O futuro do leite: unha bocanada de aire na agonía
28/07/2009 - Raquel Silva / Beti Vázquez
Un prezo digno. É a vella demanda duns gandeiros que recuperaron nas últimas semanas estratexias tamén vellas para facerse oír. Amados cos seus tractores, non dubidaron en tomar as rúas de Santiago e Lugo. As dúas cidades viaxaron once anos no tempo, ata 1998, cando Galicia viviu as maiores tractoradas en defensa do sector lácteo. Os berros oíronse en Madrid. O Ministerio español do Medio Rural arrincou de todas as partes implicadas na cadea láctea un principio de acordo que supuxo unha bocanada de aire no medio da agonía.
Información relacionada
As distintas partes sentadas á Mesa puxeron o seu gran para acadar unha solución ao conflicto. Se o compromiso da industria foi usar os prezos galos como patrón para pagar o leite no que queda de ano, a distribución comprometeuse a identificar a procedencia do produto que se vende. “Supón normalizar as relacións entre industria, produción e distribución, e que esta lle deixe claro á ama de casa cando está a mercar leite galego, español ou doutro país. Supón deixar de perder e buscar unha solución para máis de 10.000 familias”, apunta dende Unións Agrarias Roberto García.
O acordo de Madrid deixou un sabor ‘agridoce’ no Sindicato Labrego. A súa principal reivindicación, a fixación dun prezo digno, non se ve contemplada. Carme Freire, secretaria xeral do sindicato agrario, quéixase de que o acordo "non pode quedar nesa indefinición da proposta que hai agora", que contempla o prezo francés --0,28 euros-- como base, ao que se lle sumarían 0,03 euros en concepto de custos de transporte. “Non hai no documento ningún tipo de referencia ao prezo”.
Certo é que o texto non aporta unha cifra que poida entenderse como prezo mínimo. E a Freire iso non lle vale. O SLG seguirá a defender unha contía que cubra os custos de produción, estipulado no Observatorio de Prezos, e que se situaba no 2008 nos 0,34€ de media. “Ao noso sindicato, e a min como gandeira, non nos vale”, sentenza Lupe Prado, a responsable do lácteo desta entidade.
Apostar polo sector con cartos (Pinche para ler máis)
O acordo de Madrid dividiu aos sindicatos. Aínda así, todos seguen de acordo en que falta por cumprir a segunda parte das súas reclamacións. “Falta conseguir das administracións as axudas directas que capeen as perdas tan grandes que se sufriron”, di Francisco Bello. E é que o sector pide a berros axudas urxentes que impulsen a recuperación dos prezos. “Chama a atención que neste momento, no que milleiros de postos de traballo están en xogo, sexa este o único sector no que se mira para o outro lado. A banca é importante, Citroën é importante, todos os sectores son importantes, menos o agrogandeiro”, reclama Roberto García.
Dende Unións Agrarias teñen claro que as axudas directas son o primeiro, mentres o prezo mínimo para o leite non é unha realidade. Despois xa haberá tempo para fixar unha folla de ruta para o 2015, cando se implante un sistema sen cotas. “Pero non podemos facer nada despois dese ano se as 13.000 explotacións que están vendendo a perdas non teñen unha solución que onte xa chegaba tarde. O goberno galego pode estudar o problema do litoral, o de Sogama, o do galego e todos os que queira, menos este. Este está superestudiado”, espeta o sindicalista. O que precisa o sector, ao entender dos sindicatos, é unha axuda por explotación que a Unión Europea contempla e que xa puxeron en marcha outros gobernos autonómicos.
O mantemento das instalacións tórnase un problema cando os prezos non son suficientes para cubrir os costes de produción, algo que '”depende ca carga financeira --como a inversión en maquinaria-- e da capacidade económica'”, segundo Juan Pérez, de XX.AA. O agravamento da situación está provocando que os gandeiros teñan que botar man dos aforros, ou mesmo se están dando casos de impagos, algo inédito no campo. Isto provocou que na actualidade existan máis de 50 expedientes de embargo. “O tema do leite en Galicia non pode ser o cuarto en solucionar, ten que ser o primeiro, porque ten unha importancia da que carece no País Vasco”, subliña Lupe Prado. “O goberno estatal terá as ferramentas máis idóneas para resolver isto, pero aquí, o autonómico, por un deber, porque somos un sector estratéxico básico, tería que estar a loitar claramente por nós”.
Rodeos na Xunta e descontento na Feplac
Mentres tanto, a consellería de Medio Rural explica que a única maneira de “garantir unha política estable de prezos no mercado libre europeo é a través de pactos mínimos”. A raíz do acordo labrado en Madrid, o departamento que dirixe o popular Samuel Juárez comprometeuse a velar polo cumprimento de colaboración estreita entre as distintas partes da cadea láctea. A unidade sindical amosada no sector non conmoveu aos empresarios da Feplac –Federación de Empresarios Produtores de Lácteos--.
Ao seu entender, a culpa da fonda crise que vive o leite é dos sindicatos, porque “non están a informar aos produtores”. Ao presidente do colectivo, Xaquín López, non lle gustaron as tractoradas, pese a que foi a raíz delas cando o Goberno español aceptou sentar na mesma mesa a produtores, distribuidores e industria para rubricar un acordo que xa se cualifica de ‘histórico’. Para López, estase a xogar “cos sentimentos, o malestar e a desesperación dos gandeiros”, e polos erros deberán responder os gobernos, pero tamén os sindicatos, porque “asinaron acordos cando non lles pertencía e que só serviron para seguir nas baixadas”. O colectivo cuestiona tamén a postura adoptada polos sindicatos ante as políticas comunitarias: “dende que pertencemos á UE e exiten as cuotas lácteas nunca se viu unha situación tan catastrófica”.
Probablemente sexa este último, un panorama ‘catastrófico’ como pano de fondo, o único punto no que coinciden sindicatos, produtores, gandeiros e políticos. As tractoradas que non gustaron na Feplac conseguiron a complicidade do cidadán. Abonda con explicarlles que o lácteo é un traballo que se fai os 365 días do ano, onde os domingos non se coñecen e os convenios de 40 horas semanais son unha utopía.
É suficiente con dicirlle que hoxe un litro de leite custa a metade ca unha botella de auga, e que o gandeiro ten que poñer a metade para producir porque o que lle remunera a industria non cobre o 50% dos custos de produción. “A xente entende perfectamente esta desesperación”, di convencido Roberto García. El, que leva denunciando o ‘muro de insensibilidades’ das administracións, contra o que se esnafra a agonía dos gandeiros, ten claro que “o maior cómplice que temos nesta batalla son os cidadáns”.
No puedes valorar tus propios comentarios.
Ya has valorado este comentario
Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.










