Especial Día de Galicia. Retos

Baixo os alicerces doutra torre de Babel


Etiquetas: Día de Galicia, país, lengua, educación

25/07/2009 - Laura Antelo

Non parece moi doado atopar o momento no que situar o punto de partida do actual conflito lingüístico. Un conflito que fixo que a xente saise ás rúas a manifestarse e defender posturas enfrontradas. Por unha banda os 'defensores da liberdade' e pola outra, os 'vixías da identidade', e, no medio do balbordo, un idioma cun incerto futuro, o galego.

Buscando anos atrás na hemeróteca atoparanse numerosos ensaios sobre os problemas do galego dentro da súa propia sociedade. A literatura ao uso, 'Mal de linguas', 'Ensaio dramático sobre a lingua galega' (por citar dous exemplos) nunca foi optimista co devir da lingua. Pero, recentemente, a tortilla deu a volta e as preocupacións empezaron a xurdir ao abeiro do castelán e dalgúns dos seus falantes, que ''viron restrinxidos os seus dereitos civís'', tal e como declara Gloria Lago, presidenta de Galicia Bilingüe, asociación con certo protagonismo na actual situación lingüística.      

Os inicios do conflito (Pinche para ler máis)

O estalido da crispación actual comeza timidamente en 2005 coa chegada ao poder do goberno bipartito (coalición PSdeG e BNG), e toma forza no ano 2007 cando a Xunta dese mesmo goberno aproba o Decreto do uso do galego no ensino. Un documento que contempla que a educación sexa impartida ao 50% en galego e ao 50% en castelán. No contexto da aprobación deste documento xorden diversos colectivos que conflúen no foro de internet 'Tan gallego como el gallego'.

Mentres aparecían os seus primeiros actos públicos outros grupos foronse sumando ás mesmas revindicacións en contra da 'imposición do galego'. É deste xeito como nacen a 'Mesa por la Libertad Lingüística' e a actual 'Galicia Bilingüe'. Gloria Lago, presidenta deste último colectivo, declara que ''o problema é que nunha comunidade onde hai dúas linguas oficiais, os falantes dunha desas linguas tiñan os seus dereitos civís restrinxidos''. Desde Galicia Bilingüe denunciaban que o castelán estaba completamente excluído na administración, pero o máis preocupante parecíalles a Educación.

''O problema comezou cando un grupo de persoas nos impediu educar aos nosos fillos na súa lingua materna baixo a excusa da promoción da lingua''. Dende esta asociación recoñecen que a lingua é un ben cultural, e como tal é un ben a protexer ''pero todo ten un límite, ti podes intentar conservalo, pero non á costa da educación dos nenos''. Isto era o que estaba a suceder, segundo Gloria Lago, ''cando chegou ao poder un partido nacionalista que decidiu orientar a política lingüística cara ao monolingüismo''.

O Plan de Normalización Lingüística

O Parlamento de Galicia aprobou o Plan de Normalización Lingüística o 22 de setembro de 2004, co voto a favor de todos os grupos políticos con representación na cámara galega. Este Plan foi aprobado vinte e un anos despois de ratificar, tamén por unanimidade, a Lei de Normalización Lingüística. Nel recóllense diversas medidas para lograr que a lingua galega consiga ocupar máis espazos de uso dun xeito normalizado.

A pesar do apoio político co que foi acollido dito Plan, Galicia Bilingüe considera que foi, en parte, o culpable do actual conflito lingüístico. ''Había un Plan de Normalización Lingüística que permitía que se puidese chegar á situación na que estamos, de inmersión obligatoria no ensino, por exemplo''. Gloria Lago recoñece que dito documento ten ''cousas que están moi ben'', pero tamén outras que cómpre mudar. ''Hai algunhas incongruencias, hai cousas que son completamente absurdas, que supoñen un continuo intento de restrinxir liberdades''. ''Non me parece aceptable que se den axudas condicionadas ao uso do galego, que unha persoa que ten unha tenda teña que rotular nunha determinada lingua porque se non cáelle unha multa''.

A administración actual recoñece que o Plan de Normalización '' foi un consenso dun achegamento de posturas''. Anxo Lorenzo, actual Secretario Xeral de Política Lingúística, confesa que ''ten moitos obxectivos sectoriais respecto da revitalización da lingua galega que son interesantes para poñer en marcha, pero tamén hai outros que poden ser máis dubidosos ou que necesitarían un pouco máis de traballo''. Así mesmo Lorenzo engade que hai unha terceira parte de ''puntos que sería mellor deixar máis para adiante''.

A cuestión electoral

No contexto da campaña electoral autonómica, Galicia Bilingüe contactou cos principais partidos políticos coa intención de solicitarlles unha variación nos seus programas electorais en favor da ''liberdade lingüística'', e atopou ao mellor aliado no PP de Feijóo. Segundo declara Gloria Lago, Feijóo fixo tres promesas moi claras referidas á educación. ''Prometeu que os pais escolleríamos a lingua na que se impartirían as asignaturas troncais, que habería liberdade de uso na aula e que ía acabar co adoutrinamento.

