Saúde

España e México aplauden a xestión da gripe A emprendida pola OMS: ''Aí están os miles de mortos''


Etiquetas: farmacéuticas, OMS, gripe A, sanidade, saúde

09/02/2010 - B.V

"Actuouse como se tiña que actuar". "Esaxerouse coa pandemia? Aí están os miles de mortos". "Sería unha irresponsabilidade pór en cuestión o traballo da Organización Mundial da Saúde". Son palabras que saíron da boca dos responsables de saúde de España e México, Trinidad Jiménez e José Ángel Córdova, que avalaron a xestión do organismo de Nacións Unidas nun encontro que ambos mantiveron na Casa América de Madrid.

Irresponsabilidade ou non, xa houbo voces que cuestionaron duramente a xestión que a OMS fixo do que xa se coñece como 'o negocio do medo'. O presidente da Comisión para a Saúde do Consello de Europa, o reputado médico e epidemiólogo alemán Wolfgan Wodarg, non dubidou en denunciar publicamente que a definición de pandemia que a OMS orquestrou non fixo senón dar o pistoletazo de saída para o negocio das farmacéuticas.

Sospeitas de alarmismo interesado

Foi el quen instou o Consello de Europa a iniciar unha investigación sobre as sospeitas de alarmismo interesado que atribúe á xestión realizada polo ente da ONU, e que este xa negou. Segundo informa, ata o mes de maio do 2009 eran necesarios dous factores para poder declarar unha pandemia: que o virus se estendese con rapidez e que o número de mortes provocadas por aquel fose moi superior á media estacional.

En maio, a definición sufriu un cambio e deixou de ser necesario falar de mortalidade: bastaba con que o virus se detectase en distintos países. En xuño declarouse a pandemia da gripe A e os laboratorios puxéronse as pilas para atopar un antídoto, a famosa vacina da que España comprou trece millóns e utilizou tres. O dato facilitouno recentemente Cadena Ser o presidente do colexio de médicos Juan José Rodríguez Sendín, quen aproveitou para criticar a xestión da OMS asegurando que actuou "co exceso propio do novo rico, sen prever as consecuencias dos seus actos".

Que facer coas doses sobrantes? A ministra de sanidade, Trinidad Jiménez, dixo en mais dunha ocasión que non descarta que se poidan utilizar na campaña do ano que vén. Sendin asegurou que "moito me temo que a vacina non vai servir, haberá que levalas ao punto SIGRE" ou destinalas aos países empobrecidos, aínda co risco de romper a liña de conservación durante o traslado. Hoxe sábese que a gripe A produciu a décima parte das mortes que a estacional.

España e México aplauden á OMS

Así as cousas, e a pesar de que Wodarg responsabiliza directamente á OMS da epidemia de histeria que se propagou con maior rapidez que o propio virus, os titulares de Sanidade de España e México abrazaron a xestión do organismo. Ao seu entender, a OMS "actuou correctamente" desde o inicio da pandemia, e insistiron en que, "grazas á alerta" da organización internacional, o Mundo tivo capacidade "para evitar que a enfermidade se propagase con maior agresividade".

Tanto Jiménez como Córdova negaron que a OMS actuase influenciada polos intereses das empresas farmacéuticas. É máis, sinalaron que as críticas recibidas por esta institución a este respecto só estanse expondo en Europa. A ministra española aclarou que, a pesar de todo, a OMS está a levar a cabo auditorías internas e avaliacións para demostrar que se actuou baixo evidencias científicas e non comerciais: "É inverosímil pensar que as decisións se toman polos criterios individuais de alguén".

Ambos os mandatarios recoñeceron que as poboacións dos seus países son remisas a vacinarse contra a gripe A. De feito, Jiménez explicou que dos dez millóns de persoas que forman os grupos de risco que debían haberse inmunizado no Estado, só o fixeron tres millóns, a pesar das campañas e recomendacións feitas desde o Ministerio.

5'0 (2 votos)

Para valorar comentarios debes estar rexistrado.


Acceder Crear usuario

Non podes valorar os teus propios comentarios.



Só podes valorar o comentario unha vez.



2 comentarios

Interésanos a túa opinión, pero 'con sentidiño'. Nada de insultos nin descalificacións.
Borraranse todos os comentarios que, con criterio subxetivo como en toda web, se consideren inadecuados.
E lembra, non lles deas de comer aos trolls...
Para calquera dúbida, consulta a guía de comentarios.


#2 Por findomundo 09-02-2010 22:25

Normal

vaia.. .. pero a gripe A non era a fin do mundo? Ai, non! Era unha axudiña para o negocio dos lobbys farmacéuticos.. :) Moi ilustrativa a noticia, moi moito


#1 Por libaba 09-02-2010 17:45

Normal

E digo eu, onde vai Maria Dolores de Cospedal que nos deu un discurso apocalíptico sobre, según ela, a incapacidade da Ministra de sanidade de xestionar a gripe A que acabaría con nos¿?


Acceder Crear usuario

Podes comentar sen ter que crear un usuario, pero é recomendable se queres acceder a todas as funcionalidades dos comentarios (votacións, karma, foto personalizada...)





captcha

Cambiar por outro


Un pouco de HTML está ben
Podes usar algunhas etiquetas HTML <a></a>, <b></b>, <s></s>, <u></u>, <i></i>

Fotos

(Fotos de arquivo)
(Fotos de arquivo)