Literatura

Callón gaña o Vicente Risco de Ciencias Sociais cun ensaio sobre a homosexualidade na Idade Media


Etiquetas: historia, libro, homosexualidad, literatura, ensayo

27/02/2011 - B.V

Chamábanse Pedro Díaz e Muño Vandilaz os dous homes que o 16 de abril de 1061 protagonizaron o primeiro matrimonio homosexual datado en Galicia e un dos primeiros de Europa. Foi no municipio ourensán de Rairiz de Veiga vai facer agora 950 anos, e o documento histórico que supón a acta que recolle este feito atopouse no Tombo do Mosteiro de Celanova, que hoxe está depositado no Arquivo Histórico de Madrid.

"Antes do século XI o prexuízo homosexual non tiña nin a fama nin a forza que ten hoxe", explica Carlos Callón, quen incorporou este e outros rechamantes datos no seu ensaio Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, merecente do XVI Vicente Risco de Ciencias Sociais.

O pecado do que Cristo nunca falou
Callón (Santa Uxía de Ribeira, 1978) atendeu o teléfono emocionado polo premio, disposto a narrar como foi o traballo de investigación. "É interesantísimo ver como a Igrexa non comezou penalizando a homosexualidade. Era un pecado menor, por debaixo do adulterio", conta este filólogo e mestre que exerce á vez como presidente e voceiro da Mesa pola Normalización Lingüística. Sorprendido polos seus achádegos, di que Cristo non falou en ningún momento da homosexualidade "e mira que non falaba de pecados!", apunta entre risas. Muda o conto no s.XI, co establecemento das monarquías absolutas, cando a Igrexa acaba tirando do carro da discriminación por razóns da condición sexual.

"A sodomía pasou a ser un pecado público especialmente útil para afianzar o poder, ao consideralo coma o máis ofensivo aos ollos de Deus", afirma. Así as cousas, Callón concibe o libro galardoado coma unha obra de investigación e divulgación "mais tamén de combate, de facer aflorar algo que ficaba oculto". Conxúganse ambos aspectos nunha análise por capítulo centrada en documentos coñecidos --e outros non tan coñecidos, coma o da primeira unión gay do país-- sobre os que nunca se puxo o foco desde esta perspectiva.

"Cando pensamos na homosexualidade na Idade Media imaxinamos un home atado con leña debaixo e que lle prenden lume", di, para desmentir de contado tal imaxe. As súas indagacións levárono a descubrir que, por exemplo, na Crónica Troiana "aparecen amizades intensísimas entre homes", afeitos a durmir xuntos ou a bicarse en público sen sufrir repulsa ou crítica algunha. Por contra, "en pleno século XXI", o propio Callón e a súa parella víronse na obriga de presentar unha demanda --tras a cal foron indemnizados-- contra un axente de policía por unha agresión homófoba nunha rúa de Compostela.

De volta na Idade Media, estas relacións abertas, asentadas, iso si, sobre os alicerces dunha sociedade misóxina, aparecen recollidas na literatura ou na pintura. Tal e como lembra Callón a título de anécdota "os tres Reis Meigos durmían xuntos". Co paso do tempo, unha práctica "que non foi penalizada durante os mil primeiros anos do Cristianismo" acabou por ser motivo de discriminación e até de despido nunha empresa.

Máis subvencións e apoio para a lingua na escrita

Agradecido polo premio que vén de recibir, ao escritor sáelle a vea reivindicativa e critica a falta de apoio institucional a certames coma este, respaldado pola editorial Sotelo Blanco e a Fundación ourensá Vicente Risco. "A Xunta debera ter outro papel, si, pero tamén as universidades, garantindo que os autores poidan publicar na súa lingua e as traducións ao galego", considera, lembrando que existen xéneros coma o ensaio, o teatro e "sobre todo" a poesía onde os autores teñen por diante un pedregoso camiño.

"Moitos non poden publicar estando vivos e despois dase o paradoxo de que, de mortos, lles publican as obras completas. Hai que coidalos máis de vivos", pide Callón, quen asegura que cos 6.000 euros do premio tapará "buraquiños" na súa cociña. Seica xa lle cómpre unha reforma.

5'0 (20 votos)

valorar_registrado


Acceder Crear usuario

valorar_propios



valorar_valorado



¿Comentas?

comentarios_interesa guía de comentarios.


Acceder Crear usuario

co_explica





captcha

Cambiar por outro


co_pouco_html
co_etiquetas_html