Desenlaces
O xurelo Madoff
01/07/2009 - Navia Franco
Xa o dixo o xuíz federal Denny Chin: os símbolos son importantes nas sentenzas. De aí que os 150 anos de condena a Bernard Madoff teñan unha alta carga de mensaxe. Ás veces perdémonos nos razoamentos dos xuíces e onde parece haber un gran culpable o castigo resulta ser ben insignificante; outras, onde vemos un dano menor asistimos confusos a unha sentenza rotunda. Neste caso que nos ocupa, a condena parece ben grande para un home que xa superou os 70 anos de idade e, ao mesmo tempo, axustada ao mal que causou.
A historia de Madoff é paradigmática dunha sociedade que se presta a adorar os “tiburóns” de Wall Street e que, case con normalidade, asiste á súa transformación de quenlla a peixe pequeno, tipo xurelo. O ex presidente do mercado electrónico Nasdaq pediulles perdón ás vítimas da estafa piramidal que argallou e mantivo durante 20 anos. Pediu perdón, si, polos seus investimentos pantasmas pero aínda non se sabe nada do diñeiro estafado durante unha época de riscos financeiros que, abofé, non se repetirá en moito tempo. Algunhas leccións se extraerán do acontecido porque os afundimentos sempre nos aprenden algo.
Sucedeu tamén co Titanic. O 14 de abril de 1912, o máis grande e luxoso transatlántico construído ata daquela realizou a súa primeira viaxe. Un iceberg puxo fin á travesía e á vida de 1.513 persoas embarcadas. Como resultado daquel accidente mortal, fixáronse novas regulacións para os botes salvavidas e tamén para os exercicios de salvamento. Entre as novas medidas tomadas a partir do choque do Titanic, estableceuse unha Patrulla Internacional de Xeos para informar polo miúdo sobre o emprazamento de todos os icebergs situados dentro dunha superficie determinada do Atlántico Norte.
Os especialistas en mercados financeiros anuncian algo similar a partir da caída de Madoff. A súa gran e prolongada mentira suporá, din, regulacións máis severas e o aumento das inspeccións. No caso protagonizado polo financeiro estadounidense estaban involucradas moitas e variadas paixóns nacidas a partir do desexo de máis diñeiro. E xa se sabe que as paixóns máis baixas son difíciles de acoutar e tenden a saltar as regras.
No puedes valorar tus propios comentarios.
Ya has valorado este comentario
Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.










