Vento fresco

A Torre e Galiza


Etiquetas: Manuel Miragaia, patrimonio, historia

03/07/2009 - Manuel Miragaia

Para todos os coruñeses de nacemento a Torre de Hércules exerceu desde cativos unha maxia especial. A cidade cambiaba, mais a súa poderosa presenza, tamén simbólica, mantíñase no transcurso do tempo nas nosas vidas. Á súa sombra transcorreron os diversos períodos da historia, mesmo algunhas das últimas e peores traxedias marítimas. Esta torre de luz, que alumea desde hai séculos o golfo Ártabro, contitúe non só unha referencia evidente e repetida da cidade da Coruña, senón tamén das orixes míticas do noso País.

No século XIX, cando o Rexurdimento galego se desenvolvía, tentando establecer tamén desde o mito unha identidade propia e diferenciada para Galiza, Eduardo Pondal recolle deste lugar central da Artabria a personaxe de Breogán, para metela no seu poema Os Pinos, futuro Himno Galego. Para os historiadores e soñadores do Rexurdimento o celtismo podería ser o alicerce identitario. Estaban daquela de plena actualidade as loitas dos irlandeses pola súa emancipación nacional de Inglaterra.

Unha lenda, que aparece no Libro das Invasións, escrito polos monxes irlandeses no século XII, que podería ser local, transformouse no mito fundacional da nación galega. Cóntase nela que desde enriba dunha torre -anterior á dos romanos- Ith, o fillo de Breogán, enxergou a illa de Irlanda. O patriarca Breogán -fundador de Brigantia e pai de todos os galegos e galegas- tivo un neto chamado Mil ou Mile, que conquistaría e colonizaría Irlanda, vencendo aos seus poboadores. Os setes fillos deste último serían os pais das sete nacións celtas: Galiza, Irlanda, Gales, Escocia, illa de Man, Bretaña, Armórica e Cornualles. A súa denominación como Torre de Breogán sería moito máis acaída que a correspondente a do heroe grego Hércules.

O arquitecto de posíbel orixe lusitana Gaio Sevio Lupo construiu no século II o primitivo faro denominado Farum Brigantium, por mor da vila do mesmo nome que existía. A súa estrutura interna mantén en boa medida esta obra romana inicial. Aínda que o seu aspecto presente se conseguiu no XVIII, en tempos de Carlos III, coa fermosa reforma neoclásica realizada polo italiano Eustaquio Gianni.

Considerábase ao desaparecido Faro de Alexandría como unha das sete maravillas do mundo. A falta del, o recente nomeamento da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade fai xustiza, entre outros motivos, por ser o faro máis antigo do mundo en funcionamento. Unha decisión que a todos os galegos e galegas, independentemente da nosa localidade de orixe, tenos que alegrar e facer sentir orgullosos, porque un dos edificios e espazos máis simbólicos da nosa identidade como País alcanzou un rango internacional.

Xa contamos con catro magníficos conxuntos de bens patrimoniais recoñecidos pola Unesco, agora sería bo, alén de continuarmos traballando polo patrimonio material da Humanidade para a Ribeira Sacra e o Ferrol da Ilustración e doutros posíbeis, conseguirmos de xeito prioritario do organismo internacional que se declare como patrimonio inmaterial a nosa lingua galega, o noso patrimonio inmaterial fundamental, e evitarmos así algunhas ameazas que sofre para a súa supervivencia.

5'0 (2 votos)

Para valorar comentarios debes estar registrado.


Acceder Crear usuario

No puedes valorar tus propios comentarios.



Ya has valorado este comentario



¿Comentas?

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.


Acceder Crear usuario

Puedes comentar sin tener que crear un usuario, pero es recomendable si quieres acceder a todas las funcionalidades de los comentarios (votaciones, karma, foto personalizada)





captcha

Cambiar por outro


Un poco de HTML está bien
Puedes usar algunas etiquetas HTML <a></a>, <b></b>, <s></s>, <u></u>, <i></i>