O 2008 vén cargado de novos libros en galego, froito do traballo editorial de anos anteriores. Traducións, autores galegos polo de agora descoñecidos e reedicións dalgúns clásicos contemporáneos describen o panorama editorial galego para o novo ano.
Entre os títulos máis agardados, atópanse After dark, de Haruki Murakami; Istambul, de Orhan Pamuk e A chuvia do mundo, de Xosé Manuel Pacho Blanco, Premio Torrente Ballester, todos eles publicados por Galaxia. Xosé Carlos Caneiro e A vida nova de Madame Bovary; Da beleza, de Zadie Smith; Pan e coitelo, de Bieito Iglesias e Neira Vilas na Arxentina comporán a próxima oferta de Galaxia.
Neste mesmo ano, publicaranse tamén os novos poemarios de Bernardino Graña, Acendendo as almearas, e de Chus Pato, Hordas de escritura, en Xerais. Coa mesma editora e tralo éxito de O club da calceta, María Reimóndez sacará ás tendas Lía e as zapatillas de deportes, para os máis pequenos. E Xosé Miranda continuará co segundo volume de Amancio Amigo, desta vez acompañado do demo da botella. O seu lanzamento irá da man dunha campaña de animación á lectura co Mago Cali.
Dende Xerais, apuntan tamén o novo libro de Manuel Rivas, “seguramente un poemario”, e teñen moita esperanza posta nos Premios Xerais deste ano, que aumentan a súa dotación na súa 25 edición ata os 25.000 euros, para o premio de novela, e a 10.000 euros no caso do Merlín e do Fundación Caixa Galicia.
Reedicións e novas apostas
Memoria contra o alzheimer, de Rafael Laso; Vestio, de Xosé Miranda; Matádeo mañá, de Elixio Rodríguez, unha crónica dun galeguista emigrado en México; os relatos ambientados en Vigo do escocés James Salter titulados A idade da auga; a novela histórica da escritora coruñesa Chelo Suárez, A venus de cristal; O profesor de vegliota, de Manuel Veiga; Incertos, de Antón Dobao, e Atracción total, de Carmen Blanco, son algunhas da novidades literarias de Xerais, que sairán do prelo combinadas cunhas 40 reedicións, de libros cunha boa acollida no mercado en 2007, como Os libros arden mal, de Manuel Rivas ou Pepa a loba, de Carlos Reigosa.
A maiores, e entre os libros de divulgación, destacan as guías Sendeiro rural de Galicia e outra “ambiciosa” sobre Galicia a cargo de Xosé Miranda. Tamén sairán o primeiro volume d'O segundo sexo, de Simone de Beauvoir, o Dicionario do Pensamento Galego, en colaboración co Consello da Cultura Galega, e O valor do envoltorio, sobre as marcas.
Vida doutras linguas
Especializada en traducións ao galego, Rinoceronte Editora afronta o seu terceiro ano coa publicación de O xiro postal, de Ousmane Sembene, escritor e primeiro cineasta senegalés, e Denhonra, do Premio Nobel sudafricano Coetzee, levado á pantalla con John Malkovich.
No seu traballo por coñecer o mundo a través do libro en galego, Rinoceronte sacará tamén este ano A casa de Mango Street, da chicana Sandra Cisneros, que aborda a situación da muller latina en Estados Unidos, e O curioso incidente do can a medianoite, de Mark Haddon, para comprender a lóxica dun rapaz autista. Rinoceronte verquerá ao galego clásicos de literaturas “periféricas”, como Beowulf, as sagas islandesas de Erik O Roxo, e cantos épicos fineses.
O irmán pequeno do Rinoceronte é o Urco, unha editorial nacida o ano pasado e que se dedica á literatura de ciencia ficción, terror e fantasía. En breve sairá Sleepy Hollow, de Washington Irving, acompañado dun minilibro de relatos de Conan de Robert E. Howard, do que sacarán Relatos de terror sobrenatural.
