Recital

'Rosalía 21': A voz da poeta silenciada


Etiquetas: poesía, música, reportaje

24/02/2010 - Beti Vázquez

A conversa con eles daría para poñerlle letra a un libro de moitas páxinas. Un estaba ao outro lado do fío; o outro, diante dunha pequena taza de café quente que non paraba de remexer. Anxo Angueira e Abe Rábade. Poeta e músico. 'Músico' e poeta. Os dous emprenderon unha viaxe para traer ata os nosos días a figura "inmortal" dunha muller que este mércores cumpriría 173 anos: Rosalía de Castro.

Fuxir do tópico da poeta que lle canta aos ríos, ás fontes e aos sentimentos para centrarse na outra poeta, na rebelde, na que foxe dos xugos do seu home para porlle voz a un feminismo que quizais non encaixaba co conformismo dos anos nos que lle tocou vivir. Reivindicar á Rosalía nacionalista, á que escribiu aquelo de 'Pobre Galicia non debes chamarte nunca española, que España de ti s'olvida', as verbas que non recollen os libros de texto. Este foi o encargo que fixo a Xunta no 2007. Un ano despois publicábase un disco homónimo ao proxecto, Rosalía 21, dez poemas 'esquecidos' que Anxo Angueira recita e onde Guadi Galego pon a voz e Abe Rábade a música.

  • Quedei deshonrada, mucháronme a vida, fixéronme un leito de toxos e silvas; i en tanto os raposos de sangue maldita, tranquilos nun leito durmían.

    "A figura de Rosalía é inmortal, segue a falarlle ao pobo galego xeración tras xeración, e aínda hoxe di cousas novas. Fala da transgresión, da revolución feminista, dos excluídos. É unha escritora que non se pregaba ao poder, unha bandeira, é emocionante tela ben ergueita". Anxo Angueira non fala, recita. Reacio de primeiras a falar dun traballo que xa fixo hai tres anos, unha vez que empeza non hai quen o pare. Quéixase da beatificación oficial que se fixo con Rosalía, desposuíndoa do seu perfil arisco, espiñento. "O mesmo pasa con Castelao! É un gran debuxante, si, pero... e o resto? Con ela tamén se ocultou ese lado revolucionario, limárono, deixárono na sombra".

    A Xunta fíxolles este encargo pensando na Feira do Libro da Habana, sabedores de que Galicia sería declarada nación cultural alén mar. "Tiñan en mente darlle un enfoque distinto ao que ata daquela era Rosalía, a poeta costumista e choromiqueira", conta Abe Rábade. Segue remexendo no seu café mentres explica o seu papel no proxecto. Tocoulle o xiro musical que fai que este traballo bote por fóra na dimensión literaria e cumpra así coas esixencias marcadas desde "aquel perdido Goberno".
  •  ¡Padrón! ¡Padrón! Santa María... Lestrove... ¡Adiós! ¡Adiós! Moito te quixen e quero, eso ben o sabe Dios; mais hoxe, ó pensar en ti núbraseme o corazón: que a terra está removida, negra, e sin flores...

    O proxecto Rosalía 21 estréase en Galicia por primeira vez este mércores, 24 de febreiro. "Estaba todo listo para presentalo hai un ano aquí, en Compostela, pero impedíunolo unha falcatruada rosaliana: vinte minutos antes do espectáculo ardeu o sistema eléctrico do Teatro Principal!", lembra Abe Rábade entre risas.

    Despois veu o cambio de Goberno. "Da maioría das cousas, do 95%, non podo congratularme, ao igual ca calquera persoa que teña un mínimo de sensibilidade cara a lingua e a cultura. Pero este caso é unha excepción que os honra". O músico non escatima en agradecementos cara a Xunta por permitir que finalmente este traballo vise a luz. "Louvo a sensibilidade de quen tivo a ben que poidamos facer esta presentación, que quizais se tivese que ter feito antes aquí, e non na Habana".

  • Ladraban contra min, que camiñaba cásique sin alento, sin poder co meu fondo pensamento i a pezoña mortal que en min levaba.

    Anxo Angueira envioulle a Abe unha escolma de 25 textos, e pediulle que elixise aqueles de maior musicalidade. Só había un requisito máis: darlle unha labazada aos prexuízos que planeaban sobre a poeta, "unha figura cimeira das nosas letras, o pai da nosa Patria, que é unha muller. Case todas as literatura teñen un home como cabeceira, Cervantes, Dante, Víctor Hugo... nós temos unha muller! Quizais vén de aí a tendenza a recluíla no folclórico". Angueira tíñao claro: quería amosar "unha Rosalía descoñecida".

    E Abe escolleu. Quedou con aqueles versos que falaban dunha autora adiantada ao seu tempo en vindicacións coma o feminismo; dunha nacionalista empedernida "que reclama unha identidade cultural, por exemplo, no prólogo de Cantares Gallegos"; e da loitadora de clases. Da muller que se revela contra a Igrexa, cando era a suma de poder económico e moral "e pese a estar en entredito se a propia Rosalía era a filla dun fraile".

