Cómic
Guía actual da banda deseñada en Galicia
16/11/2009 - R. Silva/O.Ucha. Nova+
Malia que hai antecedentes puntuais previos, considérase que a historia da banda deseñada en Galicia arranca alá por 1973, cos traballos de xente como Xaquín Marín ou Raimundo Patiño. Dende entón, a chamada novena arte ten formado en Galicia unha completa xungla de editoriais, artistas, publicacións periódicas, salóns...
O catálogo de autores en activo, tanto en Galicia como no exterior, ronda o medio cento e só dende o 2005 saliron do prelo máis de 50 títulos das máis variadas temáticas. As editoriais son, precisamente, unha das principais esperanzas do sector, pese a que non manteñen unha aposta clara e decidida pola BD, o que se pode apreciar nos escasos títulos que inclúen nos seus catálogos.
Mapa de viñetas
Neste senso, Carlos Portela apunta que un dos motivos pode ser que as tiraxes son moi pequenas, rondando os mil exemplares. Así, opina que as editoriais ''pensan que para eses exemplares non vale a pena e os excedentes que lles deixa a BD xéranlles un problema''. De recente creación son as editoriais especializadas, como El Patito, que arroxan algo de luz, malia que de momento actúan a pequena escala e editan para librarías especializadas.
Ademais, Portela sinala que ''o típico de calquera editorial é sacar un intento de Astérix, unha obsesión que non ten ningún sentido, ou historias de Galicia que son un coñazo''. Dende o punto de vista dos libreiros, Santiago Navia comenta que o cómic para adulto é un fenómeno bastante recente e por iso as editoriais comezan agora a ''velo como mercado fóra do infantil''.
E a directora de El Patito asegura que é posible que as editoriais ''non vexan a banda deseñada como unha fonte de ingresos''. Con todo, algunhas editoras, como Toxosoutos, Faktoría K, Xerais ou Urco contan tamén con BD nos seus fondos.
A isto, hai que sumar as revistas especializadas de carácter máis ou menos periódico, como 'BD Banda', 'Barsowia' ou 'Retranca'. Tamén axudan as librarías especializadas, máis dunha ducia espalladas polas cidades galegas. A veterana neste terreo é Komic, que abriu as súas portas en Santiago hai xa máis de 20 anos.
BD con recendo atlántico
Falar de cómic en Galicia implica mencionar a gran feira do sector, Viñetas do Atlántico, creada na Coruña en 1998 e convertida xa nun referente estatal. Cada agosto, achéganse ata alí máis de 60.000 persoas e un bo feixe de autores internacionais. A unha escala menor, sitúanse encontros como as Xornadas de Banda Deseñada de Ourense ou o Salón de Cangas.
Outro dos puntais son os galardóns. A xoia da coroa é o Premio Castelao, dotado con 6.000 euros e coa publicación dun álbum. Ademais, varias bibliotecas contan xa cunha bedeteca nos seus sistemas de préstamo, unha ferramenta imprescindible para captar novos lectores. Como exemplo, pódense citar a Biblioteca Ánxel Casal en Santiago ou a Municipal da Coruña. Cada gran de area axuda na creación deste universo de globos e viñetas.
No puedes valorar tus propios comentarios.
Ya has valorado este comentario
Nos interesa tu opinión, pero con 'sentido'. Nada de insultos ni descalificaciones.
Se borrarán todos los comentarios que, con criterio subjetivo como en toda web, se consideren inadecuados.
Y recuerda, no des de comer a los trolls...
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.





