Literatura

O Día das Letras do 2011 irá dedicado ao poeta monfortino Lois Pereiro


Etiquetas: Letras Galegas, poesía, Lois Pereiro, RAG

26/06/2010 - Galiciaé


A inmersión no silencio é o que distingue

ós que aman con espirito suicida
dos que somentes son
un soño breve.

(Extraído de Poesía última de amor e enfermidade)


"Por suposto que Lois Pereiro merece o Día das Letras, pero eu non son partidario desas homenaxes institucionais póstumas; o que importa é recuperalo e que se lea a súa poesía", dixo Xulio López Valcárcel hai dous anos, cando a Real Academia Galega decidira dedicarlle a xornada a María Mariño. Este sábado, a institución escolleu o candidato para traer ao presente nas Letras do 2011, e será o poeta monfortino. Haberá logo homenaxe institucional póstuma, mais tamén os seus versos, unha coraza de aceiro detrás da que se agocha a febleza humana, serán lidos; e a súa historia, a historia dun 'poeta maldito', será por fin contada para aqueles que aínda non a oíron nunca.

Vítima da colza desde o ano 1981, a enfermidade acompañouno o resto dos seus días e converteuno nunha das figuras máis tráxicas da historia da literatura galega. A súa loita contra a morte, marcou unha vida sementada de ironías até o final, pois finou o 24 de maio de 1996, o mesmo día no que se fixo pública a sentenza sobre o caso da colza.

Catorce anos despois e na mesma cidade na que morreu, o plenario da RAG mantivo este sábado unha reunión extraordinaria para escoller ao homenaxeado nas Letras do vindeiro ano. E decantouse por Pereiro (Monforte, 1958), un poeta de culto do que resaltan que "cartografou coma ningúen o labirinto do mundo contemporáneo conciliando para tal fin o individualismo escéptico coa tradición demoledora do expresionismo centroeuropeo".

Reticente á difusión individual do seu traballo, Pereiro só publicou dúas obras en vida: Poemas 1981/1991 (1992), na que segundo consta na contracapa se recollen "todos os poemas que escribiu ó longo da súa vida como poeta"; e Poesía última de amor e enfermidade (1995), "duros e espidos poemarios nos que se fan patentes as pegadas expresionistas, as referencias á literatura xermánica e certos trazos da contracultura".

"A súa proposta callou na sensibilidade emerxente, mergullada no posmodernismo, e desexosa de atoparse nun discurso reflexivo, acuciante e non retardario", sinala a Real Academia Galega, que percorre a súa participación na fundación da revista Loia en Madrid --xunto con Antón Patiño, Xosé Manuel Pereiro e Manuel Rivas-- e o seu regreso a Galicia, onde compaxinou o exercicio da tradución co labor poético.

Pereiro colaborou en consellos de redacción e artigos, poemas e relatos espallados por La Naval, Trilateral, Das Capital ou Luzes de Galiza, onde viron a luz –-ademais do ensaio Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia-- os oitos primeiros capítulos da súa novela inconclusa Naúfragos do paradiso. Ademais, fixo as veces de letrista con Radio Océano e redactou guións televisivos.

5'0 (9 votos)

valorar_registrado


Acceder Crear usuario

valorar_propios



valorar_valorado



1 comentario

comentarios_interesa guía de comentarios.


#1 Por violeta 26-06-2010 17:53

Interesante

Faise xustiza poética.A outra,a humana, xa é maís difícil.


Acceder Crear usuario

co_explica





captcha

Cambiar por outro


co_pouco_html
co_etiquetas_html


Fotos

(Foto de arquivo)
(Foto de arquivo)