Ao raiar o sol
Riqueza cultural
04/07/2009 - Luís G. Tosar
Dietrich Schwanitz, en La cultura: todo lo que hai que saber, editado en castelán por Taurus, dinos que “as aportacións dos distintos pobos de Europa, do que terá que ser a Europa unida, deben basearse na multiculturalidade. Cando caian as barreiras da intransixencia, cando non haxa máis concesións ao uniformismo asoballador, estaremos ás portas da pluralidade útil “porque o propio é o que enriquece, o que permite coñecernos mellor o que nos fai partícipes da comunidade internacional”. No seu Ensaio Histórico sobre a Cultura Galega, Otero Pedrayo fala da “conciencia orixinal da nosa cultura.”, de que “foi a cultura a que inspirou os períodos vitais da historia de Galicia”. Este comezo de século e de milenio é, sen dúbida, un deses períodos vitais. Dende a Revolución industrial non se producira un proceso transformador que afectara tan fondamente ao desenvolvemento social, e polo tanto cultural, dos cidadáns. Estamos, queiramos ou non, na era do audiovisual e do multimedia, na globalización. A case totalidade das nosas actividades encóntranse condicionadas hoxe pola difusión masiva de información, tamén de lixo. Non podemos disociar, pois, a cultura, do ocio e do turismo, porque representan o 5% do PIB e porque xeran emprego.. A integración de principios como patrimonio histórico, libre creatividade, industria cultural e factoría de contidos, fan de Galicia unha comunidade ideal nos tempos que corren. O idioma propio, motor da identidade, lonxe de ser unha pexa, singularízanos e proxéctanos no mundo. Marcos Valcárcel, esoutro día en Ourense, no acto de entrega do Premio que leva o nome do Señor de Trasalba, recomendáballe ao novo equipo da Xunta que encabeza Alberto Núñez Feijoo que prestasen atención ao pensamento de Losada Diéguez, Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo. É a hora de facelo. Se queren, claro.
No puedes valorar tus propios comentarios.
Ya has valorado este comentario
Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.










