Terrorismo?
Interior non descarta que o atentado de Navarra fose unha montaxe do garda civil ferido
29/11/2009 - Galiciaé
A investigación da Garda Civil sobre os sucesos deste domingo de madrugada en Leitza (Navarra), onde un axente resultou ferido de bala, acumula cada vez máis indicios que fan descartar a hipótese do atentado, segundo fontes da loita antiterrorista. Estas fontes engadiron que aínda que a investigación continúa aberta, toma forza a posibilidade de que se trate dunha montaxe creada polo propio axente xa que se constatou que a munición atopada no lugar dos feitos é a habitual na Garda Civil e non en ETA.
Segundo informa TVE, o artefacto localizado coa luz do día a 100 metros da casa cuartel é un tubo de PVC, que trata de simular un lanzagranadas, e non conta con ningún dos dispositivos que adoitan conter estas armas.
Tamén confirmaron, segundo as devanditas fontes, que o disparo recibido polo axente foi efectuado a tan só un metro de distancia e que o tiro detectado no seu chaleco antibalas non lle deixou no tórax o inevitable hematoma que produce este tipo de impactos. O garda civil, de 34 anos e cuxa identidade responde as iniciais S.M.O., sofre unha ferida de bala no antebrazo esquerdo e permanece ingresado no Hospital de Navarra nun estado "menos grave" tras a operación cirúrxica á que foi sometido por unha fractura de cúbito.





