Banda deseñada
Os casos de Tintimán
14/04/2010 - Marta Veiga. EPL
Collerlle o tintimán a algo vén sendo como dar coa volta que deslea os enredos. Tamén é a frase que máis repetía o defunto pai de Uxío, un reporteiro adolescente con olfacto de detective que, a xeito de homenaxe, escolle o alias de Tintimán. Este é o agromo da serie 'Un misterio para Tintimán' do escritor e xornalista Santiago Jaureguizar, que lanzará Xerais con sendos volumes cuxas tramas se desenvolven en Compostela e na Coruña.
Jaureguizar réndelle tributo á revista Tintimán, a publicación viguesa dos 80 na que descubriu ''a Reixa e a Miguelanxo Prado'' e regresa á novela para mozos baixo a novidade dun personaxe que terá continuidade en novos misterios que sacudirán as cidades galegas. ''Despois de Compostela e A Coruña virán Lugo, Pontevedra, Vigo, Ferrol... con novas aventuras''.
Os dous primeiros títulos, 'Corazón de chocolate' —o compostelán— e 'A coroa de Napoleón' —o coruñés—, presentan sendos misterios nos que Jaureguizar mestura a ficción e a fantasía coa historia. Así, a investigación en Santiago levará o heroe adolescente polo submundo da cidade vella arcebispal na procura da seita de Xelmírez, ''unha escura organización'' que, ao parecer, ''controla Galicia dende a Idade Media''.
A trama herculina non é menos prometedora: ''Celébrase o bicentenario da batalla de Elviña e Francia presta a coroa coa que Napoleón se autoproclamou emperador'', comenta o narrador de Ribadeo. A intriga comeza cando desaparece a coroa ''e Tintimán se infiltra na recreación da batalla para investigar'', engade.
O protagonista
O autor buscou como protagonista un mozo de 16 anos botado para adiante. Quizais por influenza do seu pai, ''un reporteiro de guerra que perdeu a vida en Iraq'', pero tamén por parte de nai, ''unha traumatóloga de éxito que colabora con Médicos Sen Fronteiras e con 50 oenegués máis, pero que non ten moito tempo para o seu fillo''.
Tintimán é un rapaz que, como case todos os do seu tempo, vai ao instituto. Pero é fervello de máis para ir das aulas ás actividades extraescolares, e de aí á casa, e por iso busca traballo como ''meritorio ou 'freelance''' no xornal para o que traballara o seu pai. Tamén chega coa autora dos seus días a un acordo de emancipación e vive só ''facendo ver á súa nai que é moi capaz de apañarse coas cousas prácticas do día a día, pero o certo é que recibe a axuda de Mónica, unha compañeira de clase'', di Jaureguizar.
A tal Mónica é outro personaxe determinante. ''Ela di que é a moza do reporteiro, pero el negarao''. É tamén o resorte do que se vale Jaureguizar para manter a tensión sexual non resolta, ''a trama romántica'', que enriquece as intrigas do adolescente Uxío.
Quizais o principal aliado do detective é o Señor Grozni. Un gato torto que se chama igual que a capital chechena porque ''foi rescatado polo pai de Tintimán de entre as ruínas de Grozni''. O rapaz mantén un contacto ''telepático'' co seu proxenitor a través do felino: ''Cando Tintimán mira o ollo bo do Señor Grozni ocórrenselle cousas que diría o seu pai'', apunta Jaureguizar.
Neste mundo de misterios teñen tamén o seu oco secundarios coma don Anxo, o director do xornal, que exerce o paternalismo con Tintimán talvez porque ''se sinte culpable da morte do pai do rapaz, xa que non lle deu os cartos que pedía para mercar un chaleco''. Outro é Anselmo, o segundo marido da nai do detective e profesor no instituto do rapaz, ''que ademais de asesor histórico axudarao a agochar que lata a clase''. Colles o tintimán?
- As ilustracións, de Matalobos. Matalobos acabou ''de definir o personaxe en papel'', di Jaureguizar, ''encantado'' co traballo ''moi na liña de cómic, de trazo escuro'' do debuxante e da edición en 'flexibook' a cargo de Xerais.
- Pippi Mediaslongas. A heroína da sueca Astrid Lindgren e Indiana Jones están na construción de Tintimán ''máis ca Leo Caldas'', comenta o escritor, que quixo artellar un ''relato áxil, con ritmo e do local ao universal, que poida animar os mozos a ler''.
No puedes valorar tus propios comentarios.
Ya has valorado este comentario
Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.










