Día das Letras

Unha discográfica de Sarria publica a vida de Lois Pereiro en fotos e sons


Etiquetas: poesía, Día das Letras, música

03/02/2011 - Jaureguizar. EPL

A discográfica sarriá Ouvirmos publicou unha biografía fotográfica e sonora de Lois Pereiro, o poeta ao que se lle dedican este ano as Letras Galegas.

A publicación foi presentada onte nunha festa celebrada no bar Borrazás, un dos locais da Coruña nos que se encontraba cos seus amigos nos anos 80. Tanto o libro, que compaxina 200 fotos do álbum familiar e privado con dous cd's con diversas gravacións, como a celebración buscan «amosar o seu lado máis persoal neste ano no que se vai falar tanto da súa obra», en palabras do seu irmán Xosé Manuel.

A publicación vai acompañada dun prólogo de Manuel Rivas e textos de Lino Braxe e Xurxo Souto analizando unha entrevista do poeta con Ana Romaní e lecturas de poemas seus. Xosé Manuel Pereiro vén remarcando en todas as intervencións nas que fala sobre o seu irmán que "unha cousa é a súa obra  e outra a persoa", para rexeitar esa imaxe pesimista que trascendeu de Lois. Asegura que "en persoa era irónico e divertido; como era un grande observador, sempre facía algún comentario sobre a xente que ía pola rúa".

Meticuloso
Outro preconcepto que trata de borrar Xosé Manuel é o seu desleixo, "porque era meticuloso, tiña fotocopiado todo o que publicara e o que se publicara sobre el". Esa teima agromara xa en Monforte, no instituto que agora se chama Río Cabe. "Con 15 anos escribía poemas para ligar coas rapazas regalándollos, pero pedíalles que llos devolvesen para melloralos", comenta o irmán. "Sempre estaba retocando os manuscritos, hai ata dez versións dalgúns poemas", indica o irmán. Daquela recitaba de memoria a Baudelaire, nunha afección favorecida pola nai "que, cando íamos ao médico a Lugo, sempre nos levaba ao Verruga e nos compraba un libro en Souto, Balmes ou Alonso".

Xosé Manuel Pereiro reafírmase na necesidade de completar a imaxe pública do Lois engadindo que, lonxe de ser indiferente á actividade política, "era anarquista e independentista. Nunca tivo militancia, pero votaba e sempre contestaba ás enquisas sobre a súa ideoloxía. Se o 1 era ser esquerdista e o 5 ser de dereitas, contestaba 1 ou 2 segundo o cabreado que estivese".

Xunto ao póster de 'Eraserhead', de David Lynch, que colgara no seu cuarto, xunto ao seu interese por 'La noche del cazador', situaba "as películas de James Bond e os cómics de Tintín". Como anécdota, sinala que "para a Galega traduciu 'Kung Fu', 'Dallas' e mesmo algunha porno". A presentación no Borrazás vén motivada porque o editor, José Aldea, estaba procurando un lugar un pouco diferente e que, ao tempo, estivese relacionado co autor.  O seu irmán explica que "daquela os bares eran puntos de encontro, porque se vivía na rúa e a Lois gustáballe moito atoparse coa xente e falar".

Desamor
Un deses amigos cos que se encontraba era o dramaturgo e autor Lino Braxe, que se encontrou co tradutor Lois Pereiro porque andaba traballando na dobraxe. Cadroulles máis tarde no grupo poético De Amor e Desamor, xunto con Manuel Rivas, "aínda que Lois e máis eu non falabamos de poesía, senón de traballo, porque os dous estabamos buscándonos as fabas".

Citábanse no Borrazás, e tamén en El Molino e noutro sitio do Orzán que desapareceu, "en sitios escuros e bonitos" para conversar "baixiño, porque Lois falaba coa  voz pequena e era marabilloso". Braxe confesa que "non sei como me vía el a min, eu mirábao cunha admiración absoluta. Levábame catro anos e atopei nel algo especial, foi unha desas veces na vida na que sabes que estás tocando algo non controlable". Esa harmonía trasladouse ao proceso de edición,porque, destaca José Aldea, "foi algo rápido e cordial, algo que non acontece nas fotobiografías, que son complicadas de facer. Iso foi grazas á familia e aos colaboradores, que cumpriron a tempo".

5'0 (5 votos)

valorar_registrado


Acceder Crear usuario

valorar_propios



valorar_valorado



¿Comentas?

comentarios_interesa guía de comentarios.


Acceder Crear usuario

co_explica





captcha

Cambiar por outro


co_pouco_html
co_etiquetas_html


Fotos