Música
Máis ca Satélites, estrelas
08/11/2009 - Marta Veiga. EPL
''Escoiten, señores, o que lles quero contar: eu sonlles nacido nun sitio moi principal...''. Seguro que máis dun recoñece estes versos do 'Merengue de Santalla', a peza que lle pon o punto final todos os domingos a cada capítulo da exitosa serie da TVG 'Libro de familia'. Ninguén mellor que Los Satélites para poñerlle a música a esta repichoca da ficción de época da Galega que a orquestra que foi buscar os ritmos cálidos ao Caribe para facer menos gris a posguerra dos galegos.
Los Satélites é toda unha ''institución'', como sinala o seu mánager, Sito Mariño, un dos empresarios con máis quilómetros no negocio das verbenas e das sesións vermú de Galicia toda.
As orquestras pasaron na última década de ser o entretemento da xente madura a engaiolar á mocidade galega. Hoxe contan con clubes de fans, foros en internet e seareiros fieis que coñecen ata a última reviravolta dos espectáculos dos seus combos favoritos. Los Satélites, como outras agrupacións veteranas —Orquesta Compostela, París de Noia ou Sintonía de Vigo, nomeadamente—, xa había tempo que aprezaran o doce que sabe o éxito.
A biografía oficial da orquestra que artellaron na Coruña de 1938 o saxofonista Manuel Otero Mariñas —bisavó de Xurxo Souto— e o cantante, actor e produtor de cine, Jaime Camino vai de Betty Missiego a Radio 3.
Os músicos que se foron incorporando á primeira formación de Los Satélites procedían na súa meirande parte de bandas militares, nas que tocaran ata que rematou a Guerra Civil en 1939. Ao finalizar a contenda o primeiro de abril, a agrupación coruñesa iniciou o seu percorrido musical en revistas musicais e teatros, de provincia en provincia, pero cedo xurdiu a aspiración dunha certa estabilidade profesional e familiar para os músicos. Unha solución? Funcionar como orquestra acompañante para artistas nas súas xiras polo norte de España.
Elegantes
Ao xeito das 'big bands' das primeiras etapas do jazz o e do swing que acompañaban os 'crooner' do momento nos Estados Unidos, as fotografías de Los Satélites dos anos corenta e cincuenta do século pasado devolven a imaxe dunha ducia de músicos como saídos dun club de Nova York: con chaqueta branca e garavata de lazo na meirande parte dos casos; contrabaixo, piano e unha potente sección de ventos. Quen seguiu a traxectoria de Los Satélites ao longo de sete décadas sostén que os sinais de identidade da banda mantéñense intactos.
Un deses vocalistas ao xeito dos 'crooner' estadounidenses que fixo boa asociación con Los Satélites foi o tamén coruñés Pucho Boedo, quizais a gorxa máis celebrada do país. Boedo, do Ventorrillo e fillo e irmán de cenetistas fusilados no 36, acadara certa sona a finais dos anos 40, ao cantar en Radio Juventud no Quiosco Alfonso.
Conta Paco Lodeiro no documental 'Unha orquestra de lenda' que percorre as idades de Los Satélites como o combo coruñés foi a primeira orquestra española en viaxar a América. Foi en 1955 cando Los Satélites arribou a Venezuela con Pucho Boedo como vocalista axudante de Álvaro Pita García, Alvarito. Foron catro meses de concertos e actuacións ata na televisión. Os cantantes ficaron no Caribe algún tempo máis —Boedo como solista, acompañado polo pianista Willy Gamboa— a 'big band' regresou aos Cantóns contaminada polo merengue, a cumbia e a música caribeña.
E aínda faltaban varios lustros para que a comunidade latinoamericana de Nova York sentase as bases dun xénero musical que daría en chamarse salsa.
Ademais de Alvarito —que hoxe anda nos 85 anos— e do 'crooner' do Ventorrillo, outras gorxas cantaron ao son de Los Satélites. Sito Sedes e Leni foron algúns dos que botaron máis tempo e tamén Melchor Rodó, Tito, Isabel ou José Luis se ocuparon do micro.
Agora, unha terna de cantantes, Alma, Eric e Noli, distribúese o repertorio de Los Satélites, unha formación que ten acompañado no seu tempo a celebridades como Betty Missiego, Víctor Manuel ou Massiel e colaborado con amigos coma Os Diplomáticos de Monte Alto ou os xa citados Paco Lodeiro ou Sito Mariño.
Los Satélites seguen nun estado de forma envexable se se ten en conta que vén de ser elixida como mellor orquestra de Galicia en 2009 polos oíntes do programa 'Palco de estrelas', de Radio Valga. Pero é que os recoñecementos teñen chegado desde latitudes e ámbitos ben afastados.
Setenta anos dan para facer actuacións en Venezuela, Arxentina, Alemaña, o Reino Unido, Suíza... e por toda a península Ibérica, publicar once discos e ser protagonistas dun documental, editado en formato DVD.
E os fitos non rematan aí.
Disco de ouro
Los Satélites acadaron en 1977 o disco de ouro da discográfica EMI polas súas vendas en toda España. Pouco tempo despois, en 1980, foron designados polo Club Deportivo Español de Bos Aires como mellor orquestra de Europa.
Os méritos seguiron en 1984, ao ser designados pola revista Show Press como artífices da verbena máis cobizada en España. E en 1990, cando a cadea pública de música alternativa Radio 3 estableceu que o veterán combo da Coruña era a mellor orquestra de salsa do Estado.
Para esa data, Los Satélites xa foran a orquestra titular do programa 'Aplauso', de TVE, e seríao logo, en 1993, do espazo 'Querida Concha' que presentaba Concha Velasco en Telecinco. Na TVG acadou ao longo dos 90 varios galardóns e, xa no novo milenio, a música de Los Satélites soou en dúas das ficcións da Galega, 'Libro de familia' e 'Os Atlánticos'.
O seu ascendente é tal na historia recente de Galicia que incluso un libro de texto de cuarto curso da ESO recolle as peripecias de Los Satélites. ''E iso si que son palabras maiores'', di Javier Saavedra, o actual director musical.
Unha homenaxe no Teatro Colón
O Teatro Colón da Coruña acolleu este venres unha gala auspiciada pola Fundación Caixa Galicia coa que a orquestra Los Satélites festexou na súa cidade de orixe os seus setenta anos enriba dos escenarios.
Foi un espectáculo emotivo no que os catorce integrantes actuais da formación tiveron a colaboración dalgúns dos integrantes das formacións históricas de Los Satélites. Así, máis dunha vintena de músicos participou nesta festa, promovida por Paco Lodeiro —fan confeso amén de biógrafo oficial— e presentada por Yolanda Vázquez. Eiroa, Leni, Sito Sedes, Tito Calviño, Alvarito, Fixoi ou Melchor Rodó foron aplaudidos de novo xunto a Los Satélites.
O espectáculo do Teatro Colón foi gravado e será posterioremente editado e publicado en DVD e sumarase aos materiais —disco e documental— do 70º aniversario.
No puedes valorar tus propios comentarios.
Ya has valorado este comentario
Nos interesa tu opinión, pero con 'sentido'. Nada de insultos ni descalificaciones.
Se borrarán todos los comentarios que, con criterio subjetivo como en toda web, se consideren inadecuados.
Y recuerda, no des de comer a los trolls...
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.





