A Consellería de Cultura presentou o anteproxecto da Lei de Creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Esta entidade vén a substituír o Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (Igaem), creado en 1989.
Funcións
A Agadic dependerá directamente da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural e ampliará as funcións que tiña o Igaem. Encargarase da concesión de axudas e liñas de crédito aos creadores e empresas culturais, e da consecución de novas fontes de financiamento que "faciliten o desenvolvemento de novos proxectos culturais".
Entre as súas funcións tamén se atopa o fomento da produción cultural que sirva para desenvolver a identidade cultural galega e a consolidación do mercado interior cun sistema "forte" de distribución. Segundo o director xeral de Creación e Difusión Cultura, Luís Bará, a promoción exterior da cultura galega será outro "dos seus grandes campos de desenvolvemento" a través da elaboración de marcas e campañas publicitarias.
Outras tarefas da Agadic serán a formación de profesionais, o desenvolvemento de infraestruturas e equipamentos, a elaboración de estudos e planos estratéxicos sobre o sector cultural, e o fomento do asociacionismo e cooperación entre empresas.
Reforma do sector
En canto aos centros de produción dependentes ao Igaem, tales como o Centro Dramático Galego e o Centro Coreográfico Galego, quedan adscritos provisionalmente á Axencia "mentres non se cree un ente específico para a xestión e coordinación" destes centros, segundo recolle o anteproxecto de lei.
Ánxela Bugallo desbotou que o futuro destes centros entre en risco e asegurou a súa consolidación, a través dun organismo propio de xestión aínda por crear, e a permanencia do persoal que actualmente traballa no Igaem.
15/05/2007