Entrevista

Xosé Manuel Seivane: ''Eu dixen toda a miña vida que a gaita era o símbolo de Galicia, e morrerei niso''


Etiquetas: entrevista, país, tradición, música

11/02/2011 - Marta Veiga. EPL

Xosé Manuel Seivane naceu na parroquia de Fonmiñá, no municipio chairego da Pastoriza, e foi alí onde aniñou o seu sono de ser facedor de gaitas, unha inquedanza que materializou en 70 anos de carreira profesional e no selo Seivane, que en todo o mundo é sinónimo de calidade e bo facer na construción de cornamusas.

É o día do seu aniversario e o patriarca Seivane, orgulloso do seu clan de luthieres e músicos, é un conversador ameno cunha memoria a proba do tempo. Este sábado, ás 17.00 horas, no obradoiro dos Seivane haberá festa rachada na honra de Xosé Manuel.

Pregunta: Como lle deu polo de facer gaitas?

Resposta: Comecei de chaval e mentres viva e teña forzas e algo de coñecemento seguirei baixando ao taller. Non pasa un día sen que non vaia e é un pracer poder facelo.

P: Moito cambiou o conto desde aquel primeiro taller que tivo en Fonmiñá no 39 a este moderno de Cambre, non si?

R: Cambiou como da noite ao día, neniña! Con dicirche que o primeiro torno de ballesta o fixen eu mesmo! E nunca vira un! Saqueino por un debuxo da enciclopedia que tiñamos na escola, no que viñan aparellos de traballo... Fixeime na cousa e saqueino.

P: E púxose a facer gaitas...

R: Todo foi porque os meus pais mercáronme unha gaita moi boa. Con dicirche que era o ano 34 e costou trinta e tantas pesetas...

P: Un capital.

R: E tanto. Era unha gaita moi boa, que chamaba a atención.

P: E sabe quen a fixo?

R: Non recordo como se chamaba.

P: Pero a vostede prendeulle a gana de ser luthier...

R: Eu ía coas vacas e cavilaba niso. O meu pai dicíame: "Amigo, iso malamente; é moi difícil". Queríame sacar a idea.

P: Pero non deu.

R: Que va! O meu pai era un artista e axudoume a facer as ferramentas. Eu copiei pola gaita que tiña e saiume unha perfecta e xa pensei que sabía moito. E o meu pai: "Miñaxoia, que vas saber!". E tiña razón. Fixen unha segunda sen copiar pola outra e non afinaba. E empecei a cavilar onde estivera o fallo e seguín a facer.

P: E logo tocoulle facer o servicio militar en Pontevedra e alí que se foi coa gaita feita de seu...

R: Na banda militar tocabamos e aprendiamos marchas militares.  Estaba todo afinado en si bemol e as gaitas eran brillantes, en si natural... e aquilo era... Puxéronme de encargado e non había quen afinase e había que ir a un desfile a Valladolid. O capitán preparou unha marcha e díxome: "Seivane, esas gaitas no afinan". Eu xa o sabía.

P: E que fixo vostede?

R: Había un chaval de Ponteareas e a súa gaita e máis a miña soaban perfectas. E respondinlle: "Señor capitán, vamos a tocar yo y más el otro compañero". E saiu ben. E o capitán preguntoume que quen fixera a miña gaita; eu díxenlle que a fixera eu. "¿Se compromete a hacer todos los punteros?", preguntoume. E dábame un mes de permiso...

P: E deu feito os punteiros?

R: Eu falei con rapaz de Ponteareas e conteillo todo. "Metinme no que non sei", díxenlle. Eu non volvera á casa desde que empezara o servicio e non sabía se alí quedaría algo da madeira que deixara... O de Ponteareas tivo unha idea: "Estén tranquilo; veste comigo a Ponteareas xunta o home que fixo a miña gaita". E alí nos fomos.

P: E construíron os punteiros.

R: Estivemos alí traballando unha semana. Ese home foi o que me animou a seguir cando colleu a gaita que eu fixera en Fonmiñá. "Ten o corpo mal feito, pero os buratos están no sitio", díxome. Que contento quedei. E deume o mellor consello: "Se podes e che reina e tes afición, segue, porque vales para isto".

P: E logo do servicio foi parar á Ribeira de Piquín.

R: Eu fora tocar cun grupo que tiña. Vin alí unha rapaza e comecei bailar con ela de broma, que eu tiña unha moza en Fonmiñá... Pero coa broma establecinme alí e na Ribeira vivín ata hai 14 anos, que viñeron a Cambre os fillos e abriron o taller co mesmo nome e decidiron que había que unificalo todo...

P: E ata hoxe.

R: Levo tres anos retirado, pero non podo pasar un día sen ir ao obradoiro: é a miña vida e moito me deu que estudar e que argallar.

P: E por alí pasan gaiteiros de todo o mundo. Como o leva?

R: Non hai nada como ver a rusos, chinos ou americanos, que non saben falar galego, pero tocan a gaita. Non sei explicalo; é un orgullo moi grande. Eu sempre dixen que a gaita é o símbolo de Galicia e morrerei niso. En Galicia hai gaitas moi boas e hoxe unha gaita pode tocar cunha sinfónica, cun grupo de rock, con calquera instrumento... Dáse afinado.

P: É moi difícil iso de templar gaitas?

R: É o máis importante: antigamente había só gaitas en dúas tonalidades, sempre en brillante, e agora facemos ata quince...

P: Vostede tamén é músico...

R: Hai tempo que non toco nin a gaita nin o clarinete. Recordas o grupo e o tempo apodérase dun...

P: O Curuxeiras foi o seu referente.

R: Pero eu non o coñecín! Era máis vello có meu pai e souben das súas cancións porque a miña nai, que cantaba moi ben, aprendíamas.

P:
E que outros gaiteiros dos de antes lle gustaban cando era mozo?

R:
Todos! Estaba o López de Baltar, da Pastoriza, e o Francisco do Crego de Sinde... Como tocaba! Facía os descansos da banda --daquela non había orquestras-- e os músicos da banda quedaban mirando para el agarrados aos paos do palco. Despois vin moitos gaiteiros.

P: E Ricardo Portela...

R: Foi un gran amigo meu. Fíxenlle as gaitas. El tocaba en pechado e non daba, porque non se facían gaitas a xeito para tocar en pechado. Eu probei a que traía el e díxenlle: "A esta gaita fáltalle algo" e agradoulle moito o traballo que fixen con el.

P: E dos de agora, que gaiteiros lle gustan?

R: Todos, gústanme todos.

4'8 (9 votos)

Para valorar comentarios debes estar registrado.


Acceder Crear usuario

No puedes valorar tus propios comentarios.



Ya has valorado este comentario



¿Comentas?

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.


Acceder Crear usuario

Puedes comentar sin tener que crear un usuario, pero es recomendable si quieres acceder a todas las funcionalidades de los comentarios (votaciones, karma, foto personalizada)





captcha

Cambiar por outro


Un poco de HTML está bien
Puedes usar algunas etiquetas HTML <a></a>, <b></b>, <s></s>, <u></u>, <i></i>

Fotos

(Foto de arquivo: EPL)
(Foto de arquivo: EPL)