Mariclocas
Sei quen es, e de onde es
04/07/2009 - Roberto Vilar
Aínda que quixese non sería capaz de escribir de outra cousa que non sexa o festival do humor que se vai celebrar este domingo en Xove. Toda a miña ialma e a práctica totalidade do meu corazón están postas aí. Cando voto a vista atrás e pregúntome como empezou todo isto, non atopo unha resposta clara, o que si sei con total seguridade é que a partir do domingo vou querer máis a esta terra e a esta xente, porque aprendín, aprendín moito.
Entendín claramente onde nacín, entendín que é moi importante mirar cara á terra onde vive a xente que máis queres, porque aínda que ti estés a dous mil quilómetros, alí está unha parte de ti. Entendín algo que me parecía unha horterada, pobre de min, o orgullo de ser dun sitio, e por enriba a de todo, o orgullo de ser parte de ese sitio, e eu son de alí… de Xove.
Ao longo do meu camiñar por esta espesa fraga que é o vivir, sufrín algunhas feridas, nin moitas nin poucas, algunhas, e vin con claridade que cando estaba na casa, na miña casa, esas feridas doían moito menos, e curaban moito antes.
Síntome realmente afortunado de poder facer algo tan espectacular e bonito como vai ser o fetival do domingo. Dou grazas todolos días por poder facer cousas, sobre todo por poder facer cousas pola xente, e o único do que teño ganas neste momento, antes do gran día, é de berrarlles a todos os meus amigos e dicirlles que estou aquí, que tentarei estar ao seu lado sempre que me necesiten, que procurarei dar todo o cariño que o meu limitado ser poda dar. Isto é o que estou aprendendo co I Festival do Humor de Xove.
Por último convídovos a todos a estar o domingo as dez da noite no Centro Cívico de Xove, e asegúrovos dende o máis fondo do meu corazón que os privilexiados que alí estedes veredes a maior mostra de talento e, sobre todo, de cariño que se veu nunca na mariña luguesa, como di Carlos Blanco, a ventana ao mar da Galicia interior… a porta do ceo.
No puedes valorar tus propios comentarios.
Ya has valorado este comentario
Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.










