Galiciaé.
A voceiro de Educación do BNG, Carme Adán rexistrou unha Proposición non de lei que defenderá proximamente na Cámara galega ao fin de declarar a data, 24 de febreiro, “Día de Rosalía” coincidindo co aniversario do nacemento da fundadora da literatura galega contemporánea, Rosalía de Castro.
Adán tamén pide nesta iniciativa que o “Día de Rosalía” sexa recollido no calendario escolar oficial anual e se organicen, nos centros de ensino, actividades conmemorativas da súa vida, obra e pensamento, “significativamente válidos e presentes onte e hoxe”.
Por outra parte, CIG-Ensino dirixiuse ao conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, para trasladar a petició nda Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) de que o Día de Rosaía pase a formar parte do calendario escolar.
A CIG-Ensino defenderá a inclusión desta data no calendario escolar, no apartado de conmemoracións, con carácter permanente na Mesa Sectorial en que se trate o tema. CIG-Ensino considera fundamental que os centros escolares, realicen actividades diversas destinadas a homenaxear a Rosalía Castro, como xeito de afondar no coñecemento da nosa autora máis representativa, transmitindo ás xeracións máis novas "o amor e o respecto polo que nos é propio: a nosa lingua e a nosa cultura".
A CIG-Ensino xa lle propuxo aos centros escolares que, no día de hoxe, realizasen actividades didácticas de homenaxe á nosa escritora, sumándose aos actos convocados pola AELG no seu desexo de institucionalizar a celebración desta data.
24/02/2011