Aulas
Un decreto na procura de 'consenso'
15/03/2010 - Beti Vázquez
Carlos Callón, voceiro de Queremos Galego, acaba de recibir o texto do anteproxecto de decreto que regulará a presencia do galego no ensino non universitario. Tamén Virgilio Gantes, presidente da Confederación de Federacións de Asociacións de Pais (Confapa) de Galicia, tivo a oportunidade de botarlle un ollo. E Jorge Villarino, homólogo de Gantes na Congapa --as APAs da Concertada-- coñece o texto pola prensa.
Información relacionada
Dez días despois da histórica manifestación do 21 de xaneiro, na que máis de 60.000 persoas se xuntaron na compostelá praza do Obradoiro a golpe de xoves para protestar contra aquel documento, a Xunta recuaba e anunciaba ''unha repartición igualitaria ao 50% entre galego e castelán de materias e horas semanais''. O inglés desaparece como lingua fundamental do currículo, equiparada ás dúas cooficiais, aínda que a intención de introducila no ensino segue latente, desta volta tendo en conta as competencias de profesores e alumnos.
Tomando como base esta rectificación, a principal novidade que introduce o texto presentado este sábado respecto ao de antes do Nadal é o tira e afrouxa que houbo dentro do Goberno ata poucos minutos antes de que o proxecto de decreto vise a luz. Segundo parece, os sectores do PPdeG máis próximos ás teses de Galicia Bilingüe gañaron o pulso coa consellería que dirixe Jesús Vázquez e conseguiron que a consulta aos pais teña carácter vinculante e non meramente orientativo, como estaba decidido a finais de febreiro e como pediran as Asociacións de Pais do ensino público. Ao final, Educación reparte café para todos e non consegue acalar a polémica.
* COMO SE PLASMA NO DECRETO?
"Este é o punto máis letal: un neno pode chegar aos seis anos sen ter ningún contacto co galego na escola, máis aló de recitar un poema", láiase Carlos Callón. No anterior decreto, elaborado pola consellería de Laura Sánchez Piñón, establecíase o uso desa lingua predominante, pero reservábase a modo de garantía que, no caso de que esa maioría fose castelanfalante, o emprego do galego debería ser "como mínimo" igual ao do español. "Se un neno bota ata os seis anos sen contacto co galego, xa podes impartirlle despois o 30 ou o 70%, que vai vela sempre coma unha lingua estranxeira", critica o voceiro de Queremos Galego.
Desde a Confapa, o seu presidente, Virgilio Gantes, tamén se mostra crítico coa posibilidade de a opinión dos proxenitores "marque as decisións, cando estas teñen que vir desde a Consellería. A educación é un ben social, ten que ser igual no Courel, na Coruña ou en Vigo. É algo máis serio ca todo isto". Gantes aplaude que se lle pregunte aos pais, mais non está de acordo con que a súa resposta sexa vinculante.
De feito, era esta unha das condicións que lle expuxeron ao conselleiro na reunión mantida en xaneiro, xunto á necesidade de borrar do decreto a posibilidade de que o alumno se expresase naquela lingua que mellor dominase. "Non vemos por ningures" ningunha das dúas cuestións.
Ao contrario. No seu artigo 12.3, o borrador establece que, exceptuando as materias de lingua, "o alumnado poderá utilizar nas manifestacións oral e escrita a lingua oficial da súa preferencia". A este respecto, Ganges ten algo que dicirlle á consellería: "Somos un país multicultural. Se vén un rapaz dos países árabes e se lle brinda a posibilidade de respostar na lingua que mellor manexe... que responda en árabe e apaga e vámonos!".
O papel dos pais nestes dous niveis volve ser decisivo, podendo modificar as disposicións fixadas pola Xunta para cada asignatura. Así, un centro pode impartir en galego as Matemáticas cando así o escolla a metade máis unha das familias do alumnado matriculado. Con este marco que vén dado desde a consellería de Educación "mellórase o establecido nas bases do decreto, que deixaban un maior alvedrío para que os pais decidisen que materias se daban en galego e castelán". Quen así opina é o presidente da Confederación das Asociacións de Pais de Alumnos de Colexios Concertados (Congapa), Jorge Villarino, o único colectivo que lle brinda un voto de confianza ao decreto. Villarino entende que "para a maioría, a polémica quedou extinguida coa fin da inmersión lingüística".
