Vento fresco
Vendepatrias
04/02/2010 - Manuel Miragaia
Despois de que tres dos colaboradores do heroe lusitano Viriato o asasinasen cando durmía, a cambio dunha recompensa dos romanos, a resposta exemplar que tiveron por parte destes foi a de que Roma non pagaba aos traidores. Accións tan rexeitábeis como a daqueles tres lusitanos vendidos aos conquistadores latinos prodúcense por desgraza na historia dos pobos. Xa se sabe que ás veces os intereses persoais ou de grupo máis mesquiños pasan por riba dos xerais da nación na que os individuos naceron.
Nunha historia tan antiga e de tan tradicional dependencia como a galega adoita aparecer a miúdo a figura do vendepatrias. Mellor é que non efectuemos un repaso dos tempos pretéritos, para non nos encher de amargura, ao vermos a enorme distancia entre o que poidemos ser e o que en realidade somos. Nunca está de máis volver afirmar, seguindo a Cicerón, que aqueles pobos que non coñecen e lembran o pasado están condenados a repetilo.
Dous temas do momento presente, que constitúen o cerne da nación galega, estanos afectando. Referímonos á cuestión da lingua galega e á das nosas caixas. Expresándonos de forma dualista, poderían dicir que a alma da noso País é a lingua galega e que o seu corpo o constitúe a súa economía. Tanto a parte, digamos, espiritual como a material están a sufrir un serio perigo. A nosa existencia futura como pobo diferenciado e autónomo está ameazada pola dimininución do uso do galego, máis que posibelmente acelerada co decreto da Xunta, e tamén polos proxectos estatais para o noso aforro.
A Núñez Feijóo, que naceu no espazo fermoso e simbólico dos Peares e que é presidente de todos os galegos e galegas, se cadra as súas ambicións políticas fan que lle interese máis realizar carreira en Madrid cos apoios do sector duro aznariano, como sucesor de Rajoy, que gobernar a conciencia pensando no mellor para Galiza. Vese moita provisionalidade no seu paso pola Xunta. As súas aparicións constantes en Intereconomía resultan significativas. Hai que lles ofrecer a eses extremistas en bandexa a lingua galega, para alimentar o seu radical e intolerante españolismo.
E que dicir de José Blanco? E que dicir dun señor que até estaría disposto a poñer no seu Palas de Rei nada menos que un cemiterio nuclear para lle facilitar ao goberno de Zapatero o labor de soterrar os residuos radioactivos? No tema das caixas, a galeguidade súa e a do seu partido brillan pola súa ausencia. El e máis Abel Caballero parecen dispostos a colaborar no expolio do aforro dos galegos. En facer posíbel que outros fagan o seu negocio á nosa costa.
A esta clase política só lle interesa cobrar o plus dos altos cargos e actuar de xeito tan servil, seguindo os dictados das direccións estatais dos seus partidos e das oligarquías centralistas. Mais o futuro deste antigo País non importa. O benestar socioeconómico da súa sufrida poboación tampouco conta. Porén, a dignidade galega activada, como se demostrou na cuestión lingüística, pode facer que cambien moitas cousas.
No puedes valorar tus propios comentarios.
Ya has valorado este comentario
Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.










