Entrevista co escritor belga
Jean-Philippe Toussaint: "Toda a literatura é unha fuxida"
07/02/2008 - Anxa Correa (Santiago)
Convidado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, Jean-Philippe Toussaint (Bruxelas, 1957) está a pasar uns días en Galicia para coñecer un pouco máis de preto esa cultura que comezou a interesarlle a raíz da tradución da súa obra ao galego, Fuxir, publicada por Galaxia. Ao mesmo tempo, permite aos autores autóctonos achegarse e afondar un pouco máis na obra deste creador, metade escritor e metade cineasta, un dos máis importantes na lingua gala.
A súa traxectoria márcana os libros La Salle de bain (1985), Monsieur (1986), L´Appareil-photo (1989), La Réticence (1991), La Télévision (1999), Autoportrait (à l´étranger) (2000), e Faire l'amour (2002), onde a súa narración se torna máis visual. En 1999 realizou a película La patinoire.
PREGUNTA: ¿Coñecía vostede algo da literatura galega antes de chegar aquí?
RESPOSTA: Declaro a miña ignorancia sobre Galicia, non só sobre a literatura galega, senón tamén do que é Galicia. Foi a partir da tradución ao galego o ano pasado cando busquei Galicia no mapa para saber situala, e a partir de aí intereseime por saber algo sobre o país. Esta é unha primeira viaxe de coñecemento, pero haberá máis visitas.
Malia todo, non é a primeira vez que me acontece. Cando os meus libros comezan a traducirse ao xaponés, comecei a coñecer máis e máis a cultura xaponesa. A tradución a outras linguas é unha oportunidade para expandir os meus coñecementos sobre outros lugares do mundo.
O meu primeiro libro, La Salle de bain traduciuse a 20 linguas, e iso deume un pulo moi grande. Pasoume o mesmo co búlgaro, co coreano, co taiwanés... Moitas veces, o primeiro paso cara o coñecemento dunha literatura ou dun país pasa pola tradución a esa lingua.
[O escritor Xabier Queipo, que exerce como tradutor nesta ocasión, comenta que o autor chegou onte a Santiago cun libro en francés, de autores galegos na maioría dos casos, con textos sobre Santiago].
P: ¿Non lle sorprendeu que a súa obra se traducise a unha lingua minorizada como o galego?
R: Non creo na existencia de linguas minoritarias. Sorprendeume a chamada dende un sitio que tiven que buscar nun mapa, pero é menos sorprendente ver a tradución ao galego que a outras linguas nas que non coñezo o alfabeto, como o xaponés, o chinés, o coreano ou o árabe. Aquí podo interpretar algunhas palabras como lingua románica que é, coñezo os símbolos.
P: ¿De que quere fuxir vostede?
R: O certo é que tardei en atopar o título deste libro, pero unha vez rematado, decateime de que Fuxir lle acaía moi ben porque había unha escena moi trepidante da fuxida ao inicio do libro, e porque de cara ao final, hai unha fuxida cando alguén morre. É un título que non só lle vai ben ao libro, senón a todos os meus libros, porque no primeiro libro, La Salle de Bain, había alguén que fuxía cara dentro. Penso que toda a literatura é unha fuxida, un xeito de evadirse da realidade. Polo tanto, vaille ben ao libro, a toda a miña obra e a toda a literatura.
Cine e literatura
P: ¿Vai haber versión cinematográfica deste libro?
R: Está en proceso. A próxima semana parto cara China para filmar eu mesmo unha das escenas centrais da novela, pero sería unha película experimental na que recreo as imaxes que suxire unha das escenas. Non será unha película para ser proxectada nas salas, senón que será unha manifestación de arte contemporánea, de investigación das formas cinematográficas e que vai ser para expoñer nos museos. Será unha parte feita por min mesmo evocando a fuxida central do libro, pero non unha película ao uso, senón unha investigación con materiais cinematográficos para ser exposta en museos de arte contemporánea.
P: ¿De que xeito converxen a linguaxe cinematográfica e a literaria na súa obra?
R: A converxencia entre as dúas artes é a parte visual, pero son linguaxes distintas e están tratadas de maneira distinta. O libro é unha recreación de imaxes traballadas a partir de palabras, é unha evocación das imaxes, mentres que o filme se basea só nas imaxes, creadas coa cámara. Son dous xeitos de conectar a creación coas imaxes, pero con dúas linguaxes diferentes.
P: A súa obra relaciónase co cine de David Lynch e de Wong Kar Waï, ¿que lle atrae destes dous universos?
R: Síntome louvado pola comparación, porque considero que Lynch é un dos cineastas actuais máis interesantes, se non o mellor cineasta vivo, e traballa moito a estrutura do soño, que tamén me interesa.
Por outra banda, considero que a modernidade, a vida do século XXI, máis trepidante, máis expansiva, hoxendía atópase en Asia. Moitos cineastas asiáticos, como Wong Kar Waï, collen os temas actuais e explótanos utilizando unha estética moi actual. Nese sentido, interésame moito esa orientación, e como artista contemporáneo, penso que é en Asia onde está a contemporaneidade e é unha das razóns polas que as miñas dúas últimas novelas están centradas en Asia, unha en Xapón, Faire l'amour, e outra principalmente en China, Fuxir.
Non podes valorar os teus propios comentarios.
Só podes valorar o comentario unha vez.
Interésanos a túa opinión, pero 'con sentidiño'. Nada de insultos nin descalificacións.
Borraranse todos os comentarios que, con criterio subxetivo como en toda web, se consideren inadecuados.
E lembra, non lles deas de comer aos trolls...
Para calquera dúbida, consulta a guía de comentarios.





