el nunca foi un militante nos seus poemarios si que se declara anarquista e tiña unha clara concepción política da vida. O máis interesante dos seus textos neste sentido é o seu visionario ensaio publicado en Luzes de Galiza titulado 'Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia'. Ademais, nos seus poemas aparece a xente de Chiapas, os republicanos...

Monforte
As paisaxes e a historia de Monforte deixarán para sempre pegada nas letras de Lois. ''Imaxino que a estética centroeuropea que sempre lle gustou veu polas néboas, o tren, as devesas do Incio'', cre o seu irmán Xosé Manuel. Que nacer en Monforte non parece unha casualidade. Un dos grandes símbolos na vida de Lois ían ser as vías do tren. Lois Pereiro nunca deixou de viaxar na súa vida. Sentía unha especial afección por Alemaña, país que visitou en diveresas ocasións.

''Monforte é un soño dos que están fóra'' é unha frase que lembran Iago e Alex cando se lles pregunta como puido influenciar unha vila como Monforte na produción poética do autor. ''É unha vila que ten a particulariedade de ter chegado antes a moitas cousas'', afirman. Por Monforte entraron o anarquismo e o sindicalismo da man dos traballadores ferroviarios e o propio ferrocarril é unha fenda aberta para a entrada e a saída de persoas e ideas.

Un dato tráxico sobre Monforte: é a vila por onde se colou a sida en Galicia. Monforte é o concello galego onde se contabilizou a primeira morte disgnosticada por esta enfermidade. ''A vida de Lois Pereiro e a de Monforte como cidade non foron moi diferentes'', afirma Iago.

Madrid e 'Loia'
Na segunda metade dos 70, Lois Pereiro transládase a Madrid para estudar idiomas na Escola Oficial de Idiomas. Nesta cidade compartirá piso co seu irmán Xosé Manuel e con Manuel Rivas. Pasará tamén a formar parte do conxunto da xente que editará 'Loia', unha publicación cativa, nacida en 1978, onde ven por primeira vez a luz os poemas de Lois.

Manuel Rivas definira nunha ocasión a esta revista como ''máis underground ca un gorrión nun metro''. Ademáis dos tres compañeiros de piso, nesta revista participaba tamén xente coma o artista plástivo Antón Patiño ou Fermín Bouza Brey. 'Loia' publicábase mediante fotocopias. Contaba cun deseño bastante ecléctico. A súa tirada era pequena, segundo lembra Antón Patiño excepto o número 4, do que sobrepasaron os 100 exemplares.

Lois sen embargo tiña unha personalidade solitaria e sempre andaba afastado da dinámica de grupo.  ''Simpatizaba coa ideoloxía asemblearia pero penso que vivía na súa burbulla literaria'', di Antón Patiño. Xosé Manuel, pola súa banda afirma que ''non sei como traballan os poetas, no seu caso consistía en ler moito, estar atento a todo o que se movía en música, no cine, na vida, e sempre remoía moito o que escribía''.

A colza
No ano 1981 moita da xente que integraba o círculo que editaba 'Loia' xa non estaba en Madrid. Lois ficara vivindo na capital do Estado español para continuar os seus estudios de idiomas. Era unha época moi axitada. ''Unha vez os guerrilleiros de Cristo Rey parárono pola rúa e estiveron a punto de zouparlle'', conta Iago Martínez. E non só axitados a nivel político. Nestes anos aparece tamén a enfermidade da colza. Unha das súas vítimas, Lois Pereiro.

''Daquela o aceite vendíase na porta dos casas, era unha cousa bastante normal, sobre todo en Madrid. A eles venderónllo os butaneiros e comezaron a cociñar con el'', explica Iago. Os integrantes do piso no que vivía foron todos infectados pola colza, pero Lois foi o que en peor estado quedou. ''Perdeu moita masa muscular, non tiña mobilidade nas articulacións'', describe.

''Ó comezo non sabía que era, e recordo a ollada que me botou un médico en Lugo cando lle dixen que os síntomas que tiña eran os daquela enfermidade que había en Madrid'', lembra Xosé Manuel. O asunto da colza continúa rodeado de mestos neboeiros. A desinformación sobre o que estaba a ocorrer e as desafortunadas declaracións dos políticos non axudaban a comprender o que pasaba. O ministro de Sanidade daquela época dicía que a colza ''es un bichito que si se cae de la mesa se mata''. Resulta que non foi tan inofensivo como afirmaban as voces oficiais.

