Entrevista

Cándido Pazó, narrador: ''O conto é o noso traballo, asi que si, vivimos del''


Etiquetas: entrevista, narración oral

26/06/2010 - B.V

Cándido Pazó (Vigo, 1960) vén de ser escollido para ocupar a presidencia da primeira asociación de narradores orais, que levará por nome Variosventos. Aos seus cincuenta anos, o 'choio' acumúlaselle e, ''como un ten que estar a varias historias para poder tirar para adiante economicamente'', viuse na obriga de renunciar a un dos seus proxectos, o que preparaba con motivo do 125 aniversario da morte de Rosalía.

Tomada a decisión, o vigués centrará os seus esforzos en traer ao presente a Balbino, o neno labrego de Neira Vilas, coincidindo con outra efeméride: a dos 50 anos da súa publicación, combinado co traballo no colectivo recén nado e coa representación de 'Historias tricolores', a obra sobre República e memoria histórica. Pese a non ficar quieto, non ten problema en recoñecer que el si que vive do conto.

Pregunta: Estou a falar co presidente da primeira asociación de narradores orais... por que tardaron tanto en agruparse?

Resposta: Pois si que era algo do que se viña falando desde hai moito tempo, pero dalgunha maneira somos individualistas e cadaquén ía tirando polo seu lado. Finalmente fixémolo, porque sempre hai intereses comúns, cousas polas que traballar e que reivindicar, e para iso hai que ser interlocutores válidos. Sendo unha asociación as voces sempre son máis potentes. E si, seguramente había que facelo antes pero... non se fixo.

P: E logo os contistas non viven do conto?

R: Siii! (ri) Si que vivimos do conto. Houbo alguén que dixo o outro día que non, porque quería dicir que non viviamos de andar por aí a troulear, sen traballar. Pero como o noso traballar é co conto pódense dicir as dúas cousas: non vivimos do conto tal e como se entende a expresión, pero si que o facemos porque a nosa vida baséase en contar cousas.

P: Por que Variosventos?

R: Porque hai varias formas de contar, de usar a palabra escénica. Entre o que hoxe se coñece como stand-up comedy [monólogos cómicos] e o que é contar contos tradicionais podes atopar moitísimos estilos. Para incorporalos a todos houbo quen propuxo ese nome, Variosventos, e na primeira asemblea, na que se constituíu a asociación, foi aceptado.

P: Nos últimos dez anos, unha vintena de contadores de renome puxeron en escena multitude de espectáculos, tanto en Galicia coma en países coma Colombia, Alemaña ou Alxeria. Teñen máis aceptación aquí ou fóra?

R: Aquí, aquí. En principio, aquí, porque contamos historias de aquí, coñecemos a forma de falar dos espectadores, falamos coma eles... este é o noso territorio, xogamos na casa. Pero tamén é verdade que cando saímos fóra o feito de sermos galegos axuda moito, porque hai un halo de prestixio cara a forma de contar, tanto por escrito, con xente coma Cunqueiro, Fole, Castelao ou Manuel Rivas, como oralmente con Quico Cadaval, Carlos Blanco ou... coma min, que andamos polo mundo adiante e que somos moi ben recibidos.

P: A narración oral é un espectáculo barato. Nótase a crise?

R: A crise o que vai facer, que xa está a facelo, é que se agudice o enxeño e que se aperten os cintos e que se fagan espectáculos que se poidan colocar no mercado a cachés máis asequibles. A necesidade obriga! Mais aos narradores orais aféctanos menos. Non sei de ninguén que recortase pola crise. Quizais pensaba subir os prezos e non o fixo, ou que publicitan determinadas ofertas, pero o que nos preocupa é que caia o número de funcións. Aínda así, nos bares, eu creo que este ano houbo máis ca o pasado. Non máis ca no 2004 ou 2005 que foron anos excelentes, pero si máis ca no 2008 ou 2009.

Tamén é certo que cando vas actuar fóra e tes que cobrar uns cachés máis altos, estes baixaron. Eu vou dentro duns días a Segovia, e onde me ofrecían unha cantidade que me era moi rendible agora ofrécenme outra que xa non o é tanto. Para representacións lonxe, que requiren moito gasto en viaxe, a crise si que está a notarse.

P: Que prefire? Actuar nun gran teatro ou ante o público dun bar ou dunha pequena aldea 'lonxe' da cultura?

R: É un público distinto e cada un require dunha maneira de estar. Agora ben, se me dás a escoller...

P: Doulle a escoller...

R: (ri) Pois sempre que actúo nun teatro fágoo coa garantía de que o público está atento, que sabe ao que veu, que está a tratar de comunicarse contigo e de que ti te comuniques con el. É un público predisposto, polo que sempre vas estar máis cómodo.

Pero hai bares que están ben equipados e que organizan moi ben os espectáculos, ademais de contar cun público que está realmente avisado do que hai. Unha serie de condicións que fan que poidan facerse funcións nos bares moi bonitas. Aquí, en Santiago, está o Atlántico, onde facer unha 'contada' é un agasallo, unha delicia, creo que para o espectador e, seguro, seguro, para o artista.

Lingua, patria e infancia en Vigo
P: Unha frase que repite moito é aquela de que 'A infancia é a patria verdadeira'. Sendo de Vigo e lingüísticamente falando, eu pregúntolle: como se fai patria con nenos dunha cidade maioritariamente castelanfalante?

