A sociedade da información
Feijóo valora que ''os artífices da Galicia do presente poidan gozar da do futuro'': Galiciadixital chega a Campolongo
23/11/2009 - Galiciaé
É a mostra máis visitada da historia de Galicia, 600.000 visitantes desde a súa inauguración no ano 2000. Dentro das súas instalacións, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, valorou que “os artífices da Galicia do presente” poidan disfrutar “da do futuro” na inauguración da mostra Galiciadixital na residencia de maiores de Campolongo, en Pontevedra, onde permanecerá aberta ata o vindeiro 19 de novembro.
O mandatario galego presidiu a apertura desta mostra itinerante acompañado do secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, e avanzou que nesta nova etapa esta mostra se poderá visitar en cinco residencias de maiores, cinco hospitais e catro concellos: Narón, Soutomaior, A Rúa e Redondela.
A Galicia virtual
Feijóo destacou que esta exposición mestura “o que foi e é Galicia coa sociedade do coñecemento”. “Ninguén mellor que vostedes para disfrutar desta exposición, para detectar cada detalle desta aposta artística audaz que renova virtualmente o que é Galicia”, explicou o presidente galego, quen salientou que esta mostra pretender ser “a converxencia entre o arte a tecnoloxía”.
“Estamos ante o compendio da Galicia actual coa Galicia futura; é o que nos gustaría ensinar a aqueles que son os seus artífices”, engadiu o presidente galego, quen agradeceu o seu recibimento aos maiores de Pontevedra. “Foron vostedes testemuñas daquela Galicia pouco desenvolvida, con máis corredoiras que autovías, con poucas casas con auga corrente, moitas con necesidade, con poucos médicos, escasos hospitais... daquela Galicia en definitiva que hoxe xa é historia xa que, grazas ao voso esforzo, é posible disfrutar doutra Galicia”, remarcou.
O presidente da Xunta destacou a historia e o éxito de Galiciadixital, tanto na súa exposición itinerante como na permanente de San Martiño Pinario, e explicou que 600.000 persoas puideron disfrutar dela desde o ano da súa apertura, o 2000, ademais das 30.000 persoas que a visitaron nas 18 localidades onde se inaugurou a parte itinerante. “Esta exposición é xa a segunda máis visitada de toda Galicia”, incidiu.
Aposta polas novas tecnoloxías
O presidente da Xunta salientou como un “horizonte” do seu Goberno, a aposta polas novas tecnoloxías. Neste sentido, Feijóo destacou os últimos acordos acadados polo Goberno galego para a súa promoción e aplicación na vida cotiá como o convenio asinado entre Xunta, concellos e deputacións para coordinar todos os investimentos en tecnoloxía.
Núñez Feijóo lembrou a aprobación por parte do Goberno galego de máis de 100 millóns de euros para que calquera galego, desde a súa casa e o seu ordenador, poida acceder a unha conexión de banda larga, e avanzou a aprobación do plan estratéxico de tecnoloxías no primeiro trimestre de 2010. O mandatario galego lembrou, por último, o importante investimento do seu Executivo para a implantación da Televisión Dixital Terreste (TDT) en Galicia, de máis de 200 millóns de euros.
No puedes valorar tus propios comentarios.
Ya has valorado este comentario
Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.