Anos 80 na Coruña
A comezos dos 80 Lois Pereiro anda saltando de Monforte á Coruña, onde vive o seu irmán, pasando por Compostela. Despois instálase na Coruña. A pesar de que a doenza da colza sempre vai facer mella na súa saúde, conseguira recuperar masa corporal e mobilidade. Nesta etapa compartirá diversos proxectos co seu irmán Xosé Manuel, que aquelas alturas era integrante do grupo punk Radio Océano, un dos referentes da 'movida coruñesa' e que puxeron música a algún poema de Lois.

Xosé Manuel di daqueles tempos que a afirmación de que houbese dous focos culturais, o de Vigo e d'A Coruña ''máis ben eran etiquetas. Musicalmente, na Coruña eramos máis duros e máis sinistros. En cuestión de publicacións, La Naval apostaba pola épica irónica e Tintimán, polo glamour. A diferenza fundamental era que en Vigo os poderes locais despepitábanse por apoiar e aproveitar o fenómeno, e na Coruña ignorábano, no mellor dos casos''.

O papel de Lois foi máis de espectador que de dinamizador da 'movida' coruñesa. ''El sempre foi por libre, non era quen de integrarse en grupos que non fosen os de amigos ou os afectivos'', di o seu irmán. Entre os proxectos nos que traballou atópase a revista La Naval, do que formaba parte do consello de redacción.

Tamén estivo activo na organización do Desembarco das Forzas Atroces do Noroeste, unhas xornadas culturais que tiveron lugar en Santander no ano 86, ás que foron convidados músicos e artistas galegos coa finalidade de opoñerse á nova concepción 'mediterránea' que se estaba a impoñer da cultura do Estado español.

Colaborou co grupo poético coruñés 'De amor e desamor' fundado no ano 1984. Este grupo, no que estaban entre outros Manuel Rivas, Lino Braxe ou Fernán-Vello, dedicábase a dinamizar a vida cultural coruñesa e organizaba recitais en diferentes locais. Poemas de Lois apareceron nas dúas antoloxías que existen  sobre o grupo. A xente que provén desta xeración tamén impulsará diveersos proxectos culturais como a revista Luzes de Galiza.

A poesía última
Tra-lo seu ingreso no hospital por un grave empeoramento do seu estado de saúde, Lois Pereiro viu a vida dunha forma nova. É consciente de que se lle deu unha segunda oportunidade para continuar con unha vida que, tal como expón en 'Poesía última de amor e enfermidade', non ten tampouco expectativas de prolongarse moito no tempo.

O propio Lois nunha entrevista recoñece que é un libro cronolóxico. Despois da primeira parte do poemario ''hai unha resurrección en min no libro, quen escribe o resto de poemas non é mesma persoa''. Tra-la publicación desta obra conseguiu un efémero recoñecemento, chegando incluso a participar en diversos recitais.

Sen embargo este nova oportunidade que lle brindou a vida contra a morte non durou moitos. No 96 foi xa o tempo de dicir adeus a este mundo. Mais a ironía estivo a tras del toda a vida: marchou o mesmo día que se fixo pública a sentenza sobre o caso da colza

4'2 (31 votos)

valorar_registrado


Acceder Crear usuario

valorar_propios



valorar_valorado



3 comentarios

comentarios_interesa guía de comentarios.


#3 Por baloira 21-04-2011 03:06

Normal

tributo a Lois Pereiro a cargo do grupo ondas martenot o venres 22 as 12 da noite no local da Rebusca(Manzaneda)


#2 Por Ser 15-01-2011 20:04

Normal

Recital de Lois Pereiro no pub Moka

http://tinyurl.com/6zyvmzw


#1 Por Anonimo 07-11-2010 23:06

Normal

Lois Pereiro nunca compartiu piso con Manuel Rivas...


Acceder Crear usuario

co_explica





captcha

Cambiar por outro


co_pouco_html
co_etiquetas_html


Fotos

Lois Pereiro, nunha foto de arquivo.
Lois Pereiro, nunha foto de arquivo.
Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro na rodaxe de 'Contra a morte'
Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro na rodaxe de 'Contra a morte'
Ofrenda floral a Lois Pereiro no marco da celebración do Día das Letras Galegas 2005 en Monforte.
Ofrenda floral a Lois Pereiro no marco da celebración do Día das Letras Galegas 2005 en Monforte.