Autonomía
Camiñar no autogoberno: As espiñas na senda da reforma do Estatuto
27/07/2009 - Vanesa Felpeto
Foi o gran reto pendente durante a guerra civil e o gran logro acadado tras a Transición. Xa cos pés ben postos no século XXI, o Estatuto de Galicia volve ser un novo reto, tanto para as forzas políticas como para a cidadanía.
Información relacionada
Tamén de atopar un equilibrio entre a solidariedade interterritorial e esa marabunta de dezanove partes combatindo en intereses dos que falaba Manuel Chaves ao negociar o financiamento autonómico.
E, por último pero a parte máis importante, de saber estender cara a Madrid a man chea de argumentos que sirvan de aval para o que se pide.
Non vai ser fácil, pero a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, comprometeuse a principios de lexislatura a facer o posible por acadar o consenso e reformar o Estatuto. O Goberno anterior constituiu comisións a tal fin e non o logrou. Haberá que ver esta vez en que queda.
Desengancharse da locomotora catalá
Máis aló da polémica cuestión do financiamento que enchía minutos de radio e televisión, e portadas de prensa dixital e en papel estes días, o Estatuto ten moito máis 'que rañar'.
En Cataluña, ademais dos cartos, o protagonismo levouno unha definición pola que loitaban dous termos similares entre si pero moi diferentes na realidade: nación e nacionalidade. Tamén este punto forma parte das reivindicacións dos nacionalistas galegos, e incluso se culpa a esta disputa de ser responsable de que non se pechara o acordo na anterior lexislatura. O Bloque esixía 'nación' e o PPdeG só estaba disposto a aceptar 'o sentimento nacional de Galicia'. Os socialistas, no medio, criticaban que os populares puxeran de escusa esta definición para non chegar a un consenso de mínimos.
E é que, malia esixir un 'Estatuto de nación', os nacionalistas galegos, máis realistas en canto ás necesidades da comunidade, inciden máis en esixir que se negocie de forma bilateral co Goberno central.
No referendo para aprobar o texto estatutario de 1931, Castelao fora claro. ''Imos enganchados á locomotora catalá''. Hoxe esta reflexión continúa a ser certa, segundo recoñecía o profesor Barreiro Rivas -un dos que asinaron nos Pactos do Hostal o texto de 1981-, nuns coloquios sobre a reforma. Probablemente moitas das competencias non tiveran sido traspasadas de non ser polo impulso de Cataluña, sempre un paso por diante.
Porén, e tras a negociación bilateral Cataluña-Goberno central do novo Estatut, parece que canto máis bilaterais son as relacións entre esta autonomía e o Estado, menos repercuten de forma positiva nos demais. Chegou pois o momento de espabilar e dar un paso ao frente.
As competencias: Loitar polo pendente
Pero, que quere Galicia? A cuestión vai máis ao fondo de se se trata de facer unha reforma ou un estatuto novo. Antes, as forzas políticas deben recoller o sentir cidadá e porse dacordo para definir que pedir.
Dende o BNG piden imitar o modelo catalán e negociar 'de ti a ti' con Madrid o financiamento, alegando que así o esixe o distinto custe da prestación de servizos na comunidade. No PPdeG, defensores do modelo de Estado autonómico e lonxe de calquer tipo de federalismo, rexeitan estas formas e critican o que os cataláns consiguen fóra dos encontros multilaterais.
A principal reivindicación do Goberno popular son máis competencias para Galicia, centrándose nunha lista enviada de competencias pendentes - a súa transferencia xa foi aprobada polo Goberno central- a Madrid hai máis de ano e medio.
Unha destas materias pendentes, e tamén das que máis sae á luz, é a esixencia dunha Policía Autonómica, da que xa disfrutan en País Vasco ou Cataluña, e que en Galicia segue a ter a forma dunha Policía adscrita, unha fórmula transitoria adoptada polo Goberno Fraga e que probablemente manteña o Executivo actual.
