Literatura

Através Editora publica a primeira edición en portugués do 'Sempre en Galiza' de Castelao


Etiquetas: reportaje, literatura, Castelao

28/08/2010 - A.L.

Através Editora vén de tirar do prelo a primeira versión en lingua portuguesa do clásico Sempre en Galiza de Castelao, unha iniciativa que vai alén dunha sinxela adaptación lingüística para aprofundar na relación entre a lingua galega e a portuguesa.

Así, o responsable da revisión lingüística, o profesor Fernando Vasquez Corredoira, define a súa labor nesta publicación como unha ''adaptación'', pois considera unha ''contradición'' falar dunha tradución do galego ao portugués pois ambos ''forman parte dunha mesma lingua''.
 
A nova versión da obra que Castelao publicou no ano 44 alén do mar encádrase agora dentro da colección 'De Nós' de Através Editora, marca que continua co traballo divulgativo desenvolvido anteriormente pola Associaçom Galega da Língua (Agal), organización que leva anos loitando pola ''padronización'' da lingua galega co resto da lusofonía, tal como indica Miguel Penas.
 
Segundo expón Penas, a colección 'De Nós' procura publicar libros clásicos ''que axuden a enteder Galicia''. Para esta nova andaina, decidiuse iniciar co Sempre en Galiza, o libro que recolle o pensamento político dun dos galeguistas máis destacados da historia do país e que deixou unha profunda pegada nas xeracións posteriores á súa publicación.

Glosario

''Estou longe da minha terra, em Badajoz'', comezan as verbas do galego de Rianxo, por primeira vez escritas nas grafía que detenta a oficialidade alén do río Miño. Para Miguel Penas esta nova versión de Sempre en Galiza está escrito no que ''para nós é o galego moderno, achegado ao portugués''.
 
Así, este tomo fai un esforzo por integrar verbas do léxico autóctono de Galicia e que estas poidan ser recoñecidas dende a lingua do alén-Miño. como propias.  Ao final do libro, un glosario recolle máis de 200 palabras coa finalidade de que se tornen completamente válidas para un luso. Entre elas atópanse termos como 'agarimar', 'baldeirar', 'cativo', 'desleigado', 'labrego' ou 'varudo'.  Todas elas palabras ''que non foron admitidas na literatura portuguesa'', indica Corredoira, pero que ao ser galegas ''tamén son portuguesas''.
 
Vasquez Corredoira explica que nesta adaptación ''queríase deixar unha porción de galego'' e explica que á hora de decidir cales eran as palabras que se ían empregar no texto escollíanse aquelas que contasen cunha longa tradición na literatura e na fala. Así, decidiuse tamén alonxarse de ''palabras que se inventaron nos anos 50, das que case podes identificar quen as creou'', indica Corredoira,  para quen este tipo de termos naceron ''como afastamento do portugués''.

Notas e textos

Entre as novidades que fan do libro de Através unha edición de referencia cóntase tamén o amplo traballo realizado polo profesor Ernesto Vasquez Souza, complementando o texto de Castelao con abondosas notas de rodapé que sinalan o alto contido histórico do Sempre en Galiza. A través delas, o lector poderá comprender o contexto das palabras do galeguista, pois se narran dende feitos acontecidos no medievo ate as desputas que tiñan lugar nas organizacións políticas galegas na II ª República.

Por outra parte, esta edición ven acompañada dun caderno que leva por título Sempre Castelao. Sete achegas a Castelao e ao Sempre em Galiza no que se recollen textos de persoeiros como Camilo Nogueira, Francisco Rodríguez, Xosé Manuel Beiras ou Margarita Ledo, xente que para Agal ''son boa mostra da herdanza política que Castelao deixou ao pobo galego''. Nas páxinas deste libriño, os diversos autores analizan a obra e pensamento deste multifacético e activo galeguista.

A literatura galega en Portugal

Se paramos a nosa ollada nas traducións que se realizaron dende Portugal de autores galegos vemos que estas redúcense ás obras das plumas máis recoñecidas da literatura galega, como pode ser Xosé Luís Méndez Ferrín ou Suso de Toro.

O editor Miguel Penas recoñece que a literatura galega ''non é moi coñecida en Portugal'' e critica que o seu modelos de lingua ''non é converxente co portugués''. Porén, Pernas salienta unha noticia recente, que é a edición por parte do rotativo luso Diário de Notícias de Inxalá, unha obra do galego Carlos Quiroga.

O membro de Através Editora indica que un dos obxectivos desta nova marca é conseguir presencia no mercado portugués e que xa se están a estudar as posibilidades de distribución no Estado luso. Penas indica que dende Agal se teñen distribuido libros de galegos como o anteriormente citado Carlos Quiroga ou Raquel Miragaia.

O compromiso que ten Através por ter ''o xerme dunha editora para o futuro'' pode apreciarse na cantidade de títulos que sacaron a rúa nas últimas semanas, entre as que se atopan obras de Sechu Sende y Ugia Pedreira.

4'6 (9 votos)

Para valorar comentarios debes estar registrado.


Acceder Crear usuario

No puedes valorar tus propios comentarios.



Ya has valorado este comentario



3 comentarios

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.


#3 Por breoghain 30-08-2010 13:09

Normal

Parabens e abraços. Os galegos poderemos ler a obra mestra do galeguismo e nacionalismo em galego moderno coo também em Portugal onde floresceu a nossa língua.


#2 Por RosaM 29-08-2010 00:15

Normal

Eu xa merquei o "Sempre em Galiza" no Festigal, e realmente paga a pena. Iso si, antes de 'atacarlle' ao libro, recomendo ler primeiro a separata que se acompaña co libro, de título "Sempre Castelao", todo un luxo polas plumas que aí participan.


#1 Por OPedro 28-08-2010 19:01

Normal

Parabéns a Asociaçom Galega da Língua polo muitisimo trabalho que estades a fazer em diversos ambitos. Já visitei a loja on-line http://imperdivel.net/ e vou ficar com o Sempre em Galiza e algumha cousinha mais.


Acceder Crear usuario

Puedes comentar sin tener que crear un usuario, pero es recomendable si quieres acceder a todas las funcionalidades de los comentarios (votaciones, karma, foto personalizada)





captcha

Cambiar por outro


Un poco de HTML está bien
Puedes usar algunas etiquetas HTML <a></a>, <b></b>, <s></s>, <u></u>, <i></i>

Fotos