Co anteproxecto de decreto, a Congapa ve satisfeito o dereito dos pais a escoller, matizando que "colectivos coma Galicia Bilingüe pedirán máis, e reclamarán a segregación por aulas". Desde a Confapa, os pais de alumnos da Pública, Virgilio Ganges respóndelle con contundencia. "Non existe garantía de escoller a lingua, e o que non se pode facer é hipotecar a educación durante catro anos por unha elección dos pais", espeta, lembrando que a consulta aos pais nestes dous niveis educativos se fará cada catro anos, polo que uns pais escollerán a lingua da xeración dos seus fillos e das tres seguintes.
Carlos Callón retoma a opinión de Ganges e pide "desmontar toda esta propaganda" sobre a liberdade de elección nun decreto que "está pensado para erradicar o galego nas cidades e nas vilas". E é que se un pai escolle que o seu fillo sexa educado en galego, é unha maioría a que "impón" o seu criterio sobre unha minoría. O termo 'imposición', un dos principais argumentos que se empregaron para botar abaixo o decreto do bipartito, volve á palestra por boca de Virgilio Ganges, quen estima que "este texto réstalle dereitos ás minorías".
O voceiro dos pais da Pública recolle unhas declaracións do conselleiro de Educación para usalas contra el. "Non se pode facer unha educación á carta, dixo, e claro que non se pode facer! Pero despois deberon de chamalo a consultas o presidente Feijóo ou o conselleiro da presidencia para dicirlle que non se poden perder votos", ironiza, en referencia ao cambio de última hora polo que a opinión dos pais pasou de ser orientativa a ser vinculante. "Na maior parte dos centros non se dará nunca unha maioría suficiente coma para mudar ese marco fixado pola Xunta" sobre que materia se dá en cada lingua, asegura convencida a voz dos pais da Concertada.
"Ao final, o que di a Xunta é que precisamente as materias con contido discursivo ou verbal se impartirán en galego! Non sei onde está esa discriminación!", pregúntase Villarino, o colectivo que mereceu unha resposta en defensa do galego por parte de nove expertos do Centro Europeo de Investigación Nuclear e da Enciga --a Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia-- por facer unha chamada "ao sentido común: Químicas ou Físicas, con tantas nomenclaturas internacionais, non se poden dar en galego".
Aínda así, Callón tamén explica onde ven a discriminación colectivos coma Queremos Galego. "É inédito en Galicia e no Estado español que se recomenden materias que non deben impartirse na lingua propia do país!". A apelación á tradición por parte da Xunta para explicar a asignación dunha ou outra lingua a cada asignatura "é unha resposta propia doutros tempos. Non existe un criterio pedagóxico nin racional. Debería levar parella a dimisión ou o cesamento do conselleiro".
Agás os pais da Concertada, que por boca de Jorge Villarino insisten en que "a polémica queda pechada con este decreto", nin Queremos Galego nin a Confapa comparten a idea do conselleiro de Educación de que este decreto naza do consenso. "Se exite, non o vemos", di, lacónico, Virgilio Ganges. Máis crítico móstrase Callón, quen presume de que se algunha resposta unánime logrou o borrador da Xunta foi "a do rexeitamento da sociedade, dos sindicatos e dos estudantes. Non coñecemos outro caso onde unha norma se atopase con tanta oposición e o Goberno seguise adiante con ela!".
O consenso, a xuízo do presidente de A Mesa --colectivo integrado na plataforma Queremos Galego--, pasaría pola volta ao respecto do Estatuto, da Constitución española, da Lei de Normalización que aprobou Manuel Fraga e da Carta Europea das Linguas Minorizadas. E isto tradúcese na volta ao derrogado decreto do bipartito: "Chámanlle así porque se aprobou con este Goberno, pero era o decreto do consenso". Aquel texto contou no seu momento co visto e prace do PPdeG, lembra Callón, "pero desmarcáronse á última hora por cálculo electoral, porque viron na lingua unha canteira de votos".
No puedes valorar tus propios comentarios.
Ya has valorado este comentario
Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.
#9 Por ferrete 17-03-2010 01:51
Pois eu creo que unha asignatura de lingua castelá é un erro. Debera de ser de lingua chinesa, a 1ª potencia mundial emerxente e a máis poboada. O castelán con algo de TV, colegeo por internet e a Garda Civil cando te para para multarte xa chega para aprendelo. Eso si en galego tamén a Educación Física, a Relixión e a Música.