R: Si que creo nesa frase, si. Cando eu era pequeno vivía nunha parroquia, San Paio de Navia, que si era galegofalante. Igual os meniños máis pequenos non, pero si os seus pais e os irmáns maiores. E nas aldeas veciñas, en Coruxo e Comesaña, alí si eran absolutamente galegofalantes. Agora non é así porque o avance do castelán nas cidades foi brutal, a pesar de todo o que se fixo.

Hai quen di que estamos nunha situación na que hai un equilibrio e hai que potenciar o bilingüismo... si! Se ese bilingüismo fose real! Por qué non? Pero non o é. Mais a infancia da que eu me nutro é a miña, que basicamente era galegofalante.

P: É narrador en galego. Vese nun futuro mudando de lingua para facerse entender?

R: Eu narro en galego aquí, pero cando vou fóra 'hablo castellano'. Algunha vez contei en portugués, que o falo con soltura porque levo anos dando clase aló, na escola de treatro do Porto, e tamén contei algunha vez en francés. En francés é realmente traballoso, teño soltura coloquial, pero de aí a poder contar... realmente o que fago é aprender as historias de memoria e soltalas. O que non podes é improvisar moito nin interactuar co público.

No tocante ao 'castellano', non teño problema en contar nesa lingua. Fágoo cando vou por Latinoamérica, e normalmente tamén por Europa adiante porque os festivais son de cultura ibérica e de teatro en español. 

Obras e memoria (s)
P: Agora anda a representar 'Historias tricolores', unha combinación de República e memoria histórica. Pensa que pode abrir feridas?

R: Abres feridas se traballas nela. Eu traballo na memoria, que engloba ledicias, historias, vivencias... alá cadaquén que quede co que queira, e que interiorice que coa memoria só poden abrirse feridas. Ademais, penso que as feridas, para curar, teñen que ser aireadas, posta ao sol. Así curan! Do outro xeito tápanse!

De todos os xeitos, en 'Historias tricolores' hai tamén relatos divertidos. E incluso o final non deixa de ser un conto infantil para maiores no que fago metaforicamente unha proposta de que o león, o rei da selva, morre e os animais instauran a república. Polo tanto, hai de todo.

P: Está a traballar en dous proxectos novos que cadran con dúas efemérides: os 50 anos da publicación de 'Memorias dun neno labrego' e os 125 anos que van desde a morte de Rosalía. Pode adiantar algo?

R: Pois en primicia adiántoche que o dos 125 anos da morte de Rosalía non o vou poder facer porque o tempo non me dá para os dous proxectos, e tiven que escoller. É algo que digo con dor de corazón... pero bon! Estas cousas suceden! E como un ten que estar en varias historias ao mesmo tempo para poder tirar para adiante economicamente, hai unha semana tomei a decisión de que tiña que renderme nesa fronte e concentrarme na outra.

O outro, tal e como eu o titulo, 'Memorias das memorias dun neno labrego', consiste en facer un espectáculo narrativo oral sobre o libro de Neira Vilas partindo tanto das historias que veñen nel coma das sensacións que moitísimos lectores tiveron, e como a súa lectura activou a memoria propia, da súa infancia, das súas aldeas. Nisto ando! Confeso que un pouquiño asustado coma sempre que me enfronto a un proxecto novo, que non deixa de ser unha aventura.

As orixes de Cándido Pazó
P: E se lle digo 'El mirlo blanco', que lle vén á cabeza?

R: (emociónase e fala máis alto) Pois vénme á cabeza estar eu en París, con vinte e pico de anos, mirar a presentación dunha peza que presentaba unha compañía de actores con todo tipo de problemas de mobilidade, de comunicación... como se di en termos politicamente correctos?

P: Diversidade funcional?

R: Efectivamente! (ri) Con disfuncionalidades varias... e facían teatro! De feito, a compañía chamábase 'Teatro a pesar de todo'. Representaban un espectáculo sobre un merlo que, en vez de nacer negro, que é o normal, naceu branco. E eu pensei que podía facer unha obra sobre o mesmo tema, pero para nenos. E voltei á casa despois de facer o curso ao que asistira, e púxenme a escribir. Tivo moito éxito. O que me vén á memoria é satisfacción, agradecemento e ganas de facer algún día algo parecido.

P: Que houbo antes? Voltou ás Mostras de Teatro de Ribadavia? [El comezou como actor traballando para este festival da vila ourensá]

R: Claaaro! Porque nunca deixaron de ser un referente para o teatro galego. Fun varias veces como espectador e outras moitas levando o espectáculo. Toda a xente do teatro galego ten que peregrinar de vez en cando a Ribadavia, coma se ese fose o noso Camiño de Santiago.

5'0 (2 votos)

Para valorar comentarios debes estar registrado.


Acceder Crear usuario

No puedes valorar tus propios comentarios.



Ya has valorado este comentario



¿Comentas?

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.


Acceder Crear usuario

Puedes comentar sin tener que crear un usuario, pero es recomendable si quieres acceder a todas las funcionalidades de los comentarios (votaciones, karma, foto personalizada)





captcha

Cambiar por outro


Un poco de HTML está bien
Puedes usar algunas etiquetas HTML <a></a>, <b></b>, <s></s>, <u></u>, <i></i>

Fotos

(Imaxe de arquivo)
(Imaxe de arquivo)