Non en balde, o conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, explicaba na última Comisión Xeral de Comunidades Autónomas do Senado que a Policía Autonómica non era a prioridade do equipo de Núñez Feijóo, se ben si o era levar a cabo o concurso de méritos para cubrir as preto de cen vacantes que faltan para encher ese corpo adscrito.
O traspaso das competencias en Tráfico é outro dos deberes para setembro, que é ademais punto de acordo entre os tres grupos parlamentarios galegos. Facer efectiva esta última que suporía que Galicia tivera autoridade para executar a lexislación estatal en materia de tráfico, circulación de vehículos e seguridade viaria -tal e como tranferiu o Goberno central xa en 2005- xunto co traspaso dos medios humanoss, materiais e financieiros necesarios.
Sería a Policía Autonómica quen vixiaría o tráfico nas vías interurbanas galegas. Porén a facultade de expedir permisos de conducir, licencias e permisos de circulación e permisos de matriculación.
Novas atribucións
Galicia demanda ademais novas atribucións. O PPdeG sitúa como prioridades o traspaso das autoestradas - a AP-9 ten xa parte de capital galego grazas á recente entrada de Caixa Galicia e Caixanova en Itínere-, xunto coa xestión de portos e aeroportos -demanda na que coinciden co Bloque-, e a ordenación do litoral; así como o traspaso adicional de medios apra educación, posta en marcha de políticas de emprego e a Xustiza.
Comparten en certa medida cos outros grupos a idea de por en marcha un Ente Tributario galego , a Axencia Tributaria propia que esixen socialistas e nacionalistas.
Na misma liña, a cuestión dos impostos. O PPdeG esixe asumir os ''cedidos tradicionais'', que pasarían a ser ''tributos propios'', e ter capacidade normativa para establecer, modificar e suprimir tributos; entre os que sitúa o IVE, os Impostos Especiais na súa fase minorista, e a capacidade de modificación do tipo de gravame de acordo coas normas establecidas pola UE.
Pola súa banda, os socialistas piden que Galicia recaude o 90% do IRPF, IVA e impostos especiais; nunca menos do 90% de IRPF e IVA, o 100% dos impostos especiais, e a xestión directa dos fondos europeos é a demanda do BNG.
Iso si, levando por diante a bandeira de querer avanzar no autogoberno, tanto uns como outros consideran imprescindible establecer datas para pechar os traspasos.
Conseguir máis competencias, esixe un novo Estatuto? Técnicamente non. Dende 1992, a transferencia de competencias a Galicia faise pola vía do sistema de distribución extraestatutaria prevista no artigo 150.2 da Constitución española. É dicir, que o Estado central pode, por medio de leis orgánicas de transferencia ou delegación, pasar ás comunidades materias en principio establecidas polo artigo 149.1 como de titularidade estatal se así o considera conveniente, incorporando ademais a transferencia dos medios de control e financieiros que sexan precisos para desenvolvelas de axeitadamente.
A reforma do Estatuto, porén, non garantizaría máis competencias, xa que ten que ser Madrid quen decida transferilas. Con todo, a reforma do Estatuto para blindar as novas competencias adquiridas por medio las leis de transferencia evitaría que estas quedaran á merced dos desexos do Goberno central.
Se así o decidise, Madrid podería hoxe derrogar esas leis e botar atrás o traspaso. Porén, a Constitución recoñece aos estatutos o dereito de precisar e definir o contido dos títulos competenciais, bastante difusos tanto no texto constitucional como no estatutario. Unha reforma do Estatuto de Autonomía que incorporase e precisase o contido destas materias blindaría competencias e garintiría que o Estado central non as recuperase mediante a derrogación.
Todo elo, tal e como reclaman os conservadores, dentro da Constitución. É dicir, cambiar ao fillo, sen tocar á nai.
'Meter man' á Constitución
Outra opción é 'adelgazar' a lista de competencias exclusivas do Estado, recollidas no artigo 149 da Constitución. Se se establece unha lista única de tarefas reservadas para Madrid -recollendo a evolución das autonomías desde o ano 1978-, o resto quedarían para que as comunidades as collesen para si libremente, e eliminaríase a vía de leis orgánicas de traspaso.