Dixo textualmente que vaciaría as escolas de ideoloxía para enchelas de coñecemento''. Pero, o recente nomeamento de Anxo Lorenzo como Secretario Xeral de Política Lingüística fixo que a confianza que a organización depositara no líder popular se vise mermada. ''Sorprendeunos moitísimo o seu nomeamento. É unha persoa de ideoloxía claramente nacionalista e defensor do anterior decreto''. A pesar diso, Galicia Bilingüe non o dá todo por perdido, ''nós estamos a agardar a elaboración do novo decreto, que é o máis importante''. Tampouco gustou o novo Secretario aos que representan a outra cara da moeda.

A Mesa pola Normalización Lingüística asegura que o que importa non é a persoa, senón as políticas que desenvolva. ''Pero o que vemos en Anxo Lorenzo é que o ano pasado escribía atrigos apoiando o decreto e agora está levando a cabo políticas en contra do galego, como que deixe de ser un requisito nas oposicións ou as consultas aos pais'', declara Carlos Callón, presidente da Mesa. ''Anxo Lorenzo é a pel de carneiro do goberno máis galegofobo da historia''.

A promesa de crear un novo Decreto sobre o uso do galego no ensino segue sobre a mesa. O primeiro paso foi unha consulta realizada aos pais, sobre a que aínda non se coñecen os resultados. Segundo Anxo Lorenzo esas enquisas ''serán o que máis teremos en conta para a elaboración do novo decreto''.

A voltas coa liberdade

O lema de bandeira de Galicia Bilinüe é a liberdade. A liberdade de poder educar aos nenos na lingua materna. Gloria Lago di que ''cando unha familia ve que lle recortan as liberdades dos seus fillos mobílizase''. Ese foi o principal motivo que os impulsou, pero Gloria declara que ''o que pasou foi que nos enfrontamos a un poder económico fortísimo, máis forte do que pensabamos, que se está a organizar porque hai moita xente que vive da lingua''.

Na mesma liña 'defensora da liberdade' declárase a escritora lucense Marta Rivera de la Cruz, convencida de que o BNG pretendía eleminar o castelán da vida pública galega. Como artista denuncia que a Consellería de Cultura ''practicó la exclusión y el sectarismo, y, sobre todo, ignoró una verdad como un templo: que el idioma es un elemento importante de la cultura, pero no el único''.

Dende a Mesa de Normalización Lingüística estas non lle parecen máis que posturas demagóxicas. Carlos Callón considera que a 'liberdade' é só unha pantalla que decidiron adoptar, '' non hai ningún movemento fóbico no mundo que se presente como tal, e Galicia Bilingüe é un movemento claramente galegófobo, defenden ideas de odio contra a lingua galega, aínda que se camuflen de bilingüismo''.

Con relación ás liberdades Callón pregúntase ''que liberdade podo ter para mercarlle un conto á miña filla en galego se non existe no mercado? Que liberdade podo ter para comprar prensa deportiva en galego se non hai no mercado?''. O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística asegura que eles en realidade o que defenden é o ''darwinismo lingüístico''. ''Pretenden que haxa unha lingua, o castelán, que teña todos os dereitos e todos os resortes de poder e unha lingua B, que é o galego, que vaia esmorecendo pouco a pouco porque non conta con eses resortes''.

A lingua do país
Xosé Manuel Carballo, cura de Castro de Rei e defensor incansable do galego, está convencido de que a única maneira de finalizar este conflito e ''coñecer e agarimar a nosa lingua''. Este párroco, que vén de xubilarse como mestre de relixión no colexio lucense Ramón Falcón, é coherente coas súas reivindicacións e di que se ''no seu momento defendín e sigo defendendo que o neno debe ser acollido na escola na lingua que mellor coñece, iso é válido para o galego e para o castelán, pero penso que unha vez que estamos en Galicia, e xa que a lingua é un elemento fundamental de identidade, os nenos deben coñecer a lingua, querela e exprearse correctamente nela''.

''Iso de 'Soy tan gallego como el primero pero hablo castellano'... Non, non señor, eu respétolle que fale castelán, pero non é tan galego coma o primeiro''. Xosé Manuel entende que as revindicacións de Galicia Bilingüe ''son de coña, é unha reivindicación exclusiva do castelán''. Asegura que se collemos aos estudantes en todo o proceso, desde infantil a universidade, son moito menos do 50% dos alumnos os que falan galego e tamén son menos do 50% as materias que se imparten en galego. 

O cura de Castro de Rei, que viviu de preto a evolución do galego, en ámbitos nos que estivo moi menosprezado como a educación ou a liturxia, ten a receita para rematar con todos aqueles conflitos que poidan ter a lingua como protagonista ''temos que convencernos de que é unha lingua preciosa, porque é nosa, sen menosprezar a ninguén, pero tendo en conta que unha lingua non nace por casualidade''. ''É un elemento fundamental da identidade, dos pobos e das persoas. Penso que a lingua dun pobo está por riba de ideoloxías políticas e que non debe ser empregada como ferramenta electoralista''.

0'0 (0 votos)

Para valorar comentarios debes estar registrado.


Acceder Crear usuario

No puedes valorar tus propios comentarios.



Ya has valorado este comentario



¿Comentas?

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.


Acceder Crear usuario

Puedes comentar sin tener que crear un usuario, pero es recomendable si quieres acceder a todas las funcionalidades de los comentarios (votaciones, karma, foto personalizada)





captcha

Cambiar por outro


Un poco de HTML está bien
Puedes usar algunas etiquetas HTML <a></a>, <b></b>, <s></s>, <u></u>, <i></i>