De seguido, cambiarán a liña gótica pola de ciencia ficción con Nas montañas da loucura, de H.P. Lovecraft, seguido de Os primeiros homes na lúa de HG Wells e Retrospectio 2000-1887, de Edward Bellamy. E de fantasía, A princesa e o trasgo, de George MacDonald. Avanzan tamén a tradución do Retrato de Dorian Gray e do Verme do ollo branco de Bram Stoker.
Pola súa banda, Faktoría K levará ás librerías O compás dourado, de Phillip Pullman, levado ao cine con Nicole Kidman. Na súa nova colección para adultos de literatura universal contemporánea en galego, verán a luz Lolita, o clásico de Nabokov, e Obabakoak, de Atxaga.
10 anos de Kalandraka
Dende Kalandraka, preparan ademais o que serán os fastos do seu décimo aniversario coa reedición dalgúns clásicos cos que comezou o catálogo da editora pontevedresa. “A idea é renovalos acorde cos tempos, porque ao longo desta década avanzouse moito esteticamente e a editora medrou”, explican dende Kalandraka. E con eles, medran os seus primeiros lectores, para os que a recuperación destes contos, hoxe difíciles de atopar, servirá de homenaxe.
Un dos primeiros rescatados será A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza, que resucitará os seus personaxes con desplegables, especialmente orientados aos primeiros lectores. Ademais, co gallo deste aniversario e do Día Escolar pola Paz, sae do prelo un álbum que aúna a paz e a arte, centrado na figura de Picasso, titulado Guernica.
Da man de Paco López Barxas e Kiko Da Silva, Kalandraka amosará “detalles desapercibidos” de Santiago de Compostela nun álbum ilustrado que percorren a historia da cidade dende os tellados grazas ás gárgolas. Haberá outras sorpresas, como a edición do gañador do I Premio Internacional Compostela para Álbumes Ilustrados, que está tendo interese dende distintos países.
Outra editora dedicada ao álbum ilustrado, OQO, terá ben que facer ao longo deste ano. Entre os avances para este 2008, atópanse Ollobrusco, de Darabuc, no que un rato, movido pola curiosidade e o desexo de ser feliz, sae percorrer mundo, onde se atopa co cíclope Ollobrusco do que se terá que salvar coa súa astucia. A incríbel historia da nenapaxaro e o galopín de Anna Castagnoli e Susanne Janssen, A tartaruga que quería durmir, de Roberto Aliaga, e Un gato na árbore, de Pablo Albo e Geraldine Alibeu, son outros dos títulos que sairán por OQO.
Para os máis pequenos, Faktoría K ten previsto sacar un par de álbums ilustrados, comezar unha colección de ciencias e continuar engrosando a colección de banda deseñada. Como novidade, a editora encetará esta primavera unha colección de poesía galega ilustrada, tanto para nenos como para adultos, para corroborar que “poesía e arte forman unha conxugación ideal”.
Ano Álvarez Blázquez
Se no 2007 a protagonista foi María Mariño, a homenaxe a Xosé María Álvarez Blázquez polo Día das Letras Galegas virá acompañada de novas publicacións, biografías e escolmas do cronista vigués.
Xerais publica a Poesía Completa de Álvarez Blázquez e o poemario Roseira do teu mencer, dedicado á filla do escritor, para que os máis pequenos coñezan a poesía do autor do Día das Letras deste ano. Dende Xerais, preparan tamén un libro sobre a vida e obra de Álvarez Blázquez a cargo de Darío Xohán Cabana, unha fotobiografía e A cidade e os días. Calendario histórico de Vigo, unha obra monumental sobre a historia da cidade olívica.
A estes títulos sumaranse os que publicará Galaxia co gallo do Día das Letras 2008: Canle segredo, A pega rabilonga e os ruíns. Relatos completos, e a edición facsímile da Antoloxía da poesía medieval e da Antoloxía da poesía dos séculos escuros, de Álvarez Blázquez. Carlos L. Bernárdez contribuirá coa súa achega á Vida e obra de Xosé María Álvarez Blázquez, e Álvarez Cáccamo volverá sobre a obra do seu proxenitor en Tempo do pai.
11/02/2008