Pero a fórmula non é perfecta: o Estado central quedaría coas competencias en materias de interese xeral ou que afectasen a varios territorios. E dentro delas, o aproveitamento dos ríos e a xestión de portos e aeroportos demandada desde Galicia. Por outra banda, este sistema serviría para aclarar a distribución do acadado na Unión Europea, e podería transferir a capacidade de execución dalgunhas destas directivas directamente ao Goberno galego.
Por último, e tamén tocando ao texto constitucional, podería reformarse o sistema autonómico cara a unha formulación máis cercana ao federalismo, con maior capacidade de decisión para as autonomías. ¿O problema? Reformar a Constitución é unha tarefa moito máis ardua e que esixe un maior consenso que reformar un Estatuto.
Ademais, o sistema federal esixe cooperación e consenso por parte de todas as partes implicadas. A falta de entendemento entre os distintos partidos políticos pechou a anterior lexislatura sen un acordo para a reforma do Estatuto. E a negociación do novo modelo de financiamento autonómico non foi moito máis prometedora en canto á boa sintonía entre os distintos presidentes autonómicos. Á vista dos feitos, parece que a solución de 'meter man' á Constitución para ganar en autogoberno plantexa máis problemas dos que arranxa.
Outras cuestións do 'tira e afloxa'
Ao longo do tira e afloxa da reforma, as cuestións que enfrontaron aos políticos e impediron o consenso foron varias. En 2005, cando se puxo en marcha o proceso, os populares esixían que se incluísen no texto referencias explícitas á propiedade privada e á limitación do dereito de expropiación estatal.
Nas bases que elaborou para a reforma, o BNG pedía a incorporación no texto da garantía do dereito ao aborto e á aeutanasia, puntos que os populares se negaron a aceptar en calquer caso.
Pola súa banda, durante a campaña electoral das pasadas autonómicas, o ex presidente Emilio Pérez Touriño prometeu incluir no estatuto un artigo adicado á emigración, aínda que os xuristas apunten que a lei electoral non se pode modificar en Galicia sen que antes se acometa a reforma a nivel estatal, para que os galegos residentes no exterior poidan votar en urna.
Necesidades consensuadas
Xa máis cerca do consenso están a necesidade de conseguir máis medios e xulgados para a reforma da Xustiza, a da modificación da estrutura territorial galega, ou a expresada pola presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, de axilizar os mecanismos parlamentarios.
En canto á distribución territorial, as características de dispersión da poboación e o progresivo abandono do rural fan necesario que Galicia poda reorganizar a súa estrutura, de tal forma que se puidese dibuxar un novo mapa de concellos, dar máis poder aos entes municipais e eliminar algunhas institucións como as diputacións, caducas e invasoras das competencias de concellos e Xunta segundo argumenta o BNG.
O novo modelo podería crear novas organizacións comarcais -unha solución que veu desenvolvendo ata o momento a Xunta para contrapesar o desequilibrio territorial- e áreas metropolitanas como fórmulas intermedias entre o sistema administrativo municipal e o autonómico.
Xa na reforma parlamentaria, Pilar Rojo reclamou unha reforma do Regulamento de ambalas dúas Cámaras, para aproveitar as novas tecnoloxías e axilizar os trámites. En concreto referiuse a reducir os plazos de tramitación de preguntas e interpelacións e mellorar a igualdade de xénero entre os parlamentarios.
Tamén, e dentro da redistribución territorial, contempla outorgar iniciativa lexislativa aos entes locais; ademais de introducir a previsión estatutaria expresa de comisións de investigación, ou introducir no sistema galego a figura da lexislación en caso de urxencia.
Polo momento, e tras dous anos e medio de deliberación, a presidenta do TC, María Emilia Casas, non quere dar datas para a resolución, aínda que non descarta que os maxistrados traballen en agosto, ''interrumpidamente'' como veñen facendo, para dictar sentencia canto antes. A partires dese resultado, o Estatuto galego deberá emprender o seu reto, con máis ou menos pés de chumbo.
No puedes valorar tus propios comentarios.
Ya has valorado este comentario
Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.