#8 Por Alban 17-03-2010 01:42
Carpio, pois por min que dean galego, portugués e inglés. Galego por que é a nosa lingua, portugués porque é de facil acceso e lingua da 2ª potencia emerxente a nivel mundial, Brasil. E inglés porque é a lingua franca internacional. O castelán con unha asignatura de lingua ou literatura basta, par máis con todas as TVs cine etc en castelán os nenos xa aprenden esa lingua por si sós. Hoxe non hai ningún neno que non saiba falar español ou que saia sen un nivel aceptabel de castelán do ensino secundario.
#7 Por Carpio 16-03-2010 20:06
El que haga comparaciones entre la lengua inglesa y la lengua gallega, no tiene hijos o no tiene puñetera idea de la utilidad de un idioma para desembolverse por el mundo.Claro que los gallegos queremos que nuestros hijos hablen nuestra lengua, ¡faltaría mas! pero de eso a que pierdan horas en la escuela, con temas de bajo interés, amigos, hay un trecho.
#6 Por XiaoAncorado 16-03-2010 17:33
El quid de la cuestión y para demostrar la falta de esa normalidad, es que a muchos (hijos y nietos de gallegohablantes a los que se está manipulando con el sambenito de la imposición) no les importaría que a sus hijos en los colegios se les impusiese en esas mismas asignaturas el tener que hablar inglés, a pesar de perder horas de castellano. Esa es la NORMALIDAD en la que está instaurado el gallego: inmersión en la lengua de mis padres, abuelos o mis vecinos no, en una lengua extranjera SÍ. Y eso es porque tres años del anterior decreto no bastan para quitar toda la mierda que se echó encima de una lengua con el fin de hacer realidad el ESPAÑOL en ESPAÑA
#5 Por XiaoAncorado 16-03-2010 17:25
Quien diseñó este decreto lo fabricó desde una falacia: una continuación del anterior. Como el anterior normalizaba ya no hacen falta los equipos de normalización. En asignaturas que se impartirán en galego no hay obligación de usarlo por parte de los alumnos, en teoría sí había hasta ahora, en la practica en mayoría de colegios se hacía lo que pretende este nuevo decreto.
#4 Por AlmudenaR 16-03-2010 16:17
Que eu saiba o anterior decreto contaba co consenso da RAG, CCG, Universidades, Sindicatos, asociacións de pais, sistema educativo, pedagogos, editoriais, mundo cultural e intelectual.. e ata do PP que no último momento e por mandato de calle Génova rachou co consenso. Xa sei que moitos me diredes que a RAG, o CCG , as universidades..son organismos radicais,nacionalistas, bolcheviques, intolerantes e motas burradas máis..pero con que consenso conta o novo decreto do PP?? non será o desa maioría silenciosa misteriosa da que falan os da dereita? ou é de GB? A ver cando teñen valor e fan unha manifestación a favor do decreto do PP, a ver canta xente xuntan e non valen os que veñan de fora de Galicia .
#3 Por imperdonable 16-03-2010 13:25
Si un día alagún gobierno de turno se le da por tirar la Muralla de Lugo para poner una hilera de rosas más bonitas y finas, seguro que siempre habrá quien no diga ni muuu;sólo protestarán los de siempre, los del pensamiento único estarán ausentes, nuestros hijos juzgarán a los que pierden su patrimonio,lo malo que ya será tarde.
#2 Por RafaCuiña 16-03-2010 13:04
o partido do Goberno, do que son militante e votante, debe facer unha reforma nos seus estatutos, e recoñecer que os actuais dirixentes decidiron deixar de ser un partido galeguista, pola súa lexítima concepción da política galega, e recoñecer que tentan facer un “rexionalismo” para non enfrontarse a sectores duros montados aos lombos dos poderes fácticos, a pesares que na súa organización, existan persoas de corazón profundamente galeguista, ao cales os medos á imposibilidade a acceder a determinadas poltronas fagan que calen publicamente o que din sentir por esta teima.
#1 Por Cuiña 16-03-2010 13:00
O decreto do galego non é máis que unha “santa bárbara” chea de foguetes negacionistas, polas presións de sectores absolutamente obsesionados con reducir a presencia do galego na sociedade. Acomplexados pola pouca –segundo eles– practicidade do idioma desta terra, camiñan por un universo paralelo á súa Historia, tentando, como xinetes da apocalipse cultural galega, que se impoña progresivamente o monolingüísmo castelanista, escondido detrás de grandilocuentes verbas, prostituídas por saír dos beizos de quen veñen, como liberdade.












