Entrevista
Emma Ríos: ''Non me arrepinto de ter deixado a arquitectura polo cómic; hai oportunidades que non poden fuxir''
30/09/2009 - Paula Otero. L-V
Emma Ríos (Vilagarcía de Arousa, 1976) debutou con 'Hexed' no mercado estadounidense acadando un éxito, para ela, inesperado. Agora, ao tempo que traballa no 'Doctor Extraño para Marvel, vén de ilustrar para SM a versión en banda deseñada do 'Amadís de Gaula'.
Pregunta: Como se adapta esta obra clásica en imaxes?
Resposta: Foi un traballo duro pero en equipo con Ricardo. O máis difícil para min foi decidir a atmosfera. A pesares da imaxe centroeuropea que temos do Amadís, o libro se desenvolve en países nórdicos. Decidín non adoitar esa imaxinería viquinga máis rigurosa e, polo tanto, non ser fiel á historia para crear un entorno máis fantástico, cheo de armaduras imposibles, baseado en imaxes de cabalería europea pero tamén en videoxogos que me marcaron de máis nova, e creando monstros.
P: Cres que a obra fomenta a lectura entre os máis novos?
R: Espero que si. Desde logo, a miña infancia está chea de contos adaptados e logo, co tempo, tamén lin os libros enteiros. Polo menos é un achegamento aos clásicos cunha imaxe distinta. Ademais, non creo que un neno de 12 anos poida ler unha obra clásica como o Amadís, pero si a versión en banda deseñada, que xa o achega á historia.
Contar o Amadís en 32 páxinas
P: Escribe no seu blog que con esta obra aprendeu moito e foi unha cura de orgullo, a que se refire?
R: Normalmente, traballo con cinco viñetas por páxina, cunha cadencia máis lenta. Pero, para contar toda a historia do Amadís en 32 páxinas, tiven que crear entre 10 e 11 viñetas por páxina, ademais de facer máis saltos temporais. Para iso, estiven obrigada a recorrer a recursos como a voz en off, dos que tiña bastantes prexuízos e agora vexo que tamén son útiles. Foi duro, pero eu aprendín un montón con Ricardo e agora, logo de todas aquelas chamadas telefónicas para concretar detalles, creo que o esforzo mereceu a pena.
P: Tamén está a traballar en Dr. Extraño, o mago e superheroe da Marvel Comics.
R: É unha personaxe que me encanta e, con el, tamén podo crear bichos, mundos máxicos... Pero é un curro, iso si, traballo un montón (risas). Fai falla moito sacrificio, tes que estar moitas horas e non me queda tempo para nada máis. E aínda así é marabilloso facelo. Actualmente, vou no segundo número e, en total, van ser catro. Eu estou tentando seguir coa icona pop que era o Doutor Estraño e, ao mesmo tempo, actualizalo un pouco. É complicado.
P: Cómo é traballar coa Marvel?
R: Supercómodo. Fágoo na casa, por internet e ao meu ritmo, aínda que é moitísimo traballo. Teño a sorte de contar cun equipo xenial, incluíndo a Mark Waid ou Tom Breevort, que levan traballando moitos anos no eido e dos que podo aprender moito.
En realidade, procuro non pensar moito no que é a Marvel, senón dame vertixe, sobre todo, se eres fan. Non quero que iso me agobie e intento non mirar moito as críticas nin o que se di por internet. Podes quedar bloqueado. Recoñezo que así tamén perdes un pouco esa idea mitómana de antes.
Entrar pola porta grande
P: Pero, como se chega aos EE UU?
R: Foi sorte. Warren Ellis descubriu o meu flickr e fixo unha reseña no seu blog. Uns meses despois Matt Gagnon, mi editor en Boom! ofreceume facer Hexed. Eu tamén apostei forte e deixei o traballo de arquitecta no que levaba 6 anos. Non me arrepinto. Hai oportunidades que non se deixan escapar. E agora non sei cánto tempo vai durar isto porque, para traballar nos EE UU non basta con entrar, logo hai que quedarse. Agora síntome moi afortunada con todas as oportunidades, que xa son moitas.
P: Realmente agardaba o éxito que tivo con 'Hexed'?
R: A verdade é que non, foi o meu debut no mercado norteamericano e cunha editorial independente. Para nada esperaba a resposta que houbo, sobre todo, por parte da prensa especializada. Por riba, logo foi a primeira BD que saiu con formato para móbiles e, despois, tamén se publicou en galego. A acollida de Hexed foi unha sorpresa total, porque podía pasar desapercibido e agora eu non estaría dedicándome profesionalmente ao cómic.
P: Algún consello para os que veñen atrás?
R: O primeiro, facer un blog cos debuxos; o segundo, un fanzine; e o terceiro, mostrar o traballo á xente. Hai que deixar que outros vexan o teu traballo, para melloralo, sen medo e pouco a pouco. Pero, para os que empezan, o máis importante é non tomalo como un traballo, senón simplemente pasalo ben debuxando. Non se debe perder a ilusión, porque é un traballo moi duro como para non divertirse facéndoo.
Non podes valorar os teus propios comentarios.
Só podes valorar o comentario unha vez.
Interésanos a túa opinión, pero 'con sentidiño'. Nada de insultos nin descalificacións.
Borraranse todos os comentarios que, con criterio subxetivo como en toda web, se consideren inadecuados.
E lembra, non lles deas de comer aos trolls...
Para calquera dúbida, consulta a guía de comentarios.







