Entrevista

Borja Alonso, Míster España no 2005: ''Se algo podo sacar das leas nas que me metín é aprender''


Etiquetas: Vigo, moda

09/02/2010 - A.Conde. L-V

''Agora mesmo estou nun momento estupendo, tanto a nivel anímico como persoal e sentimental''. Aos seus 28 anos, a vida volve sorrirlle a Borja Alonso, que loita para deixar atrás os turbios sucesos nos que se viu envolto e conquistar a estabilidade perdida. No amor xa a atopou xunto a unha moza viguesa e, no laboral, prepárase para bombeiro, para o que cambiou a pasarela polo ximnasio.

Pregunta: Volveu a Coia, creo que disposto a empezar unha vida nova.

Resposta: Cando vivía en Madrid sempre viña aquí, pero agora estou establecido definitivamente. Estou preparando as oposicións a bombeiro, a ver se saen xa en xullo. Hai que darlle caña porque son complicadas, sobre todo a parte física. Pero aí estou.

P: Requiren de moito adestramento.

R:
Si, adestro mañá e tarde. Paso horas no ximnasio e logo tamén fago piscina e taekwondo.

P: Con este deporte volve dalgún xeito ás súas orixes...

R:
Si. Deixeino cando marchei a Madrid, pero eu levaba no taekwondo desde os 4 anos. En 2001 fun campión de España e agora volvín adestrar en setembro --antes non puiden facelo pola lesión na perna--, e en decembro xa empecei a competir. Quedei terceiro no campionato galego.

Amizades perigosas
P: Á hora de facer balance, como lle cambiou a vida desde que obtivo título de Míster en 2005?

R:
Balance procuro non facer moito; quedo coas cousas boas. Tiven experiencias moi boas e outras moi malas, pero hai que recordar o positivo.

P: Protagonizou unha serie de sucesos do máis violentos. Que saca en claro deles?

R:
Se algo podo sacar é aprender, igual a non ser tan inxenuo e inocente. Ás veces un equivócase.

P: O seu erro foron as amizades perigosas?

R:
Si, foi de todo un pouco.

P: Supoño que celebra que todos os que quixeron atentar contra vostede se atopan en prisión...

R:
Si, aínda que a min o que me sacaron xa non mo van devolver.

Oposicións a bombeiro
P: Cre que a súa imaxe quedou danada por tanto suceso estraño?

R:
Home, non che vou dicir que non porque te estaría enganando. Pero os que me importan son os que están ao meu lado todos os días: a miña familia, a miña noiva e os meus amigos. O resto da xente fíase do que lle di a televisión ou do que le, e o certo é que me dá igual. Se tivera que ir explicándolle a todo o mundo a miña versión non acabaría nunca.

P: Chegaron a vinculalo co mundo das drogas. Molestoulle?

R:
No seu momento si porque acendías a televisión e estaban falando sempre do mesmo, pero logo deume igual porque os meus sempre me apoiaron.

P: Sofre secuelas por culpa dalgunha das agresións?

R:
Non, estou perfectamente. De feito estou preparando as oposicións a bombeiro e como non esteas ben fisicamente...

Traballo de futuro
P: Tras pasar polos programas e revistas do corazón, non cre que lle deron máis notoriedade polas polémicas que polo seu título?

R:
Sen dúbida. Hoxe pos o meu nome en Google e aparecen 50.000 entradas dos sucesos tráxicos e dúas de Míster España. Moitos chamábanme para dicirme que me querían axudar a lavar a imaxe, pero logo presentaban a entrevista con pistolas e leas, cortábana como querían e ao final parecía gilipollas.
 
P: Entendo que tamén houbo bos momentos, con cales quedaría?

R:
Coas viaxes que fixen. Eu antes non viaxara moito e grazas ao título coñecín o Caribe e moitas das cidades europeas. Só a Brasil fun unhas nove veces... (risas).

P: Malia que aspira a bombeiro, seguirá traballando como modelo?

R:
Non o aparquei, pero agora teño claro o que é o importante, e se me coincidise un desfile co traballo, primeiro vai ser o segundo. A moda está ben pero pasa de largo; é hora de centrarse nun traballo de futuro que me dea estabilidade. Xa non quero o de antes, andar de aquí para alá...

Ben acompañado
P: Ten moza nova...

R:
Si. Estou cunha moza e o certo é que moi ben; ela achégame moita estabilidade e tranquilidade. Estamos xuntos desde o meu aniversario, o 1 de outubro de 2009. Foi o meu regalo (risas). É de Vigo e estuda en Pontevedra; outro motivo para asentarme aquí.

P: A banda de guapo oficial de España, púxolle moitas mozas en bandexa?

R:
A min a banda duroume un día; regaleilla á señora da limpeza (risas). O que pasa é que aí nunca chegas a fiarte de que queren esas mozas, se coñecerte a ti ou o que representas como Míster. Coñecín moitas mozas, pero que mereceran a pena, cero.

P: Agora que está volcado coa vida sa e o deporte, segue algunha dieta?

R:
A dieta de comer todo o que poida! (risas). Con todo o deporte que fago pódome permitir comer todo o que quero. O meu corpo é súper agradecido para iso. Marisco da ría e sen problema.

A superficialidade da moda
P: Algún truco de beleza?

R:
Non, o certo é que nunca fun moi Míster nese sentido.

P: Nin usa cremas?

R:
Ah iso si, ves? Gústanme moito os aceites e as cremas. Aí son media muller.

P: Como cualificarías o mundo da moda?

R:
Eu creo que é superficial, polo que se te queres dedicar a iso tes que ir moi centrado. Ter as cousas claras e non deixarte influenciar por ninguén.

P: De todas as persoas que coñeceu, quen lle resultou máis interesante?

R:
Poucas, moi poucas (risas). No seu momento cría ter moitos amigos, pero á hora da verdade na memoria do teléfono debo de ter catro ou cinco, duns 200.

0'0 (0 votos)

Para valorar comentarios debes estar registrado.


Acceder Crear usuario

No puedes valorar tus propios comentarios.



Ya has valorado este comentario



¿Comentas?

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.


Acceder Crear usuario

Puedes comentar sin tener que crear un usuario, pero es recomendable si quieres acceder a todas las funcionalidades de los comentarios (votaciones, karma, foto personalizada)





captcha

Cambiar por outro


Un poco de HTML está bien
Puedes usar algunas etiquetas HTML <a></a>, <b></b>, <s></s>, <u></u>, <i></i>

Fotos