  • Miña santiña, miña santasa, miña cariña de calabasa (...) ¡Fuxir da lama quen naceu nela! Deus cho perdoe, probe Manuela. Lama con honra non mancha nada, nin seda limpa honra emporcada.

    "Guau! Dá moito que pensar Rosalía! Este é un poema tremendo! A compoñente de clase está ata na roupa!". Poeta e músico coinciden ao sinalar o Miña santiña, miña santasa coma un dos seus versos favoritos. "É un poema fondamente crítico, feminista, social, anticlerical e vestido coas roupaxes do folclore", razoa Angueira.

    Ese querer aparentar riqueza tamén rezuma unha loita de clases que sae da pluma da poeta que non se estuda. "No subconsciente colectivo está sempre esa autora da que che fan aprender o Adeus ríos, adeus fontes, adeus regatos pequenos... na escola. É unha tara do sistema educativo e nela reside a razón deste proxecto", di Rábade.

  • Cando penso que te fuches, negra sombra que me asombras, ó pé dos meus cabezales tornas facéndome mofa.

    O traballo de Anxo Angueira e Abe Rábade rompe moldes. Escapa desa negra sombra, da Rosalía coñecida, para desenterrar todas as outras voces da poeta. E ponlle música aos poemas, música... de jazz. "Si que lle resultou chocante a moita xente, e outra moita non o entendeu. Teñen prexuízos fortes e unha maneira de pensar reaccionaria", quéixase Abe. O músico non nega que o proxecto teña "unha pequena parte de provocación", esa que consiste en recitar a Rosalía cos sons dunha batería, un contrabaixo e un saxotenor como pano de fondo, e que dista moito dunha banda sonora a priori máis galega composta cunha arpa e unha zanfona.

    "Respecto moito o que se fixo ata o de agora pero... acaso Rosalía dixou escrito no testamento que quería ser musicada cunha arpa?". É unha pregunta retórica, e Abe faina con indignación. "Non é romper moldes por rompelos, o resultado é sólido desde o punto de vista jazzístico, e houbo un respecto polos textos e pola fonética. Ela é de Padrón, coma Anxo, pero houbo un traballo intenso con Guadi, que é da costa". Di que o Rosalía 21 é unha visión curiosa, pero tan válida coma calquera outra.
  • Tecín soia a miña tea, sembrei soia o meu nabal, soia vou por leña ó monte, soia a vexo arder no lar.

    "Rosalía fíxose famosa moi tendenciosamente, silenciando unha imaxe dela que moitos queremos reivindicar. Parece que está escrito que para que algo sexa recoñecido pola inmensa maioría da sociedade galega ten que ser neutral ou pusilánime". As verbas de Abe Rábade serven para explicar que aprendeu el con este proxecto. Aprendeu a ver máis aló, e aprendeu por que se di de Rosalía que é unha icona das letras galegas. "Aquí está o linde entre falar e falar con paixón".

    Mentres, para Anxo Angueira a resposta a esa pregunta xa era coñecida. Pónlle voz a Rosalía día si, día tamén cos seus alumnos como público. "É unha grande satisfacción ver como os nenos aceptan o discurso, como a miña voz non é un ruído". Mais o mestre tamén recibiu unha lección: a de ver como os músicos, un valenciano e outro portugués, tamén vibraban cos versos da poeta galega. "Foi máxico".
  • Cada noite eu chorando pensaba: que esta noite tan grande non fora, que durase... e durase.. antretanto que a noite das penas me envolve loitosa.

    Á hora de escoller un poema, Anxo Angueira queda co Miña santiña. "É pouco coñecido, gosto de reivindicalo", di, despois de pensar moito a súa escolla. Abe Rábade elixe os versos que encabezan este texto. "Foi o que máis me fixo pensar". O poema ten historia: foi gravado e montado o mesmo día, a mesma noite, na que un cancro lle gañou a batalla da vida ao seu mellor amigo.

    Para montar valéronse dunha técnica usada hai anos polo compositor brasileiro Hermeto Pascoal, e que consiste en transcribir as notas que saen mentres o poeta está a recitar. "Parece que Anxo tamén canta", apunta canda o primeiro sorriso que os seus beizos debuxan despois de contar por que queda con este poema.

Rosalía 21 estréase este mércores, 24 de febreiro, no Salón Teatro de Compostela. Unha oportunidade para escoitar os versos da poeta na voz dun 'mestre'. Moitos dos asistentes de seguro foron "vítimas desa visión tan extendida da choromiqueira". Anxo Angueira e Abe Rábade, acompañados por Guadi Galego e Uxía Senlle, recitarán as outras rosalías.

5'0 (13 votos)

Para valorar comentarios debes estar registrado.


Acceder Crear usuario

No puedes valorar tus propios comentarios.



Ya has valorado este comentario



¿Comentas?

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.


Acceder Crear usuario

Puedes comentar sin tener que crear un usuario, pero es recomendable si quieres acceder a todas las funcionalidades de los comentarios (votaciones, karma, foto personalizada)





captcha

Cambiar por outro


Un poco de HTML está bien
Puedes usar algunas etiquetas HTML <a></a>, <b></b>, <s></s>, <u></u>, <i></i>

Fotos

(Imaxes: Falcatruada)
(Imaxes: Falcatruada)