Entrevista

Ferrín: ''Inmersión lingüística é o que me fixeron a min ao educarme en castelán!''


Etiquetas: entrevista, RAG, lengua, enseñanza, decreto gallego, educación

22/01/2010 - Beti Vázquez

Ingresou na Real Academia Galega no 2000 pronunciando un discurso sobre a poesía medieval galega. Dez anos despois, o seu nome oíuse alto e claro desde que caeu o primeiro gran de area do reloxo que marcaba o tempo de Xosé Ramón Barreiro á fronte da institución. E aínda que se mostrou disposto a retirar a súa candidatura se perigaba o consenso, finalmente non fixo falla. Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938) converterase este sábado, 23 de xaneiro, en presidente da RAG despois dunha partida que gañou sen contestación: xogouna contra si mesmo.

Pregunta: Dixo estar disposto a retirar a súa candidatura se había máis 'aspirantes' para evitar enfrontamentos. A que viña ese sacrificio?

Resposta: (ri) Non era un sacrificio, é que para min o importante é que se lograse un consenso máximo. A Academia é unha corporación viva na que existen puntos de vista diversos, e pode haber membros que propuxesen outro candidato. Retirarse sempre é unha posibilidade a ter en conta.

P: Hai unhas semanas non quixo confirmarme a súa candidatura. Cal foi o motivo que o levou a presentarse?

R: Que a miña candidatura chegase avalada por tres académicos --Xosé Luís Axeitos, Ramón Lorenzo e o último presidente Xosé Ramón Barreiro--. Pensei na posibilidade de presentarme nese momento, cando un grupo de académicos me pediron que fixese a postulación. Despois veu a presentación da candidatura.

P: E o proceso para gañar adeptos, como o leva?

R: Eu non fixen nada! (conta entre risas) Fixen a miña candidatura, todo o mundo sabe quen son eu e a ver que pasa!

P: E contar co aval do anterior presidente, axuda á hora de conseguir apoios?

R: Pois foi el un dos que me propuxo, pero entendo que nestes momentos é un voto máis, unha personalidade máis entre os trinta e tantos que hai.

P: O seu nome soou con forza desde o minuto un e quedou como candidato único. Non se atreven a enfrontarse con vostede?

R: Podía presentarse outro candidato ata 48 horas antes. Non creo que non se atrevan, igual non queren ocupar ese cargo (ri)

P: Manuel González, presidente en funcións da RAG, definiuno como ''un bo candidato''. Por que é un bo candidato? Nunca ocupou un posto destas características...

R: Nin destas nin de semellantes! Pero teño a idade e a experiencia sufiente como para poder facerme cargo da responsabilidade.

Traballar de portas para dentro
P: Cal é o reto máis inmediato ao que se enfronta a Academia?

R: Fundamentalmente cuestións internas. Neste momento está inmersa dentro dun debate social e político moi importante, que é a defensa do idioma fronte á pretensión dun decreto que é lesivo para a lingua e a cultura galega e para Galicia en xeral. Pero os retos inmediatos da Academia, polos que ti me preguntas, son fundamentalmente internos. É momento de pechar as portas, en silencio, e de traballar no léxico, na gramática, na onomástica, na historia e na literatura. Que é o que ten que facer! (ri)

P: E vai seguir co camiño trazado ou haberá desvíos?

R: Nós imos seguir polo camiño que está marcado a partir dunha etapa determinada histórica, a iniciada pola presidencia de Francisco Fernández del Riego e continuada por Xosé Ramón Barreiro. En certo sentido imos ser continuistas, e perfeccionar un pouco o que xa se leva feito.

P: A RAG conta xa con máis de cen anos. Queda algunha áncora do pasado que haxa que soltar?

R: Non, non. Non queremos soltar amarra ningunha! (ri) Estamos precisamente moi ben amarrados á memoria histórica e aos obxectivos fundacionais da Academia, que pasan pola plenitude da lingua e da cultura galega. O que pasa é que cada época ten as súas necesidades e hai que darlles resposta: no caso da Academia, toca dalas no plano da lingua e no plano da cultura galegas.

P: Pois no plano da lingua xa deu a súa resposta: un suspenso rotundo ás bases do decreto. Cal é a postura persoal de Méndez Ferrín a respecto do borrador?

R: A título persoal, eu coincido con todos os puntos da Academia, igual que a totalidade dos académicos. Foi aprobado xa non só por unanimidade, senon por aclamación (enfatiza o termo 'aclamación')

P: Con que termo definiría ese borrador?

R: Creo que algún académico dixo 'trapallada'... (ri) É algo así. É unha cousa que non ten solidez, que ten moitos defectos, non é satisfactorio para ninguén que queira defender o idioma e que queira frear o seu proceso de desaparición e descomposición. Así se viu nos apoios que recibiu a resposta da Academia.

''Inmersión lingüística é o que me fixeron a min educándome en castelán''
P:
Deféndese a inmersión lingüística no informe, como dixo Alfonso Rueda?

R: (levanta a voz) A inmersión lingüística é o que che fixeron a ti, cando te educaron en castelán, igual que a min! E a todo o mundo! (ri) E é o que está recomendado en varios modelos pedagóxicos cando se quere fomentar e recuperar unha lingua que está a perderse. O exemplo que se pon é o do Canadá, onde se ensina o inglés e o francés, pero as linguas indíxenas están especialmente protexidas. A inmersión é un ben! Eu, as linguas que aprendín, aprendinas por inmersión lingüística.

P: E as críticas de que o galego que defende a RAG é artificial?

R: (non deixa rematar a pregunta) E o castelán é artificial porque o artificiou a Real Academia española! Por iso ningunha das persoas que asina esa crítica pode escribir 'vaca' con 'b' para falar do animal! (ri a gargalladas)

P: Que papel xogarán as súas opcións políticas no seu novo cargo? Será quen de deixalas a un lado?

R: Non, non podo deixar de pensar como penso. Sería coma se cres nas teses de Freud e tes que deixar de crer. Pero é certo que a Academia é a Academia, e a ela me vou dedicar, a servila as 24 horas.

P: E que fará a Academia se o decreto do galego vai adiante?

R: Nada. Xa fixo o que tiña que facer: emitiu unha doutrina admitida polas persoas dispostas a salvar o galego. A RAG non é un partido político, nunca vai ter representación no Parlamento. Non hai nada máis que facer.

4'8 (26 votos)

Para valorar comentarios debes estar registrado.


Acceder Crear usuario

No puedes valorar tus propios comentarios.



Ya has valorado este comentario



Fotos

Caricatura de Méndez Ferrín. (Arquivo)
Caricatura de Méndez Ferrín. (Arquivo)